Libros para escapar

O Salón pechou onte á mesma hora de sempre, mais no seu interior a actividade seguiu ata media noite coa rapazada de Noites Abertas que participou nun Scape Room moi particular. Nós chamámolo Scape Book. Divididos en catro grupos, os participantes tiveron que resolver toda unha serie de adiviñas e atopar as chaves repartidas polas diferentes estancias do Salón para poder pasar a seguinte fase. E todo nun tempo determinado. Que tensión tan divertido!

Uns tiveron que achar unha data agochada nos diferentes carteis do Salón, outros saíron na pescuda do título dun libro e houbo tamén quen tivo que poñer en orde os títulos e os autores para desbloquear a seguinte rolda. Non foi nada doado, pois se saltaban un paso ou esquecían unha pista, sería imposible superala proba. Aínda así, os nosos concursantes e tamén as monitoras e monitores sonche ben listos e ao final conseguiron todos escapar.