O Salón rematou. Longa vida ao Salón!

Pechamos as portas desta XIX edición con 24 días de traballo duro pero moi satisfactorio, máis de 150 actividades para as 30.000 persoas que nos agasallastes coa vosa presenza. Grazas ás crianzas, á mocidade, ás familias, ás escolas… a un público fiel que encheu de sorrisos e de vida este Salón. Grazas aos lectores e lectoras que o facedes posible. Estamos tristes de rematar pero xa coa ilusión de empezar a traballar na XX edición. Ata entón, que as boas lecturas nos sigan unindo e acompañando!

Dores Tembrás e Antía Otero recomendan “O branco non pinta”

As editoras Dores Tembrás e Antía Otero recomendan “O branco non pinta!” o novo álbum ilustrado editado por Apiario dentro da colección Niño de Abella.

Esta é a primeira achega de Antía Otero á Literatura Infantil apostando por unha aproximación ao branco e ao seu valor conceptual que a maior parte das veces seméllanos lonxana e inaccesible. Unha oportunidade para adentrarnos na reflexión sobre a importancia das preguntas na infancia. 
Apiario recomenda este álbum:
-porque a resposta non importa tanto como a pesquisa
-porque o branco pode ser coma o silencio
-porque o branco contén todas as cores
-porque nas magníficas ilustracións de María Brenn atoparemos unha verdadeira homenaxe á cor.

Grazas pola vosa recomendación! A partir de agora, veremos o branco doutra maneira!

Llerena Perozo recomenda “Vanesa non quere ser princesa”

Llerena Perozo Porteiro, de Auga Editora ,recomenda un álbum do seu catálogo: “Vanesa non quere ser princesa” con texto de Xosé Antonio Perozo e ilustracións de Jaime Asensi.
Valaquí o que nos di:

“Este é un libro moi querido en Auga Editora. Cunha longa vida, xa que viu á luz por vez primeira en 2004, relanzamos en decembro de 2017 esta obra infantil de Perozo na que as nenas aprenden e comprenden que de maiores poderán ser e facer o que elas queiran. É para nós unha modesta achega á emancipación e empoderamento das mulleres vindeiras, as que liderarán o futuro”.

Que así sexa, Llerena! Moitas grazas pola achega!

ROLENDIS RECOMENDA “CHÁMAME SIMBAD”

O club de Lectura “Rolendis” do IES Johan Carballeira recomenda a lectura de “Chámame Simbad” de Francisco Castro, editada por Galaxia, Falamos de Libros. Parécelles unha obra tenra e divertida sobre as e os nosos maiores. Boa lectura, mozos!