Keren Tá Merced

Hoxe presentamos a expo “Keren Tá Merced. Cultura en resistencia”, un proxecto cultural que achega a lectura a centos de crianzas dun dos mercados populares máis grandes de América Latina, La Merced. Como nos achegou Don Raúl, o seu fundador, os libros axúdannos a soñar e a dignificarnos como persoas. Os nenos e nenas de La Merced mandaron unha vídeo carta ás crianzas de Pontevedra que, sen dúbida, será o inicio dunha relación de amizade e colaboración ás dúas beiras do Atlántico.

VÍDEO:

Mans á obra!

Esta mañá, no Salón, deixamos voar a nosa imaxinación tanto nos obradoiros plásticos coma nos contacontos. Deixamos a nosa pegada artística coa ilustradora Amanda Mijangos, con Monique Zepeda aprendemos que aínda que sexamos moi diferentes, todos e todas viaxamos nun mesmo barco. O noso amigo Anxo Moure falounos das mulleres árbore e de Wangari Maathai, nunha contada a tres voces coas nosas convidadas Alondra e Guiexhooba, que seguen a achegarnos a tradición oral do noso país convidado. Foi unha mañá ben completa! E pola tarde, máis!

“Navegar, navegar… e mar adiante!”

Esta tarde, na estrea de “Mar adiante” viaxamos á Illa dos paxaros da man de Odaiko Percussion Group e Fantoches Baj. Un espectáculo, baseado na obra Mar adiante de María Victoria Moreno, que mestura cantigas e música, danza e marionetas nunha singular travesía que recrea o conto de Crarisca e Luceiro. E ata subiu ao escenario o noso lobiño máis querido. Que ben o pasamos! Non si, Orbil?

Formación para ilustradoras e ilustradores

O Salón do Libro está orientado fundamentalmente ó público infantil e xuvenil, pero tamén hai un lugar principal para as actividades de formación para o público adulto. Entre as máis salientables, as ‘I Xornadas Profesionais de Ilustración’, punto de encontro entre figuras destacadas e novos valores de Galicia e o país convidado, México.

En diálogo cos demais axentes do sector do libro -editorial, distribución, libreiro e de creación literaria- nestas xornadas analizouse a situación actual da profesión e do mercado do libro ilustrado. Coa participación de máis de 60 profesionais, temos a seguridade de que esta novidosa experiencia terá continuidade en vindeiras edicións.

Non foi a única actividade de formación para ilustradoras e ilustradores, que na sesión de tarde pudieron gozar dun frutífero encontro coa mexicana Valeria Gallo, unha das artistas máis relevantes do panorama internacional.

Un anaco de Salón en cada recuncho de Pontevedra

Este ano o Salón chega a todos os recunchos da cidade. Pola mañá, ademáis dos contacontos e obradoiros no Pazo da Cultura, tivemos “Contos no Mercado” no espazo de O ganapán con Don Raúl e Rocío Kuri e en Librería Seijas con Monique Zepeda e o seu libro “En un mismo barco”. Bea Campos, Alondra Ramírez e María Guiexhooba puxeron o peche á xornada matinal con ‘Contos que cruzan océanos’.

Para todo mal, mezcal!!

Na cea mexicana descubrimos a tremenda riqueza cultural e gastronómica de México, pero tamén aprendemos un dito tradicional que asegura que: “Para todo mal, mezcal; para todo bien, también y si no hay remedio litro y medio”.

Este licor de cacto de alta gradación é o acompañamento ideal para o saboroso mole, unha potente mestura de chile, améndoas, pasas… e así ata máis de 30 ingredientes.

A feliz reunión de Rocío Kuri e o Chef Rómulo, mestura de tradición oral e gastronomía é, sen dúbida, unha maridaxe difícil de esquecer.

Pasen e vexan

Tralo concerto, chegou un dos momentos máis agardados polas cativas e cativos, a apertura das portas da sala de exposicións, coa participación sempre estelar do lobo Órbil, auténtico emblema do Salón do Libro. Foi o preámbulo do espectáculo de contacontos por conta de Pavís Pavós e Raquel Queizás, na compaña das contadoras mexicanas convidadas Rocio Kuri, María Guiexhooba e Alondra Angélica Ramírez. Xuntas percorreron o Salón e enchérono de contos de mulleres dunha e outra beira do Atlántico.

Hai Salón do Libro en Pontevedra!

O Auditorio do Pazo da Cultura acolleu dende as 18:00 horas desta tarde a inauguración da XIX edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. O acto de presentación previo ó concerto ‘Catrina e Dona Francisca’ contou coa participación de Susana Pliego, Consejera Cultural da Embajada de México en España; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; e Carmen Fouces, concelleira de Cultura e Educación. Entre os convidados e convidadas non faltaron nomes propios da nosa literatura coma Ledicia Costas, Fina Casalderrey, Xosé Antonio Perozo ou Pedro Ferriol, vuivo de María Victoria Moreno; ademais dos membros da nutrida delegación mexicana.

A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, foi a encargada de dar a benvida ós e ás asistentes e de presentar á “cultura convidada deste ano, México”. A delegación do país centroamericano estivo representada neste acto pola Consejera Cultural de México en España, Susana Pliego, quen suliñou o “privilegio y honor” que supón esta invitación para colaborar co Salón do Libro. “Me tienen muy sorprendida tanto la ciudad ciudad como las instalaciones y los museos”, asegurou Pliego, quen describiu esta experiencia como un “ejemplo de la amistad entre Galicia y México” e aproveitou para expresar o seu desexo de que “los acerque un poco a nuestras tradiciones, que sus niños tengan ganas de ir allá y que siempre seamos culturas cercanas”.

No discurso inaugural, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, puxo en valor “un salón que cada ano se renova para ofrecer toda a vida que corren polas arterias editoriais do noso país”. Será case un mes enteiro repleto de actividades “para que mozos mozas e quen non o somos tanto enchan as baterías do seu cerebro da máis potente enerxía creativa, a que reside nos contos e a imaxinación de cada un nunha primavera que o mundo enteiro identifica co libro e a fecundidade artística”.

Lores fixo mención especial, como non podía ser doutro xeito, á temática desta edición, ‘Mulleres de Conto’, que deriva da “necesidade de converter a do xénero nunha batalla constante pola normalidade e a igualdade”. O alcalde de Pontevedra incidiu na “enorme necesidade de feminizar a vida pública para ir superando as fendas que nos separan” e reclamou unha “dimensión feminista imprescindible e rexeneradora de vós como mulleres, e de nós coma homes. De todas e todos como persoas”.

Unha das grandes novidades desta edición é a figura do país convidado, que nesta ocasión corresponde a México, “ese deslumbrante e inmenso país – en palabras de Miguel Anxo Fernández Lores- berce dun abano multicultural de enorme diversidade e do que tan perto nos sentimos os galegos”. O Salón contará coa presenza de “catorce auténticos embaixadores mexicanos”, que nos vindeiros días ofrecerán actividades “cheas de engado e da enorme riqueza que xurde do intercambio de experiencias e a convivencia estreita entre culturas, entre formas de ver o mundo”.

Non é casual a elección de México como país convidado pois, como lembrou o alcalde de Pontevedra, no último ano unha delegación municipal visitou o país en dúas ocasións para expoñer o seu modelo de cidade alternativa. “Levamos a nosa experiencia urbana, o noso xeito de cambiar o mundo para facelo un pouco mellor, para reconciliarnos co Planeta, para ganar máis espazo público para a convivencia e a cultura, para o contacto entre as persoas, para a creatividade e a vida colectiva”, explicou o rexidor pontevedrés. “Hoxe estreitamos aínda máis ese vencello espiritual e humano coas nosas librerías cheas de producións culturais mexicanas, os nosos restaurantes ofrecendo petiscos de acolá, e o noso mes de abril cheo de referencias mexicanas que encherán as axendas de moitísimas persoas”.

Por último, o alcalde de Pontevedra expresou o seu agradecemento a tódalas persoas e entidades colaboradoras co Salón, así coma á delegación mexicana, á Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil de México (FILIJ) e ao Centro Cultural de España en Ciudad de México, “un importantísimo foco de cultura no centro da capital dos Estados Unidos de México”.

 

Catrina e Dona Francisca
“Cando a Catrina peta na túa porta é para que a acompañes lonxe. Tan lonxe que non volves máis”. Con esta suxestiva imaxe comezaba ‘Catrina e Dona Francisca’, un conto popular adaptado e musicado en homenaxe á cultura de México, país convidado no XIX Salón do Libro.

A escritora e narradora Paula Carballeira foi a condutora dun espectáculo de música e contos arredor das catrinas, iconas da cultura do noso país convidado, con máis de 100 anos de historia no folclore mexicano. A Orquestra Filhármonica Cidade de Pontevedra interpretou a música creada ex profeso para este acto inaugural polo compositor galego Mario Diz baixo a batuta do director convidado Juan Miguel Romero Llopis.

Catrina e Dona Francisca

O alumnado dos centros de ensino San Clemente, Tirán, Vilaverde, Escarabote, Inmaculada, A Xunqueira 2, BATA e Barcelos gozou en primicia do concerto ‘Catrina e Dona Francisca’, a cargo da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. A cita para o público xeral, esta tarde na inauguración oficial do XIX Salón do Libro (18:00 horas, Auditorio do Pazo da Cultura).

Primeiras visitas!

O equipo de monitoras e monitores do Salón do Libro está engaiolado, quen o desengaiolará? Pois Órbil, claro, quen se non? Teñen unha importante misión: facer descubrir cada recuncho do Salón ós primeiros visitantes desta edición, o alumnado de 3º de primaria do CEIP Praza de Barcelos e de 1º e 2º do CPR La Inmaculada.