Dores Tembrás e Antía Otero recomendan “O branco non pinta”

As editoras Dores Tembrás e Antía Otero recomendan “O branco non pinta!” o novo álbum ilustrado editado por Apiario dentro da colección Niño de Abella.

Esta é a primeira achega de Antía Otero á Literatura Infantil apostando por unha aproximación ao branco e ao seu valor conceptual que a maior parte das veces seméllanos lonxana e inaccesible. Unha oportunidade para adentrarnos na reflexión sobre a importancia das preguntas na infancia. 
Apiario recomenda este álbum:
-porque a resposta non importa tanto como a pesquisa
-porque o branco pode ser coma o silencio
-porque o branco contén todas as cores
-porque nas magníficas ilustracións de María Brenn atoparemos unha verdadeira homenaxe á cor.

Grazas pola vosa recomendación! A partir de agora, veremos o branco doutra maneira!

Llerena Perozo recomenda “Vanesa non quere ser princesa”

Llerena Perozo Porteiro, de Auga Editora ,recomenda un álbum do seu catálogo: “Vanesa non quere ser princesa” con texto de Xosé Antonio Perozo e ilustracións de Jaime Asensi.
Valaquí o que nos di:

“Este é un libro moi querido en Auga Editora. Cunha longa vida, xa que viu á luz por vez primeira en 2004, relanzamos en decembro de 2017 esta obra infantil de Perozo na que as nenas aprenden e comprenden que de maiores poderán ser e facer o que elas queiran. É para nós unha modesta achega á emancipación e empoderamento das mulleres vindeiras, as que liderarán o futuro”.

Que así sexa, Llerena! Moitas grazas pola achega!