O Motim chega ao Museo

Motim é o nome co que se bautizou á exposición de trinta e oito ilustracións creadas polos mellores artistas de Portugal que xa se pode visitar no edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. Esta mañá tivo lugar a inauguración da mostra cun percorrido polos corredores da sala nos que a comisaria Mafalda Milhões exerceu de mestra de cerimonias. Ás súas explicacións sobre o contido da colección prestaron moita atención a comitiva brasileira formada por narradores, debuxantes, escritores e representantes da embaixada brasileira que participarán estes días nos actos do Salón.

«Son millóns de pequenas revolucións», detallou Milhões sobre o significado dos cadros. A revolución é o lema do Salón do Libro e malia que Motim é o título da exposición, pero non se debe a ningunha revolta,«non hai nada mellor que un motín para entender a revolución, das que ás veces saen cousas moi boas», dixo a concelleira de Cultura, Carmen Fouces. Tamén o diputado provincial encargado da área de Cultura, Xosé Leal, felicitou ao equipo do Salón por ter escollido esta temática. «Neste mundo fan falla revolucións e que os mozos sexan partícipes dos cambios que fan falla», sinalou.

Antes de asistir á inauguración do Motim, a delegación brasileira foi recibida polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. No seu despacho o rexedor conversou con eles sobre a estreita relación que une aos galegos coa comunidade lusófona e de paso que os convidaba a dar un paseo polo casco vello da Boa Vila, aproveitou para presumir dun modelo de cidade que non deixa de recibir galardóns.