Belén López recomenda…

Belén López Vázquez, directora e editora de Baía Edicións recomenda “A Cova da Moura”, de Natalia Carou e ilustracións de Gimeno. Velaí os motivos:

“Celebro a habilidade e valentía da autora d’A Cova da Moura, Natalia, Carou, ao introducir nesta novela dirixida ao público xuvenil moitas da formas de maltrato físico, psicolóxico e abuso de poder que levamos sufrindo as mulleres ao longo da historia.
A obra relata dúas vidas en paralelo, unha lida e outra vivida. Malena, no transcorrer dunha investigación no castelo de Soutomaior, descobre un manuscrito de Cleofar, unha moza do S.XVI, no que relata como a súa violación lle marcou a vida. Ese descubrimento desencadea en Malena unha serie de sentimentos que a levan a enfrontarse ao egoísmo de Mateo, o seu antigo profesor, co que mantén unha angustiosa relación de submisión, e a un pasado de abusos no ámbito familiar”.

Tomamos boa nota da proposta. Moitas grazas, Belén!