A música toma o Salón

O derradeiro obradoiro da mañá tivo a música como protagonista. Pablo Diaz deu un concerto obradoiro no que alternou cancións con divertidos bailes e xogos que fixeron as delicias das familias que seguían o espectáculo nas cadeiras do anfiteatro do Recinto Feiral. No escenario non faltou de nada e Pablo soubo como combinar os seus instrumentos dun xeito que parecía que estaba tocando unha orquestra e non un solista. Molou tanto que nin Orbil foi capaz de conter as gañas de bailar

Ao Salón tamén lle molan as terrazas

A primavera chegou cun tempo máis propio do verán e no Salón do Libro non estamos dispostos a desperdiciar a oportunidade de disfrutar un pouco deste soliño. Así que organizamos unha sesión de contacontos no bar Pavero, no campiño de Santa María, e aproveitando que a nosa convidada, Benita Prieto, é brasileira, nada mellor que acompañala sesión cunhas caipirinhas feitas con cachaça traída directamente do Brasil. As familias o pasaron en grande coas historias narradas por Prieto e eses cócteles tan fresquiños axudaron moito a combater a calor

Aos bebés tamén lles gusta o teatro

A sala de Obradoiros do Pazo da Cultura acolle hoxe, en tres sesións, a representación da obra de teatro para bebés da compañía Os Náufragos titulada Comenoites. Os cativos fican abraiados, ao mesmo tempo que aprenden as diferenzas entre o día e a noite, co apetito de Comenoites, un trasno ao que lle encanta papar as estrelas, a lúa e todo o que teña que ver coa noite para que saia o Sol canto antes, enchendo todo de luz e calor.

O primeiro pase foi pola mañá, pero aínda quedan outras dúas representacións ás 17 e as 18.30 horas. O prezo da entrada é de 3 euros e poden adquirirse na taquilla do auditorio desde unha hora antes do comezo da función. É unha marabilla, non vola perdades!

Ilustracións que voan

Antes de que se inventara o cinema as imaxes eran estáticas, xa foran fotografías ou ilustracións. Pero iso non quere dicir que a sensación de movemento non existira. No obradoiro Acción! Revolución! da academia de Stop Motion Kraken viaxamos ata o século XIX para coñecer os aparellos precursores do cinema. As crianzas debuxaron uns paxaros nunha cinta de papel coas ás en diferentes posicións, logo colocaron a cinta no zoótropo, un pequeno cilindro que rota sobre o seu eixo, e maxia!. Ao asomar a vista ás fendas do zootropo mentres xira, descubrimos que a pomba está batendo as súas ás. Iso si que foi unha revolución!

Debuxos con sentidiño

Moitos pensan que os debuxos só entran polos ollos, que só poden percibirse polo sentido da vista. Pero iso non é así. Anxo Fariña, que hoxe celebrou o seu 42 aniversario connosco no Salón do Libro, ensinoulle ás familias que participaron no seus obradoiros que as ilustracións tamén poden tocarse, oírse e ata ulirse. Cómo? Pois moi sinxelo, empregando diferentes materiais para darlle textura, cor e ata aroma á imaxinación da cativada, que o pasaron en grande debuxando extraterrestres, para logo cubrilos con papel vexetal e darlle unha imaxe moito máis aterradora ou amigable. Iso, xa se sabe, corre a conta dos creadores.

Historias que se contan e se cantan

No auditorio do Pazo da Cultura comezou a primeira xornada do Salón do Libro cun espectáculo de poesía, música, baile e contacontos e alí mesmo rematou pasadas as oito da tarde coa estre dunha obra de treatro musical producida por Magín Blanco e o Teatro Ghazafelhos. O remate das mesmas foi idéntico, un público abraiado que non podía deixar de aplaudir. A obra de Magín, que abarrotou o auditorio de familias, tratou sobre o rescate por parte dunha nena e un grilo da súa amiga Xertrude, unha araña á que esmagaron sen querer e que deben rescatar da terra dos mortos. Non faltaron as cancións, as risas nin tampouco os sustos. Pero todo acabou da mellor maneira, con moitas moitas risas.

O regreso de Schrödinger, no Salón

O ilustrador pontevedrés Kiko Dasilva presentou esta tarde no espazo adicado á banda deseñada do Recinto Feiral a segunda entrega da revista producida por Garaxe Hermético e a Mesa pola Normalización Lingüística, A Viñeta de Schrödinger. Na presentación, o debuxante fixo un profundo repaso pola historia da banda deseñada galega e as trabas administrativas, económicas e políticas que tiveron que superar para poder saír adiante. A pesar de todos os problemas, Dasilva amosou a súa ledicia por ter a posibilidade de abandeirar unha revista como A Viñeta de Schrödinger, escrita en galego, con historietas dos mellores artistas de cómic do país e sobre todo porque estase vendendo tamén fóra de Galicia.

Batalla de contos

O anfiteatro do Recinto Feiral non é un ring de boxeo, pero nel tivo lugar unha pelexa. Pero non vos asustedes, foi unha pelexa pacífica e moi entretida. As loitadoras foron a brasileira Benita Prieto e a galega Paula Carballeira. Ámbalas dúas loitaron por facer rir a un público que, aínda que maioritariamente de curta idade, era moi esixente. Prieto optou por unha historia de pantasmas na que era o espectro o que acababa tremendo de medo e Carballeira narrou cómo unha cría de mosquito foi capaz de enfrontarse ao lume dunha vela para vencer todos os perigos. A cousa non acabou en empate, como poderíades pensar. Gañaron as dúas porque durante a loita, ninguén foi capaz de quitar o ollo do escenario.

Masterclass cun ilustrador de Premio Andersen

O ilustrador brasileiro, gañador dun premio Andersen, Roger Melo impartiu esta tarde unha clase maestra diante de doce alumnos, todos eles profesionais deste ámbito, entre os que estaban ilustradores do Garaxe Hermético, estudantes do mestrado de Ilustración, diseñadores ou arquitectos. Durante a sesión, Melo fixo un rápido repaso da súa traxectoria profesional para logo propoñer un desafío aos participantes consistentes na creación dunha idea dun libro e no desenrolo dunha personaxe.

Dáme a chapa

Unha prensa, uns redondeis metálicos e a imaxinación das crianzas é o único que fai falla para crear a chapa perfecta. O obradoiro de chapas do salón foi todo un éxito. A cativada entraba no Espazo Reviravolta, collía un rotulador e uns colores e plasmaban nun folio o primeiro que lle viña a mente. Logo as monitoras, cun sinxelo aparato, convertían a obra nunha chapa. Pura diversión. ¿E sabedes cal foi o animal máis debuxado? Orbil, a nosa mascota. Así que se queredes a vosa propia chapa, xa sabedes onde hai que ir. Ao Salón.