Cronopios recomenda “Os nenos da varíola”

Desta vez, a quenda é para Mercedes Corbillón da Librería Cronopios, que nos recomenda: “Os nenos da varíola”, de María Solar, editado por Galaxia

“A historia está chea de episodios fascinantes, moitos deles case esquecidos ou non suficientemente coñecidos e as primeiras en ser olvidadas son sempre as mulleres. Unha muller de conto, Isabel Zendal, foi clave na expedición Balmis, que levou a vacina da varíola inoculada nos corpos mornos de pequenos expósitos, case todos galegos, ata América. A eses nenos outórgalle a autora unha nova vida, dalle forma e emoción, ponlles nome, cara e alma e con eles e con esa muller valente, forte, compasiva, unha muller normal convertida en enfermeira e en heroína, imos pasando as páxinas sen poder soltar o libro. Iso fan esas e outras mulleres de conto, como María Solar, prendernos co seu arte para contar, enredarnos noutras vidas e inocularnos, para sempre, o vicio de ler”.

Moitas grazas, Mercedes, que así sexa!