Debuxo ou ilustración?

Non é doado saber que é o que diferencia un debuxo dunha ilustración. Mais os que acudiron esta tarde ao obradoiro impartido polo ilustrador brasileiro André Neves xa o teñen claro. A explicación foi moi sinxela, trazou unha araña nunha pizarra e preguntou aos asistentes: Ilustración ou debuxo? Ninguén errou, era un debuxo. Logo engadiu algún complemento ao insecto, noutra cor, para darlle un carácter máis terrorífico e o debuxo se converteu nunha ilustración. Logo foi o turno das crianzas e tamén das súas familias, porque no Salón do Libro todo o mundo o pasa en grande.

Uns masterchefs lusófonos

 

Non todo os libros contan historias, tamén os hai de recetas. Os brigadeiros que preparou Amelia Andrade para done nenas e nenos seguro que aparecen en moitos libros. É un postre delicioso que ideou un militar brasileiro que se fan a base de cacao, leite condensado, manteiga e fideos de chocolate. Os participantes no obradoiro non perderon ollo de ningún dos pasos da receita, pero gozaron aínda máis cando os probaron. Riquísimos

Contos que enfeitizan

Coa emoción de ter percorrido por primeira vez os corredores e salas da vixésima edición do Salón do Libro chegaron nenos, pais e nais á primeira das innumerables sesións de contacontos que agardan nas próximas xornadas. As encargadas de trasladar ao público a eses mundos tan marabillosos como imaxinarios foron a brasileira Benita Prieto e a Raquel Queizás, que foron capaces de hipnotizar tanto aos pequenos como aos maiores. O primeiro conto correu a cargo de Benita Prieto, e o narrou na súa lingua, en portugués. Mais iso non foi ningún obstáculo, pois todos acabaron cantando a coro a pegadiza canción coa que pechou a súa internvención.

O relevo o tomou Raquel Queizás que somerxeu aos oíntes nunha historia de medo sobre o home do saco. Os nenos participaban da narración axudando á protagonista, unha nena que acabou secuestrada polo monstro, a tomar decisións. Por iso que cando toda a aldea se rebelou contra o malvado home do saco, que era un machista de manual, e rescataron á rapaza, todo o público celebrou a victoria.

A revolución segue esta tarde no Salón cunha nova sesión de contacontos e moito máis. Esperámosvos.

Comeza a revolución

Paseniño, paseniño é o título do espectáculo co que se inaugurou o Salón do Libro de maneira oficial. Por diante quedan agora tres semanas de intensa actividade lúdica e cultural que inundará non só o Pazo da Cultura, senón todos os recunchos da cidade con obradoiros, visitas guiadas, espectáculos ou contacontos. A posta en escea foi inmellorable. A actuación do coro do IES A Xunqueira I abriu o espectáculo que conduciron Nee Barros e Manuel Albariñas. Entre discurso das autoridades políticas e os contos narrados por Raquel Queizás e Tareixa Alonso, os presentadores foron debullando os vinte anos de historia do Salón.

A primeira en tomar a palabra foi a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, quen afirmou que «o Salón é unha fiestra aberta ao mundo, un punto de encontro entre linguas e culturas». O agregado cultural da embaixada de Brasil, Marcelo Hasunuma, agradeceu a invitación da comunidade lusófona á cidade. Despois de que Nee Barros recitara un poema de Antonio García Teijeiro, o actor homenaxeado nesta edición do Salón, subiu ao escenario Raquel Queizás para contar un conto, con dúas tartarugas como protagonistas, no que retrata todos os males do machismo. O segundo, de Tareixa Alonso, reivindicaba o dereito dunha princesa a escoller ao seu home.

O seu amor por Pontevedra, cidade na que estudou maxisterio e na que xogou ao balonmano coa camiseta do Teucro, o expresou Antonio García Teijeiro nun emotivo discurso no que situou ao Salón como «o mellor do país», reivindicou a necesidade potenciar a poesía infatil en galego porque «a poesía é revolución» e culminou recintando un peoma de en galego de Paco Ibáñez.

O acto rematou cun discurso do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que botou a vista cara atrás recordando os vinte anos de vida do Salón. «O salón chegou a Pontevedra con vontade de revolucionala e así o fixo. Con él aprendemos que a literatura infantil e xuvenil non era só cousa de crianzas e que tampouco era a rama pobre da literatura», exclamou o rexedor, que convidou a todo o mundo a participar no salón brindando por vinte edicións máis.

A interpretación da canción de Coldplay, Viva la Vida, foi o tema que entoou o coro da Xunqueira para cerrar o espectáculo. Logo, o quinteto de metais do conservatorio de Pontevedra conduciu a todos os espectadores ao Salón, onde agardaba Orbil, que xa se deixara ver con contaxioso baile no auditorio, para abrir as portas á diversión.

Unha cidade de conto

A quen non lle gusta que lle conten contos? A ninguén. E se os contos son divertidos e veñen acompañados dun paseo por Pontevedra, de visitas ás librarías e de xogos, moito mellor. Iso foi o que ofreceron Cora Velasco e Rocío Romero, as creadoras de Turiña, a un grupo de doce nenas e nenos acompañados dos seus familiares que camiñaron pola Boa Vila durante unha hora.

Abraiados quedaron os rapaces coas historias narradas por Cora e Rocío con protagonistas tan populares na vila como Valle Inclán, Emilia Pardo Bazán, Benito Soto, Rosalía de Castro ou o mesmo Ravachol. A ruta comezou na praza de Compostela cunha visita á libraría Paz para escoitar un conto de Carmen Castromil sobre Rosalía de Castro. Logo camiñaron ata a estatua de Ravachol para coñecer como chegou o papagaio máis famoso de Pontevedra a esta cidade. De camiño á praza da Ferrería, fixeron un alto na librería Pueblo, alí descubriron a figura de Emilia Pardo Bazán. A última parada foi na librería Cao, antes coñeceron cómo perdeu Valle Inclán o seu brazo diante da súa estatua e, por último, escoitaron as lendas do pirata Benito Soto diante da praza de abastos.

«Salón molón!» era o cántico que entoaron os pequenos mentres se movían dunha libraría a outra. Non lles falta razón porque o programa do Salón do Libro está cheo de actos moi divertidos. Non deixedes pasar a oportunidade de participar. Animádevos.

O Motim chega ao Museo

Motim é o nome co que se bautizou á exposición de trinta e oito ilustracións creadas polos mellores artistas de Portugal que xa se pode visitar no edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. Esta mañá tivo lugar a inauguración da mostra cun percorrido polos corredores da sala nos que a comisaria Mafalda Milhões exerceu de mestra de cerimonias. Ás súas explicacións sobre o contido da colección prestaron moita atención a comitiva brasileira formada por narradores, debuxantes, escritores e representantes da embaixada brasileira que participarán estes días nos actos do Salón.

«Son millóns de pequenas revolucións», detallou Milhões sobre o significado dos cadros. A revolución é o lema do Salón do Libro e malia que Motim é o título da exposición, pero non se debe a ningunha revolta,«non hai nada mellor que un motín para entender a revolución, das que ás veces saen cousas moi boas», dixo a concelleira de Cultura, Carmen Fouces. Tamén o diputado provincial encargado da área de Cultura, Xosé Leal, felicitou ao equipo do Salón por ter escollido esta temática. «Neste mundo fan falla revolucións e que os mozos sexan partícipes dos cambios que fan falla», sinalou.

Antes de asistir á inauguración do Motim, a delegación brasileira foi recibida polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. No seu despacho o rexedor conversou con eles sobre a estreita relación que une aos galegos coa comunidade lusófona e de paso que os convidaba a dar un paseo polo casco vello da Boa Vila, aproveitou para presumir dun modelo de cidade que non deixa de recibir galardóns.

O Salón bota a andar de novo

Unha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil botou a andar esta mañá. Malia que a inauguración oficial deste evento terá lugar o sábado no auditorio do Pazo da Cultura. Hai un anaco abriu a súas portas, no vestíbulo da Biblioteca Municipal, unha exposición de dezasete ilustracións deseñadas por debuxantes galegos e de países africanos de fala lusófona, a cultura convidada ao Salón este ano, sobre a necesidade de acadar os obxectivos sostibles marcados pola ONU para acabar coa fame, a contaminación, a pobreza ou as desigualdades de xénero.

As encargadas de abrir as portas desta mostra foron a concelleira de Cultura, Carmen Fouces; a directora da Biblioteca, Alejandra Mosquera; e a secretaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Andrea García. As tres amosaron a súa ledicia pola calidade e o contido da exposición e tamén polo feito de levar os actos do Salón do Libro a todos os recunchos da Boa Vila.

Entre os autores das dezaseta ilustracións atópose o pontevedrés Luis Davila, que a través da súa popular personaxe Dora a desbrosadora e do seu particular sentido do humor, reclama unha sociedade máis inclusiva e innovadora.

 

O Salón rematou. Longa vida ao Salón!

Pechamos as portas desta XIX edición con 24 días de traballo duro pero moi satisfactorio, máis de 150 actividades para as 30.000 persoas que nos agasallastes coa vosa presenza. Grazas ás crianzas, á mocidade, ás familias, ás escolas… a un público fiel que encheu de sorrisos e de vida este Salón. Grazas aos lectores e lectoras que o facedes posible. Estamos tristes de rematar pero xa coa ilusión de empezar a traballar na XX edición. Ata entón, que as boas lecturas nos sigan unindo e acompañando!