Comeza a revolución

Paseniño, paseniño é o título do espectáculo co que se inaugurou o Salón do Libro de maneira oficial. Por diante quedan agora tres semanas de intensa actividade lúdica e cultural que inundará non só o Pazo da Cultura, senón todos os recunchos da cidade con obradoiros, visitas guiadas, espectáculos ou contacontos. A posta en escea foi inmellorable. A actuación do coro do IES A Xunqueira I abriu o espectáculo que conduciron Nee Barros e Manuel Albariñas. Entre discurso das autoridades políticas e os contos narrados por Raquel Queizás e Tareixa Alonso, os presentadores foron debullando os vinte anos de historia do Salón.

A primeira en tomar a palabra foi a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, quen afirmou que «o Salón é unha fiestra aberta ao mundo, un punto de encontro entre linguas e culturas». O agregado cultural da embaixada de Brasil, Marcelo Hasunuma, agradeceu a invitación da comunidade lusófona á cidade. Despois de que Nee Barros recitara un poema de Antonio García Teijeiro, o actor homenaxeado nesta edición do Salón, subiu ao escenario Raquel Queizás para contar un conto, con dúas tartarugas como protagonistas, no que retrata todos os males do machismo. O segundo, de Tareixa Alonso, reivindicaba o dereito dunha princesa a escoller ao seu home.

O seu amor por Pontevedra, cidade na que estudou maxisterio e na que xogou ao balonmano coa camiseta do Teucro, o expresou Antonio García Teijeiro nun emotivo discurso no que situou ao Salón como «o mellor do país», reivindicou a necesidade potenciar a poesía infatil en galego porque «a poesía é revolución» e culminou recintando un peoma de en galego de Paco Ibáñez.

O acto rematou cun discurso do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que botou a vista cara atrás recordando os vinte anos de vida do Salón. «O salón chegou a Pontevedra con vontade de revolucionala e así o fixo. Con él aprendemos que a literatura infantil e xuvenil non era só cousa de crianzas e que tampouco era a rama pobre da literatura», exclamou o rexedor, que convidou a todo o mundo a participar no salón brindando por vinte edicións máis.

A interpretación da canción de Coldplay, Viva la Vida, foi o tema que entoou o coro da Xunqueira para cerrar o espectáculo. Logo, o quinteto de metais do conservatorio de Pontevedra conduciu a todos os espectadores ao Salón, onde agardaba Orbil, que xa se deixara ver con contaxioso baile no auditorio, para abrir as portas á diversión.