Ilustracións que voan

Antes de que se inventara o cinema as imaxes eran estáticas, xa foran fotografías ou ilustracións. Pero iso non quere dicir que a sensación de movemento non existira. No obradoiro Acción! Revolución! da academia de Stop Motion Kraken viaxamos ata o século XIX para coñecer os aparellos precursores do cinema. As crianzas debuxaron uns paxaros nunha cinta de papel coas ás en diferentes posicións, logo colocaron a cinta no zoótropo, un pequeno cilindro que rota sobre o seu eixo, e maxia!. Ao asomar a vista ás fendas do zootropo mentres xira, descubrimos que a pomba está batendo as súas ás. Iso si que foi unha revolución!