Contos para escoitar unha e outra vez

Nada é máis hipnótico que un conto. Unha boa historia pode facer que as horas pasen como segundos, mentres quedamos enfeitizados mirando e escoitando á nosa narradora. Non é nada doado ter a capacidade de captar a atención da xente, e moito menos das crianzas. Mais a contacontos brasileira, Benita Prieto, sabe facelo mellor que ninguén e esta tarde volveuno demostrar. O conto do castelo amarelo, no que a princesa acaba sendo asustada cada noite por un cociñeiro moi algareiro que se disfraza de pantasma. aínda que ao final acaba pasándoo mal; foi unha vez máis unha das historias que máis gustou ás crianzas e ás súas familias.

Isto non é un debuxo, é unha ilustración

Unha araña pendendo do seu fío pode ser unha imaxe aterradora para a maioría das persoas. Mais se a esa mesma araña bríllanlle os ollos e latéxalle o corazón ao mirar a unha mosquiña que revolotea ao seu carón, o sentemento troca de medo a tenrura. Iso foi o que aprenderon os participantes no obradoiro de ilustración que impartiu André Neves esta tarde. Unha vez que quedou clara a diferenza, animou á rapazada e aos seus familiares a realizar a súa propia ilustración. E abofé que o conseguiron.

Masterclass de Ilustración

O Salón do Libro é un lugar para divertirse, pero tamén para aprender e para promocionar a cultura. Nesta edición temos o pracer de contar con dous ilustradores de talla mundial. Os brasileiros André Neves e Roger Mello, gañador do Premio Andersen. Nesta xornada impartiron una sesión mestra ante o alumnado do mestrado de Ilustración e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Pola mañá foi o turno de Neves, mentres que Mello tomou o relevo pola tarde. Ambos transmitiron todo o seu coñecemento sobre o arte da ilustración e compartiron tamén algún segredo para crear personaxes impresionantes.

 

Un Salón cheo de xogos

No Salón temos unha morea de actividades moi divertidas e variadas cada día. Pero para pasalo ben non é obrigatorio participar nalgunha delas, hai moitísimas cousas que facer en cada un dos recunchos do salón. Esta tarde as crianzas percorreron todas as salas do Pazo e ademais de quedar abraiados coa decoración das mesmas, pasárono moi ben cos divertidos xogos suxeridos polos nosos monitores. Por exemplo, no espazo Reviravolta fixeron un xogo sobre seguridade vial aproveitando o mapa pintado na parede. Todos foron capaces de chegar á praia desde o museo sen poñerse en perigo de ser atropelados. Que intelixentes son!

Volven as visitas da rapazada ao Salón

Un Salón sen as visitas dos centros educativos da contorna non sería o noso Salón. Despois dunha fin de semana intensa cargada de contacontos, obradoiros ou obras de teatro, comezamos unha nova semana coas pilas ben cargadas. Esta mañá visitáronnos centos de escolares chegadas de distintos puntos da comarca para coñecer a fondo o Salón. Saudaron a Orbil, participaron en obradoiros e quedaron abraiados co ben decoradas que temos todas as salas.

En total foron máis de mil crianzas procedentes de colexios da cidade como o Álvarez Limeses, Manuel Vidal Portela, Marcos da Portela, Xunqueira I, Pontesampaio ou Marcón. E tamén de localidades veciñas como os de Nantes, Salvaterra, Boiro, Pobra do Caramiñal, Bueu ou Catoira. Mais isto non fixo máis que comezar, para mañá agardamos unha nova rolda de visitas e así todos os días até o 12 de abril.

Os osos panda visitan o Salón

Era o prato máis forte do día e a estrea de Mai Mai, unha obra de teatro producida por Baobab non defraudou. Case non quedaron butacas baleiras no auditorio do Pazo da Cultura e iso que a historia da obra non era para escachar coa risa, máis ben todo o contrario. Aínda que de maneira amena, didáctica e cun punto de vista positivo, o contido da función trataba sobre o perigo de extinción no que se atopa a especie de osos máis bonita do planeta, os osos panda. Así un xornalista e unha fotógrafa, os protagonistas da obra, embárcanse nunha aventura chea de sorpresas e emocións na busca do último panda. O dramático da situación provocou a caída dalgunha que outra bágoa entre o público, que pasou boa parte da obra cun nó na gorxa. Mais ao final sempre queda oco para a esperanza.

Pero se alguén seguía melancólico tralo remate da función, a presenza dun panda no vestíbulo do pazo converteu toda a pena en ledicia, con todas as crianzas rodeando ao oso para acaricialo e facerse unha foto con el.

Portugal, na cociña do Salón

Na segunda sesión de cociña lusófona para a rapazada do Salón, foi o turno para as receitas do país veciño. Fuxindo dos tópicos do bacallau, o plato estrela dos fogóns lusos, Amelia Andrade apostou por algo máis lixeiro, fresquiño e típico para unha xornada calorosa como a de hoxe. Coa axuda de doce crianzas a nosa chef preparou uns ricos batidos de froitas que abondan na cultura portiguesa como a piña, a papaia, a fresa, a guaiaba ou a banana. Mentres a licuadora extraía o zume dos froitos, os participantes do obradoiro probaron outro postre moi típico tamén en Galicia, queixo con marmelo. Ao final todas e todos lamberon os dedos.

Este Salón ten moita marcha

O público en pé, bailando, cantando e aplaudindo. Así rematou o espectáculo que ofreceu Bea Campos no anfiteatro do Recinto Feiral no que non só gozaron as crianzas, as súas familias tamén o pasaron en grande porque as historias narradas e cantadas por Bea Campos non só eran moi interesantes, senón que ademais eran pegadizas. Un dos contos que contou iba sobre un soldado que se dedicaba a arrestar a todo aquel co que se cruzaba, ata que se quedou só no mundo. Apenado, aceptou un consello, liberar a todos os presos e centrarse en axudar a todo o mundo. A canción coa que rematou conto tiña tanto ritmo, que todos saíron do Salón tarareándoa.

A revolución dos robots

Pode un cartón de leite converterse nun robot? A resposta é si. O experimentaron os participantes no obradoiro de Revira Volta sobre a relación entre humanos e robots que derivou nunha conversa entre a rapazada sobre como vai ser o mundo no futuro. Despois de ler un conto no que os androides son protagonistas, foi o turno dos nenos e nenas. Colleron cartóns de leite, forráronos de cinta gris colleron unha morea de pegatinas, lapis e antenas e crearon o seu propio robot que, por suposto, levaron para a súa casa para xogar todos os días con el.

Ilustracións que cambian o conto

Carvoeirinhos é unha obra que trata sobre a explotación laboral infantil, unha historia crúa que o ilustrador brasileiro Roger Mello soubo transformar para sacarlle o lado positivo, alegre e didáctico. Logo de presentarlle o conto aos participantes do obradoiro, foi o turno da rapazada que seguindo as instrucións de Melo idearon unha personaxe orixinal. A plasmaron sobre o papel, déronlle cor, forma e a imaxinación botou a voar.