O comboio da Lusofonía chega ao Salón

María Fumaça volveu encher de enerxía, desta vez máis lusófona que nunca, o noso Salón. Ademais do repertorio habitual, engadiron temas brasileiros e portugueses, coa inestimable colaboración de João Afonso Lima, cos que lembramos cancións coma “Carteiro em bicicleta”, “A formiga no carreiro”, “Venham mais cinco” ou a inesquecible “Grândola Vila Morena” co que pecharon o concerto. 25 de abril, SEMPRE!🥀🥀🥀

Mestras da ilustración

A nosa convidada portuguesa Ana Biscaia, gañadora do premio nacional de Ilustración de Portugal, estivo esta tarde no salón impartindo unha clase mestra sobre a súa profesión. O alumnado, composto maioritariamente por mulleres, non perderon ningún detalle das explicacións dadas pola ponente. A sesión compúsoxe dunha pequena presentación de Biscaia e da súa obra, logo analizaron teórica e prácticamente algunhas ilustracións de temática e técnicas variadas para, finalmente, rematar cunha práctica.

Os profesionais fórmanse no Salón

A narradora brasileira Benita Prieto despediuse de Pontevedra impartindo unha clase mestra a membros da Asociación Galega de profesionais de Arquivo, Bibliotecas, Museos e de Documentación de Galicia (BAMAD). Despois de entreter durante catro días á cativada con contos xa emblemáticos como o do Castelo Amarelo, Prieto amosou esta vez unha cara máis seria e prefoseional para aportar estratexias, consellos e técnicas que melloren o traballo nestes centros de traballo e faciliten tamén o servizo aos seus usuarios e traballadores.

E ti, que non queres ser de maior?

Todos os profes molan, pero El Hematocrítico moito máis. Podemos aprender e facer exercicios de redacción dándolle unha volta e plantexando historias moi divertidas, contando o que non nos gustaría ser de maiores, inventando unha biblioteca de libros absurdos ou entrevistando calquera personaxe particular que se pase pola nosa cabeza. E é que aprender non ten que ser sinónimo de aburrir…

 

O Salón do respecto

Piratas no recreo foi título do obradoiro impartido por Luz Beloso e e Miguel Ángel Alonso Diz no Espazo Reviravolta. Os participantes, como noutras moitas sesións, despois de recibir a explicación da organización tiñan que facer un debuxo e pintalo. Mais desta vez non era un debuxo calqueira. O obradoiro xiraba arredor da realidade trans, da busca de lanzar unha mensaxe de respecto xa que todas as persoas somos únicas. A partir desta premisa, a cativada tiña que debuxar, combinando tres folios, unha personaxe humana, coa súa roupa, coa súa expresión, con todo o que nos caracteriza, mais sen importar para nada o xénero.

 

Mousse de Cabo Verde

A cociña tamén nos gusta moito no Salón. E se é un postre fresquiño para unha tarde calorosa como a de hoxe, moito mellor. A nosa colaboradora Amelia Andrade preparou unha deliciosa mousse de mango que nos fixo lamber os dedos. A receita é moi sinxela: tres ou catro mangos, catro iogures naturais gregos e unha latiña de leite condensado. Bater e refrixerar no frigorífico.

Mentres preparaba o postre, Amelia aproveitou para contarlle un conto en portugués á rapazada. Foron moi participativos, tamén os seus familiares, e aprenderon unha morea de verbas novas na lingua do noso país veciño. Bravo pola comida!

A lectura é a única revolución

“Conto da Travesía das Musas” de Pedro Mésseder e editado por Hércules foi o encontro literario da nosa sala VIP de hoxe. Unha conversa entre o autor portugués e a ilustradora, a galega Raquel Senra, sobre os espazos da memoria da infancia. E no salón de actos estivo a portuguesa Ana Pessoa para contar todos os segredos da súa última obra Mary John, editada pola portuguesa Planeta Tangerina.

Contos do bosque

Castiñeiros, carballos, sobreiras, vidueiros, salgueiros, teixos, etc. «Os etcétera son os eucaliptos que hai por ahí», bromeou Brais Moure. Co nomeamento de ducias de especies de árbores autóctonas, no que participou tamén a cativada e as súas familias, comezou o contacontos de Brais Moure, un rapaz que de mozo pasou moitas horas no Salón e que agora é un dos nosos colaboradores máis queridos.

Diante dun público que non lle quitaba ollo, Brais contou historias fantásticas relacionadas coa ecoloxía, cos nosos ríos e cos nosos montes. Mesmo confesou que el nacera nun bosque, aínda que deixou a vontade dos asistentes pensar se é certo ou foi outro conto.

Petiscos de Portugal

Os libros non son só de contos, tamén os hai de recetas. E o mellor deses libros e levalos a práctica. Iso fixemos esta mañá na praza de abastos co Ganapán. Collemos as mellores receitas do noso país veciño, as cociñamos e as papamos. E ben ricas que nos quedaron

O libro xigante

Xigante polo seu tamaño. Xigante polo número de autores. Xigante polas infinidade de historias que alberga. Así é o libro de Víctor Rivas e os seus axudantes, unha obra colectiva confeccionada a partir da imaxinación dos nenos e nenas que pasaron e pasarán hoxe polo Salón, porque estarán aquí todo o día. Polo que se aínda non vistes esta marabilla cos vosos propios ollos, aínda estades a tempo.

O funcionamento é moi sinxelo, a rapazada chega ao salón, cóntalle ou escriben a historia que teñen na mente a algún dos axudantes de Vïctor e a plasman nun papel. Na seguinte mesa, os ilustradores debuxan a historia e logo a folla insértase nalgún dos tres libros xigantes que adornan o Salón.

Hai historias de todo tipo, mais as de amizade entre animais salvaxes como crocodilos, elefantes, xirafas, leóns ou guepardos son as máis recorrentes. Sen esquecer o amor entre os nenos e as súas mascotas, coas que tamén se encheron páxinas e páxinas