AS EDITORAS DE CATROVENTOS RECOMENDAN

No Nadal, o mellor agasallo é un libro (e se son dous, moito mellor!). Así pensan María e Alicia, editoras de Catro Ventos, que nos propoñen cadansúa lectura, ben orixinais por certo:

María Mediero Mayán recomenda: “Así é a ditadura”, do Equipo Plantel e Mikel Casal.
“Que pasen 40 anos desde que se escribe un libro e que cada unha das súas palabras siga tendo total validez non quere dicir neste caso que sexa un texto atemporal, senón que as cousas pouco cambiaron en todo este tempo. Esta obra é un convite á reflexión para pequenos e grandes, un ollar sinxelo dun tema complexo e, por desgraza, totalmente actual”.

Alicia Rodríguez Malga propón: “Xuízo aos humanos”, de José Antonio Jáuregui e Eduardo Jáuregui.
“Dunha forma lúdica, concibido como unha fábula, Xuízo aos humanos anímanos a cuestionarnos distintos aspectos da nosa relación cos animais: dende a experimentación en laboratorios e a extinción de especies, até o consumo de carne. Ao final inclúe ademais unha serie de referencias bibliográficas con que ampliar cada un dos temas tratados. Porén, por riba de todo, é un libro divertido: un reiseñor que fala rimando, un gato con gheada, unha cobra que fai de fiscal e, en definitiva, todo un conxunto de ouveos, chíos e muados”.

Convidámosvos a coñecer esta nova editora viguesa!