Batalla de contos

O anfiteatro do Recinto Feiral non é un ring de boxeo, pero nel tivo lugar unha pelexa. Pero non vos asustedes, foi unha pelexa pacífica e moi entretida. As loitadoras foron a brasileira Benita Prieto e a galega Paula Carballeira. Ámbalas dúas loitaron por facer rir a un público que, aínda que maioritariamente de curta idade, era moi esixente. Prieto optou por unha historia de pantasmas na que era o espectro o que acababa tremendo de medo e Carballeira narrou cómo unha cría de mosquito foi capaz de enfrontarse ao lume dunha vela para vencer todos os perigos. A cousa non acabou en empate, como poderíades pensar. Gañaron as dúas porque durante a loita, ninguén foi capaz de quitar o ollo do escenario.