João Afonso canta no Principal

No Salón tivemos onte o pracer de contar cunha das maiores figuras do panorama musical portugués. O cantautor nacido en Mozambique, João Afonso, deu un concerto no Teatro Principal diante de ducias de persoas que encheron o patio de butacas para gozar dun espectáculo que xirou arredor da lusofonía e da revolución, a temática deste ano do Salón. Á saída do recital, o público non facía outra cousa que comentar o ben que canta João e o canto gustou a súa actuación.

 

O Salón nocturno

No Salón tamén somos nocturnos. Onte pola noite amosámolo con dúas actividades ben divertidas. Primeiro, en colaboración con Noites Abertas, fixemos unha búsqueda do tesouro. Os participantes tiveron que recorrer distintos recunchos da cidade e ir superando probas ata dar co obxecto agochado.

Xa máis entrada a noite movémonos a un dos locais de moda do casco vello. No Sopa de Gallo estiveron Henrique Rodrigues e Zetho Cunha dando un recital poético que ben seguro que lle despertou a máis de un o gusto pola poesía.

3 voces, 2 países, 1 lingua!

De Pontevedra atravesando o Atlántico ata o Río de Janeiro en Brasil. Os contos son pontes que cruzan ríos, barcos que atravesan mares e fronteiras para acariñarnos o corpo e a alma. Esta tarde gozamos de contos de aquí da man de Tareixa e Xacobe de Pavís Pavós e de acolá con Benita Prieto

Futurxs profes no Salón

Se os contos son bonitos sempre, imaxinade os teatralizados. E máis aínda se quen os representa é alumnado da Facultade Ciencias Educación de Ourense. Futuras mestras eo mestres cargados de ilusión, iniciativa e moito teatro para contarnos historias como a dun xigante que quería ter amigos, a clásica de ‘O parrulo feo’ ou a tradicional portuguesa ‘Cabaciña, cabaciña’. Que ben o pasamos!!

Cruzando mares, desertos e florestas

Esta tarde con Ana Biscaia partindo da obra de Bertolt Brecht ‘A cruzada dos nenos’ que narra unha situación real dos anos 30 en Europa e se repite na actualidade, a cativada asistente creou con carbonciño, tinta china e ceras vermellas, unha cruzada moi particular cos animais como protagonistas.

Unha nova forma de ler

Ler xa non é coller un libro, abrilo e interpretar as súas oracións. Agora é algo máis amplo e abstracto. É unha das conclusións que sacamos dos cinco obradoiros que tivemos hoxe no Congreso Internacional de Mediación Lectora. O experto en lectura dixital e novos soportes da Universidade Autónoma de Barcelona, Lucas Ramada, foi o que fixo máis fincapé na revolución da lectura dixital e tratou de exxplicar ao seu público que para costumbrarse a ler obras dixitais fai falla experiencia, pois é algo moi novo en comparación cos libros que xa forman parte do noso ADN. Para rematar, Ramada presentou unha obra interactiva que rompe co paradigma de novela lineal ao que estamos máis afeitos.

Noutro seminario estivo Montse Pena para falar de feminismo na literatura infantil e xuvenil. Alertou á seu público, maioritariamente feminino e futuras mestras, que unha novela por ter unha protagonista feminina non é feminista, pois moitas historias agochan condutas, comportamentos ou culturas machistas. Como por exemplo os contos clásicos, mais non hai que deixalos de lado, basta con actualizalos, cambiarlle o final ou o rol dalgunha das personaxes para facelo máis instrutivo.

A portuguesa Ana Pessoa ofreceu unha clase mestra sobre escritura creativa na que presentou ao seu alumnado unha maneira diferente, revolucionaria, de escribir e contar historias. Rede Espora, pola súa banda, presentou unha obradoiro de radio onde as e os participantes tiveron que producir e realizar un programa radiofónico. E Miguel Silva, falou dunha nova maneira de promocionar a lectura: os booktubers, persoas que se graban en vídeo falando de obras literarias que por algún motivo consideran oportuno reflexionar sobre elas ou recomendalas.

A revolución dos libros

Impactante e emotiva foi a intervención do mediador Volnei Canonica, director do Instituto Quindim de Literatura en Caxias do Sul de Brasil, na súa reflexión sobre a lectura como elemento de transformación social e de pensamento. Para Canonica, coa ficción pódese facer a verdadeira revolución e, tras unha dura e crítica reflexión sobre a actual situación de Brasil, rematou co desexo de que, no seu país e no mundo, as armas non fagan esquecer que cos libros podemos cambiar o mundo.

Ademais, no exterior do Salón está un posto da libraría Luna Nueva, onde están a venda algúns exemplares dos autores convidados ao Salón.

O texto está en todas partes

A lectura en formato dixital foi o tema que abordado na segunda conferencia da penúltima xornada do Congreso Internacional de Mediación Lectora. Despois da charla do brasileiro Volnei Canónica sobre o seu país, foi o turno de Lucas Ramada, Luisa Martínez e Bea López que, baixo o título de Novos camiños cara a lectura, falaron sobre o cambio nos hábitos de lectura provocados pola revolución dixital.

O experto en lectura dixital e novos soportes da Universidade Autónoma de Barcelona, Lucas Ramada, comezou a súa exposición dicindo que todo é susceptíbel de ser considerado texto, desde unha carta, ata unha imaxe ou unha tatuaxe. E pensa que a sociedade atópase agora ante o desafía de ter que seleccionar as boas obras dixitais para recomendar a súa lectura. A representante da empresa de divulgación científica Ceo Aberto, Bea López, engadiu un novo ingrediente á lectura dixital, que é a lectura computacional, relacionada coa informática e a robótica. Neste senso, a responsable de cultura científica do CSIC, Luísa Martínez, defendeu tamén a lectura científica, que se pode combinar con contos aos que logo se lle da unha explicación relacionada coa ciencia.

Unha mañá de conto

Pechamos a semana cunha nova quenda de visitas escolares ao Salón. Esta vez recibimos ao alumnado do Amor Ruibal de Barro, da Carballeira de Lourizán, de Tenorio e de Pontesampaio. Os máis pequenos estiveron nas diferentes salas do Salón escoitando as historias que lles contaban os nosos contacontos convidados.

A brasileira Benita Prieto contou historias en portugués e aproveitou para ensinarlle verbas na lingua do país veciño á cativada. As historias dos artistas do Renacemento foron os temas que tratou Migallas, mentres que Pavís Pavós fixo escachar coa risa ao seu público coas tolas vivenzas dunha corte real. E Margarida Botelho empregou un conto ilustrado para contar os seus contos.

 

A arte invade o Salón

Mentres que os máis xóvenes pasaban o rato abraiados coas historias dos nosos contacontos, os escolares de maior idade do Amor Ruibal, Carballeira, Pontesampaio e CEIP Tenorio participaban en diversos obradoiros con creadores de historias tanto gráficas como escritas. Así o ilustrador brasileiro André Neves ensinou á rapazada a deseñar unha secuencia ilustrada, Sabela Cortizas empregou ilustracións de Son Goku para dar unha clase mestra sobre lectura de imaxes. Con Adán Álvarez os participantes aprenderon a debuxar caras e corpos humanos moi realistas e Con Ana Biscaia asumiron o reto de pintar con acuarelas animais coa premisa de ter unha expresión triste por ter fuxido do seu fogar por mor da guerra.