Dores Tembrás e Antía Otero recomendan “O branco non pinta”

As editoras Dores Tembrás e Antía Otero recomendan “O branco non pinta!” o novo álbum ilustrado editado por Apiario dentro da colección Niño de Abella.

Esta é a primeira achega de Antía Otero á Literatura Infantil apostando por unha aproximación ao branco e ao seu valor conceptual que a maior parte das veces seméllanos lonxana e inaccesible. Unha oportunidade para adentrarnos na reflexión sobre a importancia das preguntas na infancia. 
Apiario recomenda este álbum:
-porque a resposta non importa tanto como a pesquisa
-porque o branco pode ser coma o silencio
-porque o branco contén todas as cores
-porque nas magníficas ilustracións de María Brenn atoparemos unha verdadeira homenaxe á cor.

Grazas pola vosa recomendación! A partir de agora, veremos o branco doutra maneira!

Llerena Perozo recomenda “Vanesa non quere ser princesa”

Llerena Perozo Porteiro, de Auga Editora ,recomenda un álbum do seu catálogo: “Vanesa non quere ser princesa” con texto de Xosé Antonio Perozo e ilustracións de Jaime Asensi.
Valaquí o que nos di:

“Este é un libro moi querido en Auga Editora. Cunha longa vida, xa que viu á luz por vez primeira en 2004, relanzamos en decembro de 2017 esta obra infantil de Perozo na que as nenas aprenden e comprenden que de maiores poderán ser e facer o que elas queiran. É para nós unha modesta achega á emancipación e empoderamento das mulleres vindeiras, as que liderarán o futuro”.

Que así sexa, Llerena! Moitas grazas pola achega!

Belén López recomenda…

Belén López Vázquez, directora e editora de Baía Edicións recomenda “A Cova da Moura”, de Natalia Carou e ilustracións de Gimeno. Velaí os motivos:

“Celebro a habilidade e valentía da autora d’A Cova da Moura, Natalia, Carou, ao introducir nesta novela dirixida ao público xuvenil moitas da formas de maltrato físico, psicolóxico e abuso de poder que levamos sufrindo as mulleres ao longo da historia.
A obra relata dúas vidas en paralelo, unha lida e outra vivida. Malena, no transcorrer dunha investigación no castelo de Soutomaior, descobre un manuscrito de Cleofar, unha moza do S.XVI, no que relata como a súa violación lle marcou a vida. Ese descubrimento desencadea en Malena unha serie de sentimentos que a levan a enfrontarse ao egoísmo de Mateo, o seu antigo profesor, co que mantén unha angustiosa relación de submisión, e a un pasado de abusos no ámbito familiar”.

Tomamos boa nota da proposta. Moitas grazas, Belén!

LAURA RODRÍGUEZ RECOMENDA

Laura Rodriguez Herrera é a editora de Hércules de Ediciones e propón a lectura de “Clara e o rapto do solpor”, con texto de Julio Fernández Rodríguez e ilustracións de Enrique López. Velaquí o que nos di do libro:

“Gústame porque a protagonista principal é a nena Clara, que é toda unha heroína e salva o val dos perigos da malvada contaminación. A historia fala do poder da cooperación e da importancia de coidar o noso planeta. É un libro de aventuras moi fácil de ler e as ilustracións son chulísimas  “.

Grazas pola recomendación, terémola moi en conta.

AS EDITORAS DE CATROVENTOS RECOMENDAN

No Nadal, o mellor agasallo é un libro (e se son dous, moito mellor!). Así pensan María e Alicia, editoras de Catro Ventos, que nos propoñen cadansúa lectura, ben orixinais por certo:

María Mediero Mayán recomenda: “Así é a ditadura”, do Equipo Plantel e Mikel Casal.
“Que pasen 40 anos desde que se escribe un libro e que cada unha das súas palabras siga tendo total validez non quere dicir neste caso que sexa un texto atemporal, senón que as cousas pouco cambiaron en todo este tempo. Esta obra é un convite á reflexión para pequenos e grandes, un ollar sinxelo dun tema complexo e, por desgraza, totalmente actual”.

Alicia Rodríguez Malga propón: “Xuízo aos humanos”, de José Antonio Jáuregui e Eduardo Jáuregui.
“Dunha forma lúdica, concibido como unha fábula, Xuízo aos humanos anímanos a cuestionarnos distintos aspectos da nosa relación cos animais: dende a experimentación en laboratorios e a extinción de especies, até o consumo de carne. Ao final inclúe ademais unha serie de referencias bibliográficas con que ampliar cada un dos temas tratados. Porén, por riba de todo, é un libro divertido: un reiseñor que fala rimando, un gato con gheada, unha cobra que fai de fiscal e, en definitiva, todo un conxunto de ouveos, chíos e muados”.

Convidámosvos a coñecer esta nova editora viguesa!

ANDREA JAMARDO RECOMENDA

Gústanvos as historia de vampiros? Tanto se a resposta é si, coma se é non, paga a pena botarlle un ollo á proposta de Andrea Jamardo Seijo, de Urco Editora: “Sangue 12”. Velaquí o que nos di:

“Recomendo ‘Sangue 12’ porque, entre outros obxectivos, a escritora Cris Pavón pretende romper co estúpido mito do vampiro heteropatriarcal e, grazas á ultilización desta figura literaria, repensa e analiza as ideoloxías opresoras dominantes”.

Grazas por tan arriscada e orixinal proposta. As vampiras tamén son mulleres de conto 😌.

MALORES VILLANUEVA RECOMENDA

Ten a voz e a palabra Malores Villanueva, editora de Galaxia, Falamos de Libros. Velaquí a súa recomendación:

“A pel do mundo”, de Berta Dávila é o primeiro poemario LIX da autora que regresa á escrita despois de grandes éxitos en narrativa e poesía para adultos. Neste poemario dálle unha volta ao mundo, así coñeceremos infancias e realidades diferentes á nosa, viaxaremos a lugares afastados para saber os seus costumes, sabores, línguas… Formas de vida tan diferentes que cómpre coñecer para cambiar o mundo e a poesía é unha boa arma contra a ignorancia, a indeferencia, a invisibilidade. Está ilustrado por outra poeta, Alba Cid, que fai a súa primeira incursión no mundo da ilustración, dende a mesma sensibilidade. Desabrochen o cinto e despeguemos, para ler poesía hai que ser o máis libre posible.

E desde o Salón apuntamos… que así sexa!

AS EDITORAS DE XERAIS RECOMENDAN

Se hai unas mulleres de conto que nos gustaría ver e escoitar (ou ler, neste caso) no Salón son as editoras. Grazas a elas chegan a nós os milleiros de historias, que un día foron só ideas e despois palabras, en forma de libros. No país temos magníficas editoras que teñen moito que dicir e recomendar, por iso inauguramos a sección: AS EDITORAS RECOMENDAN.

Comezamos con Anaír Rodríguez e Helena Pérez de XERAIS, que nos propoñen:

“Reckless. O fío de ouro”, de Cornelia Funke. Anaír destaca que este terceiro título da fascinante saga do ‘Mundo do Espello’ presenta un mundo fantástico que rende homenaxe aos irmáns Grimm, no cal os contos de fadas de diferentes países cobran vida.

Por outra parte, Helena recomenda “O único que queda é o amor”, de Agustín Fernández Paz porque “como moi ben el dicía, a literatura ten que conquistarche o corazón. É un libro de relatos que fala do amor, pero non só do amor físico, senón tamén do que esperta a literatura, o amor polos libros que son capaces de cambiarche a vida, de transformarte por dentro”.

Apuntamos para lermos (ou relermos) tan magníficas propostas. Grazas ás dúas!