Contos dun e outro lado do océano

Rematamos outra mañá ‘de conto’ no Salón, deixando voar a imaxinación coas historias que nos contaron Alondra Angélica Ramírez, Rocío Kuri e María Guiexhoba, da delegación de México; e tamén os nosos queridos Celso Fernández e Migallas Teatro; hoxe, co alumnado dos centros María Zambrano, Santo André de Xeve, San José, Brea Segade, Tenorio, San Martiño e Ponte Sampaio.

Da idea ó deseño: leccións dende a outra beira do Atlántico

Seguimos aprendendo na diversidade cos obradoiros das nosas convidadas da delegación de México no Salón do libro: as ilustradoras Cecilia Rébora e Amanda Mijangos e as autoras Monique Zepeda, María García Esperón e Martha Riva Palacio participaron esta mañá nas actividades concertadas cos centros de ensino María Zambrano, Santo André de Xeve, San José, San Martiño, Ponte Sampaio, Tenorio e Brea Segade.

Reflexionando sobre o papel das mulleres nos contos con Eli Ríos

A que nos contos tradicionais non aparecen animais femia? Esa e outras reflexións fixemos hoxe con Eli Rios. Puxemos as lentes lilas e analizamos o papel das mulleres nos contos a partir da obra “Marta e a píntega”, de Falamos de Libros. Debuxamos unhas súper píntegas xeniais!

A lectura é unha arma cargada de futuro: a mediación

Hoxe, na actividade formativa “A lectura é unha arma cargada de futuro: a mediación”, tres heroínas e un heroe
fixéronos chegar un pouco das súas experiencias e proxectos de dinamización e mediación lectora.

Transportámonos ao mercado mexicano de La Merced con Raúl Mejía e Rocío Kuri para coñecer o proxecto
Kerenta Merced, que achega a lectura ás crianzas deste mercado xigante. Alondra Angélica Ramírez falounos da importancia de crear espazos onde expresarse abertamente en contextos de lecturas e marxinalidade e con María Guiexhooba coñecemos máis sobre diversidade ligüística indíxena porque, como ben dixo ela: “hai que saber ben de onde vimos e de que estamos feitos para saber a onde imos”.

Actividade conducida por Eva Mejuto, coordinadora do Salón, e gozando do acompañamento musical de Cora
Sayers.

Máscaras, caveiras e feras que non queren ensuciarse

Nos obradoiros de hoxe achegámonos a unha lenda tepehua a través do filme “A fera que non quería
ensuciarse”, creamos máscaras fantásticas con Amanda Mijangos Ilustración e pintamos caveiras moi artísticas
con Laura Carrillo. Pasamos unha tarde de medo!

Encontro de María García Esperón cos clubs de lectura do IES Sánchez Cantón

A nosa autora convidada María García Esperón tivo hoxe un encontro cos clubs de lectura do IES Sánchez Cantón. A partir da obra “Mi abuelo Moctezuma” debatemos sobre como a través da literatura podemos ver e entender a historia con novas perspectivas críticas. Foi un encontro emotivo e emocionante sobre a historia do último guerreiro Azteca, no que se fala de recuperar a memoria, a identidade e a dignidade. Grazas, María, pola túa paixón e os teus coñecementos!

Xogar, descubrir, aprender

Non hai mellor xeito de descubrir o Salón que co noso equipazo de ‘monis’. E non hai xeito máis divertido de aprender que cos nosos obradoiros: hoxe, con Ana Seoane, Zeltia, Ánxela Gracían, Rocío Kuri, Eli Ríos e Valeria Gallo.

Cóntame un conto!

A quen non lle apetece un conto a calquera hora? Pero moito mellor se ademais ten a gracia e o engado de Raquel Queizás, Celso Fernández, Pavís Pavós, Andrea Bayer e Migallas Teatro, que nos acompañan no Salón para dar cor e calor a esta mañá de luns pasada por auga.

Mulleres, ciencia e literatura

No fin da tarde reflexionamos sobre “Mulleres, ciencia e literatura” coas autoras María Solar , Martha Riva Palacio e Maria Garcia Esperon e con Luisa Martínez do UCC CSIC Galicia nun encontro no que as autoras falaron da importancia da ciencia nas súas obras literarias.

Martha Riva Palacio contounos que as estrelas son ciencia, pero tamén son arte e poesía. Con María García Esperón viaxamos ás Illas Galápagos para coñecer a Darwin a través da historia dun neno e unha tartaruga e con María Solar descubrimos a esquecida e incríbel historia da enfermeira Isabel Zendal.

Moitísimas grazas a estas mulleres marabillosas!

Alimentando a creatividade

No Salón nunca deixamos de aprender! Nos obradoiros da tarde estivemos creando personaxes con Valeria Gallo e acercámonos á poesía con Martha Riva Palacio. Despois asistimos á xenial contada galego-mexicana con Paula Carballeira e Rocío Kuri.