Librería Seijas recomenda “Anagnórise”

Os libreiros e libreiras desta cidade teñen moito que dicir e amosarnos. Desde o Salón, pedísmoslles que todos os sábados nos fixeran unha recomendación literaria relacionada co tema da próxima edición, MULLERES DE CONTO.

Luz Gallego, de Librería Seijas, estrea esta iniciativa recomendando unha lectura da que foi unha grande amiga, María Victoria Moreno. Isto é o que nos di de ANAGNÓRISE, editado por Galaxia:

“Esta obra foi icona literaria da literatura xuvenil dende a súa publicación en 1988 e cunha calidade literaria excepcional: comprometida, sen lastre de didactismo, destila liberdade non exenta de compromiso (‘con cargos’ porque a droga magoaba nosa xuventude especialmente na costa galega), xunto cun sentimento de amor e xenerosidade que a pluma de Mª Victoria conduce dende a carismática personalidade de Xulia Andrade, cara a un remate literario inesperado e brillante. Coido que Xulia Andrade e Mª Victoria son dúas caras de mesma persoa: ‘unha muller de conto’, mestra de xeracións que seguimos bebendo da súa peculiar lectura do libro da vida”.

Moitas grazas, Nenuca, pola recomendación. Leremos (ou releremos) esta magnífica obra con moita atención.