Aos bebés tamén lles gusta o teatro

A sala de Obradoiros do Pazo da Cultura acolle hoxe, en tres sesións, a representación da obra de teatro para bebés da compañía Os Náufragos titulada Comenoites. Os cativos fican abraiados, ao mesmo tempo que aprenden as diferenzas entre o día e a noite, co apetito de Comenoites, un trasno ao que lle encanta papar as estrelas, a lúa e todo o que teña que ver coa noite para que saia o Sol canto antes, enchendo todo de luz e calor.

O primeiro pase foi pola mañá, pero aínda quedan outras dúas representacións ás 17 e as 18.30 horas. O prezo da entrada é de 3 euros e poden adquirirse na taquilla do auditorio desde unha hora antes do comezo da función. É unha marabilla, non vola perdades!