Momo esgota as entradas

Cheo. Así estivo o auditorio do Pazo da Cultura pola estrea da obra de teatro «Momo», da compañía Anna Roca. A protagonista da obra é unha nena que posúe a marabillosa cualidade de saber escoitar os demais e que desexa axudar á xente a humanizar as súas vidas. E máis aínda cando os homes grises deciden apoderarse dun dos bens máis prezados que posúen as persoas: o seu tempo. Porque o tempo é vida. E a vida reside no corazón.

Cidade Revolución!

Para solucionar un problema, hai que detectalo e iso foi o que fixemos esta tarde con Morgana Creatividade. Pensamos que cousas non nos gustan como os incendios, as guerras, a contaminación a fame, etc. e atopamos como resolvelas: facendo cousas boas polos demais, reciclando, protestando contra as cousas malas… Ao remate plasmamos todas esas ideas tan boas nun mural con pintura, ceras, papel e unha chea de materiais de refugallo. Mirade que chulo quedou!

Revolución submarina

Música, contos e debuxo. Vaia mestura que nos trouxeron os artistas de Polo Correo do Vento ao Salón esta tarde. O Recinto Feiral estaba ateigado de xente, que gozou dun espectáculo maxistral onde mentres nos contaban unha historia sobre o mundo submarino, a música ía acompañando a narración e unha ilustradora poñía en imaxes a historia. Un exercicio triple que cautivou á rapazada e tamén aos familiares. E para rematar, tocou unha sesión de debuxo para todos. Que marabilla!

Enchenta de cajuzinhos

Uuuuuummmm!!😋 Vimos de merendar uns doces boísimos típicos de Mozambique: bombóns de cacahuete ou cajuzinhos. Fixémolos nós mesmos no obradoiro de cociña lusófona con Maria Amelia Andrade Martins no que descubrimos o cajú e a castaña do cajú (anacardo) e lle demos aos nosos bombóns esa forma. Empregamos cacahuetes, leite condensada, cacao, zucre e sal. Non sabedes o sinxelo que é facelos e o bos que están!!

 

Os quokkas aniñan no Salón

Sabedes o que é un Quokka? É un marsupial moi simpático, do tamaño dun gatiño doméstico. É considerado o animal máis feliz do mundo polo seu carácter, mais está en perigo de extinción. Pois o protagonista da obra Quokka Moka, que María Solar presentou hoxe no Salón, xunto con Vïctor Rivas o ilustrador do libro; é un destes animaliños tan sorrintes, pero é verdaderamente insoportable ata o punto que chega a exterminar a súa especie e ten que viaxar ao mundo do revés para devolvelos á vida.

Mentres María Solar falaba do seu conto, o público que se deu cita no salón asistiu a unha clase mestra de Víctor Rivas sobre como debuxar un Quokka. Cos seus trucos, cabeza de pera e corpo con forma de gota de auga, todo o mundo foi capaz de debuxalo á perfección.

Canto e conto

Como se fora unha verbena. Así estivo esta mañá o anfiteatro que ten o Salón no Recinto Feiral. As familias non pararon de mover as cinturas e dar palmas en ningún momento. O responsábel deste frenesí de alegría foi Paco Nogueiras, que presentou o seu espectáculo musical C@nto contigo. Nogueiras fixo un repaso por cancións infantís moi especiais como «Un mundo entero por viaxar», que acompañou cun acordeón que fixo as delicias de todo o anfiteatro.

A revolución da ciencia

A ciencia é unha revolución constante que mellora as nosas vidas. Toda a nosa información está recollida no ADN e xustamente con el traballamos esta mañá grazas ao equipo do UCC CSIC Galicia Empregamos diferentes froitas e elementos como un morteiro, area, deterxente lavalouzas, sal ou zume de piña para conseguir ver a súa estrutura logo de romper a parede celular.

Rir coma bebés

Non é nada doado captar a atención dos bebés, mais se hai alguén que sabe como facelo son a compañía de Portugal We Tum Tum que presentaron o seu espectáculo Crassh Babies, que explora desde unha perspectiva cómica as rutinas diarias das familias con bebés. Non faltou a música, que fixo mover a cintura á cativada; nin tampouco a participación dos pais e nais, que por esixencias do guion tiveron que converterse en parte do elenco. E que ben o fixeron!!

Mais senón puideches acudir á sesión desta mañá, acouga. Temos dúas máis ás 17 e as 18.30 horas. Podes mercar as túas entradas (3 euros) na billeteira da Sala Obradoiros ata unha hora antes do inicio da función

Sés súmase á revolución lectora

Moito nos gustan os encontros lectores no salón e conversando con María Xosé Silvar, a cantante de Sés que deu hoxe pola mañá un concerto no Teatro Principal, pasámolo en grande. Coa naturalidade que a caracteriza, Silvar declarouse unha namorada da lectura. Le toda clase de libros e asegura que na súa biblioteca hai espazo para todo, desde a Biblia ata o Mein Kampf, afirmou.

A súa paixón pola lectura herdouna do seu avó e está seguro de que no mundo non pode haber ninguén ao que non lle guste coller un libro. «Que non che guste ler e como que non che guste comer. Pode que o brócoli con vinagre non che guste, pero si outros platos, ilustrou provocando a gargallada do público. Neste senso, defendeu o valor da lectura para formar persoas independentes, porque a lectura ensina a pensar, dixo.

As súas letras tamén beben da literatura, de feito falou dun poema sobre a revolución cubana que forma parte do seu repertorio, mais obviou de forma deliberada uns versos nos que se falaba de fusís e patria. Porque María Xosé Silvar non cre nas armas nin no significado de patria nin nas razas. Ela é defensora das verbas e do diálogo.

Contos de Lonxedetodo

Pasamos un anaco da tarde escoitando contos dunha das voces favoritas do Salón, a da ratiña Carolina (Isabel Risco) de TrinkeTrinke Teatro, chegada de Lonxedetodo.

Veu falar das súas profesións favoritas e tamén da familia que máis lle gusta: a súa, con dúas mamás. E é que cada familia é diferentes pero todas son as mellores, porque están compostas pola xente que máis nos quere do mundo.