Chanchadas lusas

Que ben senta a merenda no Salón. Esta tarde a nosa amiga Amelia Andrade preparounos uns bocadiños típicos de Portugal. Non, non era bacallau. Era polo, frango para os nosos veciños do sur, mais preparado dun xeito delicioso. A cativada aprendeu a facer a masa que envolveu despois o polo esmiuzado, ese que aproveitan as nosas avoas do cocido dos domingos para facer croquetas para toda a semana e para toda a familia. Unha vez empanado, fritímolo. Con coidado de non queimar o padal, probámolo. Que delicia. Cantas receitas aprendemos estes días no Salón e canto manchamos as mans!

Ler pola igualdade

Esta tarde tivemos unha conversa do máis interesante coa autora da obra “Mamá, quero ser Ziggy Stardust”, Iria Misa. A escritora falou con alumnos de Secundaria non só sobre o contido do libro, que o coñecían en profundidade, senón tamén sobre os problemas que sofren os nenos e nenas trans. Como a dificultade para integrarse no cole ou a incomprensión da sociedade e das súas familias. É abraiante a mente aberta que ten a nosa rapazada, todos deberíamos a ser tan comprensivos e tolerantes coma eles.

Contos de animais con Ana Griott

Ter con nós hoxe a Anna Griott foi un pracer. Unha narradora marabillosa capaz de engaiolar a pequenos/as e maiores, xa que non temos claro quen gozou máis da súa contada, se a cativada das EEI de Monteporreiro, Vao e Verducido ou as mestras. Os animais foron os grandes protagonistas e descubrimos o ‘Paporoco’, ‘O galo Quirico’, ‘O gato Tragón’, ‘Os 5 lobiños’ e moitas máis historias que nos fixeron soñar, cantar, rir e … berrar! Porque se temos medo pola noite, se espertamos cedo, se temos pis… que é o que hai que dicir? Papá!!Papá!!! 🤣🤣🤣

As nosas mañás, para @s nos@s peques

Seguimos coas visitas matinais do alumnado das escolas infantís. Hoxe viñeron ao Salón as nenas e nenos do Crespo Rivas, Xunqueira I, Cabanas e dos centros marinenses de Seixo, San Pedro e Carballal. É unha ledicia ollar o ben que o pasan mirando e escoitando aos nosos contacontos. Hoxe tivemos o pracer de contar con Marta Ortiz e Brais de Hortas, de Charlatana, que nos levaron de viaxe polo mar. Vogando como mariñeiros cantamos cancións, bailamos e mesmo descubrimos bestas mariñas. Tamén estivemos coa nosa amiga Andrea Bayer, que volveu enfeitizar e a facer bailar, rir e cantar á cativada co seu conto da mosca no nariz. Moi ben nolo pasamos no Salón, e esta tarde, máis. Non vos esquezades de visitarnos!

Barquiño de Pau

Esta semana ás mañás do Salón están destinadas á cativada de 2 a 5 anos. Unha parte deles, do Froebel,EEI Crespo Rivas e Bamby, participaron do contacontos musicado ‘Barquiño de Pau’ de Marta Ortiz e Brais das Hortas. Fixemos unha viaxe polo mar e descubrimos illas nas que viven caracois, galiñas ou vacas, monos e miñocas. Tocabos a bugina, regamos a herba e mentres a marea sube e baixa por mor da lúa, cantamos cancións, recitamos poemas e fixemos voar a nosa imaxinación grazas ás diferentes texturas e sons que nos presentaron. Un anaco de tela azul foi o noso mar e uns paraguas, as nosas medusas.

Calor

A tarde foi fría e chuviosa, mais no Salón tivemos “Calor”. Non polas altas temperaturas, senón pola obra de teatro de Kikolas que leva este nome. Cun auditorio cheo de familias dispostas a gozar dunha tarde de teatro, a función xirou arredor da situación na que viven moitas persoas carentes de fogar, viaxeiros involuntarios que se viron forzados a deixar as súas casas. Este proxecto escénico deseñado por Jean Philippe Kikolas está pensado para todos os públicos e combina o clown coas artes circenses nun universo onírico e poético pensado para sentir, imaxinar e, como non, rir.

A formiga no carreiro

Que ben o pasamos esta tarde co espectáculo musical e de contacontos que nos tiñan preparado Vero Rilo e Sonsoles Penadique, leváronnos de viaxe polas terras da lusofonía e fixéronnos, rir, bailar e cantar. Moito nos gustaron tamén os contos da tradición oral portuguesa coa natureza como protagonista de moitos deles, e a música do libro de Zeca Afonso para darlle ritmo ao seu espectáculo.

Haikus galego-portugueses

Hoxe, partindo do libro ‘Ser portugués é..’ de Ana La Bella, aprendemos moito sobre Galicia, Portugal e Xapón con Cristina Corral. E é que aínda que esteamos máis ou menos lonxe, temos cousas en común e tamén outras que nos fan únicos: a lingua galega, o baile da muiñeira, a nosa música tradIcional, as fermosas e verdes paisaxes, a gastronomía, etc. Todas elas serviron de inspiración para os nosos poemas Haikus (típicos de Xapón) en galego-portugues. Marabillosa a imaxinación da cativada que participou no obradoiro para escribir, debuxar e incluso escoller o título da públicación colectiva coas súas creacións.

Monstros que non dan medo

É normal terlle medo aos monstros, mais cando os coñecemos deixan de ser tan aterradores e mesmo poden chegar a ser adorables. De coñecer a fondo aos monstros da nosa cultura popular tratou o obradoiro de Ana Griott, que preguntou á cativada polos nomes dos monstros galegos que coñecían. Non faltaron mencións ao apalpador nin ao home do saco. Logo a rapazada debuxou a cara destes monstros para coñecerlle o rostro.

Delicias de Timor

Na nosa cita diaria coa gastronomía lusófona tocounos viaxar ben lonxe. Ata un pequeno país do sueste asiático chamado Timor, no que tamén se fala portugués. A nosa colaboradora Amelia Andrade ensinou á cativada a preparar unha sobremesa típica daquel país: un pastel de queixo con goiabada. En vinte minutiños estaba feito e moito lambemos os dedos, estaba moi bo.