Pintacuentos

O Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra acolleu esta tarde-noite a inauguración oficial da exposición ‘Pintacuentos, ilustración mexicana contemporánea para a infancia’, unha mostra de 142 obras orixinais de 49 ilustradoras e ilustradores mexicanos, promovida pola Secretaría de Cultura e Agencia Mexicana de Cooperación Internacional para el Desarrollo (Amexcid).

O acto contou coa asistencia de Alin Escoto, coordinadora General de Programación da Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil (FILIJ); Susana Pliego, Consejera Cultural de México en España; Carlos Valle, Director do Museo de Pontevedra, Xosé Leal, deputado provincial de Cultura; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; e Carmen Fouces, concelleira de Cultura e Educación. Tamén estiveron presentes as ilustradoras Valeria Gallo e Cecilia Rébora, que contan con obras na exposición e forman parte da delegación mexicana de profesionais que realizarán diversas actividades no Salón nos vindeiros días.

O Director do Museo, Carlos Valle, salientou na súa intervención que “é especialmente significativo que se pense nun museo cunha das máis grandes bibliotecas especializadas en México”. Asimesmo, asegurou que “pontevedra cobra grandeza con esta exposición” e non dubidou en sinalar que “O Museo é tamén un fogar para os mexicanos”.

Pola súa banda, Xosé Leal, deputado de Cultura, incidiu en que o Salón do Libro é este ano “máis internacional ca nunca”, o cal considera “un paso máis adiante nesta cita de referencia”. Tamén tivo un emotivo recordo para o exilio ó que “moitos artistas se viron obrigados tralo alzamento fascista en España”. Neste senso, sinalou que “non é que esteamos devolvendo o favor, pero si é de recibo que México teña presenza aquí”.

Alin Escoto, coordinadora General de Programación da Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil (FILIJ), reiterou os agradecementos á cidade de Pontevedra pola acollida e pola “ocasión de compartir esta bella exposición que esperamos que ustedes disfruten tanto como nosotros”. Ademais, aproveitou a súa intervención para lembrar a presenza na expedición mexicana dalgunhas das ilustradoras máis relevantes de México, coma Cecilia Rébora, Valeria Gallo e Amanda Mijangos.

Susana Pliego, Consejera Cultural de México en España, destacou que “para la Embajada este es un evento muy importante” y se mostró “sorprendida por los vínculos y todo lo que tenemos que aprenderle a Pontevedra. Me fascina la energía que tienen”. Neste senso, expresou un desexo claro: “que esta relación siga y que nuestros niños y jóvenes se conozcan mejor”.

O último en facer uso da palabra foi o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, qun lembrou que “nos últimos anos temos unha relación moi intensa con México. De feito, acabamos de asinar un convenio coa Secretaria de Desarrollo Económico de Ciudad de México”. No tocante á exposición, asegurou que “temos moito que aprender dos ilustradores mexicanos” e aproveitou para poñer en valor o Museo de Pontevedra, “o máis importante de Galicia”. Asimesmo, salientou a importancia dun evento íntegramente sufragado polo Concello como é o Salón do Libro, “que non é só este mes, senón que supón un traballo de todo un ano, cos traballos dos centros escolares”.

 

A exposición

Pintacuentos’ recolle o traballo de 49 ilustradores e ilustradoras de prestixio, plasmado en 142 obras orixinais, moitas delas publicadas en libros infantís e xuvenís. A exposición conta con pezas de Gabriel Pacheco, Valeria Gallo ou Cecila Rébora, que estarán na nosa cidade durante parte do Salón e colaborarán en diferentes actividades, algunhas delas en torno a esta mostra.

Como parte da programación do embaixador da edición 2016 da FILIJ, o artista plástico ilustrador de libros infantiles e xuveniles Mauricio Gómez Morín, naceu este “inventario representativo do que se está a facer neste intre no mundo da ilustración, dende os máis vellos ata os talentos máis novos. Recompílanse traballos pertencentes a artistas nados ao longo de 5 décadas, dos anos 40 aos 80. Dita exposición reflicte a calidade técnica, estética, formal e conceptual: de imaxinación e orixinalidade; de capacidade alegórica, simbólica e narrativa; de humor e divertimiento; de conversación e contrapunto co texto e a narración literaria; e de identidade, empatía e interlocución cos lectores nenos e adultos que expresan as obras dos ilustradores congregados.”

Esta é a primeira das catro mostras das que poderemos gozar grazas á colaboración do Ministerio de Cultura e Exteriores de México: ‘Pintacuentos’ (Edificio Sarmiento, Museo de Pontevedra), ’68 voces’ e ‘Kerenta Merced. Cultura en Resistencia’ (sala de exposicións Salón do Libro, Pazo da Cultura) e ‘Invitemos a ler’ (Biblioteca Pública Antonio Odriozola).

Antes da inauguración da exposición, o estudantado de Ilustración de Pontevedra puido gozar dunha visita guiada á mesma, coordinada por Itziar Ezquieta e conducida polas ilustradoras mexicanas Cecilia Rébora e Valeria Gallo.

“Una probadita de cultura mexicana”

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado polas concelleiras Carmen Fouces e Anabel Gulías, recibiu este mediodía no Concello á delegación de Méxicopaís convidado nesta XIX edición do Salón- encabezada por Alin Escoto, Coordinadora General de Programación da Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil (FILIJ), e Susana Pliego, Consejera Cultural da Embajada de México en España. Tamén asistiron Amanda Mijangos, Monique Zepeda, María Guiexhooba, Valeria Gallo, e Alondra Angélica Ramírez, que participarán en diversas actividades nos vindeiros días.

Na presentación ante os medios, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, amosouse encantado de “recibir unha embaixada importante, maioritariamente feminina, que da prestixio ó Salón do Libro Infantil e Xuvenil e que será tamén o inicio dunha frutífera relación futura de colaboración en tódolos sentidos”. Asimesmo, aproveitou a ocasión para lembrar que esta tarde (20:00 horas) terá lugar no Museo a inauguración da exposición ‘Pintacuentos’.

Logo da intervención do alcalde, tomou a palabra Susana Pliego, Consejera Cultural de México en España, que salientou a honra que supón a elección como país convidado nesta edición do Salón. Pliego describiu esta colaboración como “una probadita de cultura mexicana que traemos aquí para suscitar mayor curiosidad por nosotros y acercarnos” e incidiu en que “cuanto más cerca estemos y más nos conozcamos, más respeto va a haber entre las culturas y más conocimiento; los libros, sobre todo de las nuevas generaciones, son la manera de transmitir esta riqueza cultural que tenemos en México”.

A última intervención correu por conta de Alin Escoto, Coordinadora General de Programación da FILIJ, un evento que, “al igual que el Salón do Libro, ya lleva una gran trayectoria; estamos por cumplir 38 años y es una de las más ferias representativas en América”. Escoto asegurou que “nos llena de orgullo ser el primer país invitado, así como el tema del Salón, mujeres de cuento, pues mayoritariamente nuestra delegación es femenina. Son nuestras máximas representantes en literatura infantil y juvenil y en los próximos días estarán compartiendo talleres, conferencias y pláticas tanto en los espacios públicos como en algunas escuelas”.

Finalmente, Alin Escoto fixo un breve resumo do que suporá a colaboración co Salón do Libro, coa presencia destacada da Embajadora de la Literatura Infantil y Juvenil, unha figura que este ano corresponde á liustradora Cecilia Rébora; así coma as exposicións ‘Pintacuentos’ (Museo de Pontevedra) e ‘Invitemos a ler’ (Biblioteca Pública Antonio Odriozola). A Coordinadora de Programación de FILIJ fixo mención especial ó chef Rómulo Mendoza, “que nos va a ofrecer (mañá venres, ás 21:30 horas) una degustación con lo tradicional de México, que será una mole y tres mezcales… también nosotros la estamos esperando”, asegurou en clave de humor. “Nos estamos llevando muchas experiencias y muchas ideas respecto a la ciudad. FILIJ el año pasado tuvo a España como país invitado, así que nuestra presencia aquí es un tema de reciprocidad en la literatura infantil y juvenil”.

Os libros fan grande o máis pequeno

A concelleira de Cultura e Educación Carmen Fouces, a autora Fina Casalderrey, a libreira Luz Gallego e o ilustrador Víctor Rivas participaron na lectura do manifesto do IBBY polo Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, que conmemora o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen.

 

“Un libro infantil representa o respecto pola grandeza do máis pequeno”. Esta é a idea central do Manifesto do IBBY polo Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, obra da poeta letona Inese Zandere. Na lectura colectiva do texto, que tivo lugar este mediodía na Biblioteca Pública Antonio Odriozola, participaron a autora Fina Casalderrey, a libreira Luz Gallego e o ilustrador Víctor Rivas.

Tras unha breve presentación a cargo da concelleira de Cultura e Educación de Pontevedra, Carmen Fouces, tomou a palabra Fina Casalderrey, que no seu preámbulo citou a María Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas: “as persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos e un deles ó o Salón do Libro ó que con este acto damos apertura”.

Aquí podes ver o manifesto do IBBY polo Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, con texto de Inese Zandere e ilustrado por Reinis Pētersons