AS EDITORAS DE XERAIS RECOMENDAN

Se hai unas mulleres de conto que nos gustaría ver e escoitar (ou ler, neste caso) no Salón son as editoras. Grazas a elas chegan a nós os milleiros de historias, que un día foron só ideas e despois palabras, en forma de libros. No país temos magníficas editoras que teñen moito que dicir e recomendar, por iso inauguramos a sección: AS EDITORAS RECOMENDAN.

Comezamos con Anaír Rodríguez e Helena Pérez de XERAIS, que nos propoñen:

“Reckless. O fío de ouro”, de Cornelia Funke. Anaír destaca que este terceiro título da fascinante saga do ‘Mundo do Espello’ presenta un mundo fantástico que rende homenaxe aos irmáns Grimm, no cal os contos de fadas de diferentes países cobran vida.

Por outra parte, Helena recomenda “O único que queda é o amor”, de Agustín Fernández Paz porque “como moi ben el dicía, a literatura ten que conquistarche o corazón. É un libro de relatos que fala do amor, pero non só do amor físico, senón tamén do que esperta a literatura, o amor polos libros que son capaces de cambiarche a vida, de transformarte por dentro”.

Apuntamos para lermos (ou relermos) tan magníficas propostas. Grazas ás dúas!