Unha cidade de conto

A quen non lle gusta que lle conten contos? A ninguén. E se os contos son divertidos e veñen acompañados dun paseo por Pontevedra, de visitas ás librarías e de xogos, moito mellor. Iso foi o que ofreceron Cora Velasco e Rocío Romero, as creadoras de Turiña, a un grupo de doce nenas e nenos acompañados dos seus familiares que camiñaron pola Boa Vila durante unha hora.

Abraiados quedaron os rapaces coas historias narradas por Cora e Rocío con protagonistas tan populares na vila como Valle Inclán, Emilia Pardo Bazán, Benito Soto, Rosalía de Castro ou o mesmo Ravachol. A ruta comezou na praza de Compostela cunha visita á libraría Paz para escoitar un conto de Carmen Castromil sobre Rosalía de Castro. Logo camiñaron ata a estatua de Ravachol para coñecer como chegou o papagaio máis famoso de Pontevedra a esta cidade. De camiño á praza da Ferrería, fixeron un alto na librería Pueblo, alí descubriron a figura de Emilia Pardo Bazán. A última parada foi na librería Cao, antes coñeceron cómo perdeu Valle Inclán o seu brazo diante da súa estatua e, por último, escoitaron as lendas do pirata Benito Soto diante da praza de abastos.

«Salón molón!» era o cántico que entoaron os pequenos mentres se movían dunha libraría a outra. Non lles falta razón porque o programa do Salón do Libro está cheo de actos moi divertidos. Non deixedes pasar a oportunidade de participar. Animádevos.