Rematou a revolución

Rematou o Salón. Longa vida ao Salón! Non sabemos se sorrir ou chorar. Estamos moi ledos por estes 21 días adicados en corpo e alma á literatura infantil e xuvenil. Fixemos de todo: obradoiros, contacontos, concertos, teatro, cociña, recibimos a nenos e nenas de coles de toda a contorna e todos os días visitáronnos ducias e ducias de familias. Mais non podemos evitar estar tristes porque isto rematou. Que mágoa. Ímosvos botar moito de menos.

E como sabiamos que isto ía pasar preparamos unha fin de festa revolucionaria. As nenas e nenos do Rock Lab deron un concerto abraiante. Co pequeniños que son e vaia ritmo teñen Que ben os ensinaron Gustavo Maceira e a súa equipa. Logo Andrea Bayer, que foi a nosa mestra de cerimonias, deu paso a Carmen Fouces e Luis Bará que fixeron un breve repaso polos vinte anos de historia do Salon e sobre como revolucionou a cidade. E para rematar sopramos as velas con Orbil.

Viva o Salón e que veñan vinte máis!!!!

Unha novela gráfica revolucionaria

No Salón non só organizamos obradoiros para a rapazada, tamén estreamos obras de teatro e mesmo presentamos libros. Como fixemos esta tarde coa novela gráfica “Pinturas de Guerra” de Ángel de la Calle que Retranca, de Kiko Dasilva, edita en galego. “É a novela ideal para impulsar a novela gráfica en galego”, afirmou con rotundidade Dasilva, moi ilusionado con este proxecto porque “é unha obra dura, pero non difícil de ler, é moi diferente á banda deseñada que se está a publicar no noso país”, dixo. O propio De la Calle recoñeceu que levou moitas veces coa porta na cara por parte de moitas editoriais e cando atopou unha que aceptaba publicalo, advertíronlle de que non ía vender moitas copias porque “los tebeos se hacen para los que se disfrazan de Spiderman”. Nada máis afastado da realidade porque “Pinturas de Guerra”, unha novela que fala da persecución de pintores latinoamericanos polas ditaduras daqueles países, está sendo un éxito en todas as partes onde xa foi publicada. E en galego tamén o será, ademais Dasilva promete unha portada revolucionaria, como o noso Salón.

Ovo de vaca

Mira que as granxas sonche ben divertidas. Cos seus porquiños, as súas ovellas, os seus cabaliños, as súas vacas, os seus coellos, os seus cans pastores… Ocórresevos algo mellor? Non? Pois esta tarde no Salón, os nosos amigos de Reviravolta descubríronnos unha granxa ben diferente. Non sabemos onde está, pero ten ovellas que saltan á pata coxa, cabalos que saben limparse os dentes e ata unha vaca que pon ovos. Chámase Maca e toda a rapazada que viu hoxe ao noso obradoiro xa coñece toda a súa vida. É unha vaca revolucionaria. E, por sorte, no Salón conseguimos algúns deses ovos de vaca e a nosa cativada fixo toda clase de experimentos con eles. E para rematar, deseñaron nun folio os seus propios ovos, cheos de colores e de moitísimas formas.

Outra de contos

Nova rolda de visitas de escolas infantís. Hoxe foron as nenas e nenos do Vidal Portela, A Parda, Abrente e San Clemente os que gozaron dos contos de Andrea Bayer e de Charlatana, de Marta Ortiz e Brais de Hortas. Todos o pasaron en grande e mesmo participaron nas historias dos nosos contacontos favoritos. Como nos gustan as historias de Dora a exploradora que conta Bayer e a viaxe polo mar de Charlatana.

Pinturas de guerra

Hoxe tivemos o pracer de contar no Salón cun invitado moi especial. O ilustrador salmantino Ángel de la Calle viu de visita para presentar a súa última novela gráfica “Pinturas de Guerra”. O autor falou co alumnado de centros de Secundaria de Pontevedra sobre a situación do sector, sobre as saídas laborais e sobre a súa traxectoria como debuxante e deseñador de banda deseñada. Para animalos contoulles a súa historia persoal. Estudou Belas Artes e sacou o título de mestre, mais nunca quixo exercer a profesión. Apostou pola súa vocación malia que na Universidade case que estaba prohibido falar de banda deseñada, dábanlle máis importancia a outras artes, contou. Aínda así, de la Calle soubo abrirse camiño ata converterse nun dos mellores debuxantes do país.

Esta tarde, ás 19 horas, volverá estar connosco acompañado de Kiko Dasilva, editor desta novela producida por Retranca.

Risotadas

Hai moitos recunchos especiais no Salón e paga a pena asistir ás visitas guiadas que fan as nosas monitoras e monitores para explicar os contidos das exposicións que visten cada unha das paredes. Esta tarde, ademais das familias que veñen cada tarde ata o Pazo, recibimos tamén ao alumnado do FP de Educación Infantil do IES de Chapela. Ensinámoslle a decoración das nosas salas e chamoulles moito a atención a mostra da evolución da escritura e o mural das revolucións.

Contacontos para tod@s

Non nos cansamos de recibir visitas no Salón. Esta mañá foi a quenda das nenas e nenos das escolas infantís do Grupo, Bicos, San Benito, Castrelo, Flavia e Tirán. Portáronse de marabilla e pasárono xenial cos contacontos de Andrea Bayer e de Charlatana. As historias da galiña Dora a Poñedora, os contos, as cancións e o baile da mosca no nariz de Andrea Bayern deixaron abraiados á nosa cativada. Do mesmo xeito que o fixeron Marta Ortiz e Brais de Hortas coa súa viaxe polo mar, onde cantamos cancións de mariñeiros, descubrimos instrumentos musicais e coñecemos a moitísimos animais mariños.

Manga para todos

Todo o mundo sabe o que é o manga. A banda deseñada xaponesa e o seu cinema de animación. Todos coñecemos a Son Goku ou a Oliver e Benji. Diso e moito máis falounos esta mañá o ilustrador pontevedrés Kiko Dasilva e os seus axudantes Zaida Novoa, Miriam Iglesias e Víctor Rivas. O fundado de Garaxe Hermético fixo un percorrido polos inicios da banda deseñada xaponesa ata que trala Segunda Guerra Mundial converteuse no que xa todos coñecemos. Quedamos abraiados co estraño parecido entre o Rey León de Disney (1994) e o de Osama Tozuka (1965) e aprendemos que Mickey Mouse está moi relacionado con Astro Boy e Son Goku. Mudando só un par de trazos, Dasilva converteu a marca de Disney no protagonista de Dragon Ball, deixando asombrados aos estudantes de Secundaria que recibiron unha verdadeira clase mestra, e unhas cantas recomendación de películas que deben ver, de animación e manga xaponés.

A tarde pasa voando no Salón

O programa do Salón está cheo de actividades todos os días. Contacontos, obradoiros, obras de teatro… Mais esta tarde levamos unha alegría xigante cando o noso monitorado acordou organizar uns obradoiros sorpresa pola tarde. Non o agardabamos, pero pasámolo como ananos deseñando chapas, debuxando azulexos de papel para decorar a parede da nosa sala Saudade e mesmo pintamos directamente na parede porque temos que darlle cor ao mural do Salón antes de que peche. Coa axuda da cativada seguro que o conseguimos. Por hoxe xa fixemos dabondo, pero mañá agardámosvos, non faltedes.

Charlamos con Fina Casalderrey

Hai persoas ás que da gusto escoitar e Fina Casalderrey é, sen dúbida, unha delas. Esta tarde a tivemos de visita no Salón e conversamos dunha chea de cousas con ela, nun encontro no que participaron tamén mestras e mestres de varios centros de ensino. Ademais da súa obra, con confesións como a de que non quixo publicar nada ata non ter cumprido os corenta e de como se sentiu cando comezou a gañar premios, Fina fixo especial fincapé na defensa da nosa lingua. Desde a súa cadeira da Real Academia Galega, insiste moito na promoción do galego e agradece todas as iniciativas dos ensinantes para facer que as crianzas se animen, sen prexuízos, a falar na nosa lingua. “A xente é a que mantivo viva o galego”, dixo para subliñar a importancia da normalización do idioma, por diante da normativización, á que non lle quixo restar valor. Como tampouco llo quitamos nós ás filloas que papamos mentres escoitábamos as sempre interesantes verbas da nosa convidada.