La Nube de Papel recomenda “Ulises e as cronoamigas!

Daniel, de “La Nube de Papel”, propón a lectura de: “ULISES E AS CRONOAMIGAS. Surfistas en California”.

Autora: Érica Esmorís
Ilustrador: Jacobo Fernández Serrano.
Editorial: Sushi Books

Así nolo describe:

“Presenta unhas personaxes femininas dinámicas, aventureiras e moi divertidas. É un libro moi actual e moderno (o wasap fai acto de presenza desde as primeiras liñas) e conta cunha linguaxe moi acaída para o lectorado adolescente. O libro conta tamén cunhas simpáticas ilustracións nas que se inclúen trucos, test, adiviñas, receitas, consellos e ata instrucións para practicar surf. Ademais, como se trata dunha aventura nos anos 50 en California, o lectorado aprenderá moito de cine, moda, cinema da época… Seguro que lles vai encantar!”

Iso agardamos! Moitas grazas pola achega!

Espazo lector recomenda “Artur e Clementina”

Máis propostas de A TÚA LIBRERÍA RECOMENDA. Esta vez, da man de Erika de Espazo Lector-Nobel: “Artur e Clementina” de Adela Turin, ilustrado por Nella Bosnia.
Colección “A favor das nenas”, KALANDRAKA

“Queremos destacar, de entre os numerosos títulos da colección, o conto das tartarugas ‘Artur e Clementina’ por tratarse dun referente sobre a igualdade. Unha lectura especialmente recomendada para nenas e nenos de entre 4 e 7 anos cuxa mensaxe coeducativa chega de maneira fácil ás mentes infantís debido ao uso do formato de conto clásico no que os personaxes protagonistas son animais. Unha historia que ensina ás rapazas a importancia da autodeterminación e do amor propio e que amosa aos rapaces a necesidade de respectar os puntos de vista e as opinións delas”.

Moitas grazas pola recomendación. Ler e revisitar este clásico de Adela Turín, e máis en galego, é sempre unha delicia!

Aviones de papel recomenda “Damned writers”

Bo e ☀️ sábado! Hoxe tócalle a Marina de Librería Aviones de papel en Pontevedra propoñernos unha lectura.

“Recomendamos o libro ‘Damned writers’ (escritores/as malditos/as) do debuxante Ángel A. Svoboda que nos trae a Editorial Bululú. Nel podemos atopar as vidas de 25 escritores de culto coas súas luces e sombras, entre os que están mulleres de conto e con vida de novela coma Rosalía de Castro, as irmás Brontë, Virginia Woolf, Alfonsina Storni, Delmira Agustini, Emily Dickinson e outras autoras que se adiantaron ó seu tempo.
O libro non é un só un catálogo de autores egrexios, senon que coas súas apaixoantes biografías acompañadas de atractivas ilustracións, é quen xerar no lector o interese por profundizar na súa obra”.

Moitas grazas, Marina, por esta descuberta. Ten unha pinta estupenda! Poñémonos ao choio! 🤓📚📚📚

Cronopios recomenda “Os nenos da varíola”

Desta vez, a quenda é para Mercedes Corbillón da Librería Cronopios, que nos recomenda: “Os nenos da varíola”, de María Solar, editado por Galaxia

“A historia está chea de episodios fascinantes, moitos deles case esquecidos ou non suficientemente coñecidos e as primeiras en ser olvidadas son sempre as mulleres. Unha muller de conto, Isabel Zendal, foi clave na expedición Balmis, que levou a vacina da varíola inoculada nos corpos mornos de pequenos expósitos, case todos galegos, ata América. A eses nenos outórgalle a autora unha nova vida, dalle forma e emoción, ponlles nome, cara e alma e con eles e con esa muller valente, forte, compasiva, unha muller normal convertida en enfermeira e en heroína, imos pasando as páxinas sen poder soltar o libro. Iso fan esas e outras mulleres de conto, como María Solar, prendernos co seu arte para contar, enredarnos noutras vidas e inocularnos, para sempre, o vicio de ler”.

Moitas grazas, Mercedes, que así sexa!

PATAKAFRITA recomenda “Bestiario doméstico”

Hoxe tócalle a Laura, de Patakafrita, recomendarnos unha lectura. Desta vez, a obra seleccionada é “Bestiario doméstico” con texto de Raquel Castro e imaxes de Dani Padrón, editado por Galaxia na colección Árbore. Así nolo presenta:

“Trátase dun libro de contos protagonizado por bestas do noso ámbito rural e, ainda que é un narrador o que conta a historia, faino dende o punto de vista do animal, facendo que a lectura sexa orixinal e divertida. A outra peculiaridade que aporta este libro de relatos é que todas as historias se relacionan a través dunha mesma escena, que se vai facendo visible con cada conto. Pode ser que este modo de amosarnos as imaxes sexa debido a gran afección que ten esta muller de conto polo teatro”.

Que boa pinta! Moitas grazas, Laura, pola proposta.

Librería Paz recomenda “Persépole”

Cano Paz, como non podía ser doutro xeito, fainos unha recomendación de banda deseñada: “Persépole”, de Marjane Satrapi, en versión galega de Rinoceronte Editora.

“Marjame Satrapi -ben pouco habitual lermos voces de mulleres na BD- conta a súa vida, desde nena, en Irán. O seu testemuño en primeira persoa fainos cuestionarnos a ollada de Occidente cara Oriente, a crítica de usos e costumes dunhas sociedades das que, hipocritamente, se tira beneficio coa venda de armas, a construcción…
Os debuxos de Satrapi son aparentemente sinxelos pero, realmente, moi elaborados. Unha historia redonda que nos prende na súa lectura desde o inicio, moi ben estruturada narrativamente. Necesaria como necesaria é a ollada, en feminino, das distintas realidades do mundo”.

Grazas, Cano, e grazas a Librería Paz por ofrecernos a mellor seleccion de BD e de literatura ilustrada.

LECTURAS COMPARTIDAS: Crear e dinamizar clubs de lectura na aula (10 h.)

Esta iniciativa pretendeu ofrecer unha axuda ao profesorado que quere iniciarse, ou perfeccionar, a creación e desenvolvemento dun club de lectura nos centros de ESO e Bacharelato. Baseándose en experiencias sólidas e exitosas de xestión de clubs, cinco profesionais do ensino e da xestión de bibliotecas escolares ofreceron distintas perspectivas, técnicas, loxísticas, de contido e recursos sobre a posta en marcha dun club de lectura. O curso foi impartido en cinco sesións de dúas horas cada unha, de 18,00 a 20,00 horas do 6 ao 10 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Impartiron as sesións: Cristina Novoa (responsable da Asesoría das Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia), Gracia Sactorum (Trafegando Ronseis), Concha Costas (Comando Le, en Gondomar), Julio César Abalde (Club do IES Ribeira do Louro) e Anxos Rial (Clubs de Lectura do Sánchez Cantón)

 

PODCASTING: RADIO E  ANIMACIÓN Á LECTURA (10 h.)

A temática que se desenvolverá, neste curso introdutorio ao podcasting tratará os seguintes aspectos:

  • Concepto de podcast e características
  • Uso do podcast en educación: consumidores e creadores
  • Plataformas de podcasting
  • Xéneros
  • Aplicacións e clientes de escritorio para xestión e consumo de podcasts
  • Elementos da linguaxe radiofónica
  • Escaleta e guión
  • Gravación e edición de audio con software/apps gratuitas
  • Distribución de podcasts: plataformas, blogs e redes

O curso está orientado a que cada participante elabore unha peza de audio que poida funcionar de xeito individual, pero que tamén se poida integrar nun podcast conxunto.

Docentes: Alberto Dafonte Gómez e Xabier Martínez Rolán

O curso será impartido en catro sesións na semana do 13 de novembro. O reparto de horas será:

  • Luns 2 horas (de 18:00 a 20:00)
  • Martes 2,5 horas (de 18:00 a 20:30)
  • Mércores 2,5 horas (de 18:00 a 20:30)
  • Xoves 3 horas (de 17:30 a 20:30)

Os cursos Terán lugar na Facultade de Audiovisuais do Campus de Pontevedra.

O código do curso no CAFI é o P1702029

LINGUAXE AUDIOVISUAL E ANIMACIÓN LECTORA (12 h.)

A temática que se desenvolverá neste curso introdutorio á linguaxe audiovisual tratará os seguintes aspectos:

PARTE 1. Introdución á audiovisual

  • Fases da produción audiovisual; modelo tradicional preprodución, produción e postproducción
  •  Audiovisual no Ensino aplicado á promoción lectora

PARTE 2: Audiovisual en redes sociais

  • Plataformas de distribución de contido: creación de canle youtube: BOOKTUBERS
  • Ferramentas de enriquecemento de vídeos

PARTE 3: Creadores de audiovisual

  • Elementos da linguaxe audiovisual
  • Guión
  • Gravación e edición de vídeo con teléfonos móbiles

Docentes: Alberto Dafonte Gómez e Luis Emilio Fernández Santiago Gómez

O curso será impartido en catro sesións na semana do 20 de novembro. O reparto de tres horas por día, de luns a xoves, de 17,30 a 20.30h.

A formación terán lugar na Facultade de Audiovisuais do Campus de Pontevedra.

O código do curso no CAFI é o P1702030

Librería Seijas recomenda “Anagnórise”

Os libreiros e libreiras desta cidade teñen moito que dicir e amosarnos. Desde o Salón, pedísmoslles que todos os sábados nos fixeran unha recomendación literaria relacionada co tema da próxima edición, MULLERES DE CONTO.

Luz Gallego, de Librería Seijas, estrea esta iniciativa recomendando unha lectura da que foi unha grande amiga, María Victoria Moreno. Isto é o que nos di de ANAGNÓRISE, editado por Galaxia:

“Esta obra foi icona literaria da literatura xuvenil dende a súa publicación en 1988 e cunha calidade literaria excepcional: comprometida, sen lastre de didactismo, destila liberdade non exenta de compromiso (‘con cargos’ porque a droga magoaba nosa xuventude especialmente na costa galega), xunto cun sentimento de amor e xenerosidade que a pluma de Mª Victoria conduce dende a carismática personalidade de Xulia Andrade, cara a un remate literario inesperado e brillante. Coido que Xulia Andrade e Mª Victoria son dúas caras de mesma persoa: ‘unha muller de conto’, mestra de xeracións que seguimos bebendo da súa peculiar lectura do libro da vida”.

Moitas grazas, Nenuca, pola recomendación. Leremos (ou releremos) esta magnífica obra con moita atención.