Lecturas VIP

As sesións de lectura das que onte gozamos nas librarías de Pontevedra trasladáronse esta mañá ao Pazo. Ao longo de toda a mañá, na sala VIP e no salón de actos despois. A lingua portuguesa foi o fio condutor dos tres recitais que dirixiron o angoleño Zetho Gonçalces, o brasileiro Paulo Henrique  e a Ana Pessoa. Os tres combinaron o recital de poemas coa narración das

súas propias vivenzas.

O Salón móvese ás librarías

A actividade do Salón non só ten lugar no Pazo de Cultura, esta tarde trasladouse ás librarías do centro da cidade Paz e Cronopios onde creadores de fala portuguesa impartiron charlas, presentaron libros e mesmo ofreceron un recital poético, dentro do programa Lemos e Somos VIP.

A primeira das sesións foi na librería Paz, alí estivo a brasileira Marina Colasanti para falar da súa obra baixo a atenta mirada do público. As fadas da súa obra centraron unha parte da súa intervención e mesmo respondeu as preguntas dos espectadores sobre as diferenzas das fadas das historias actuais e as de épocas anteriores.

Logo a comitiva trasladouse á cercana librería Cronopios. No seu baixo estivo o escritor portugués o premio nacional de Ilustración de Portugal e premio Unión Europea de Literatura, Afonso Cruz, que presentou a súa primeira obra publicada en lingua española «Los libros que devoraron a tu padre». No encontro, Cruz explicou que á hora de escribir non pensa na idade dos seus futuros lectores e que tense equivocado cando o fixo.

De volta á librería Paz, ali estiveron o brasileiro Henrique Rodrigues, o angoleño Zetho Gonçalves e a brasileira Marina Colasanti. Nunha sala abarrotada, os tres autores recitaron poemas que non só motivaron os aplausos do público, tamén o emocionou.

 

Aprendendo a contar historias

Unha das moitas cousas boas do noso II Congreso Internacional de Mediación Lectora é a parte practica. Hoxe tocou aprender de profesionais da talla de Fanuel Hanan Diaz, Zetho Gonçalvez, Henrique Rodriges, Bru Junça, Paola Guimeráns e Lucas Ramada Prieto. Soubemos da importancia da narración oral na nosa formación, da importancia tamén da música na nosa vida tamén como fonte de inspiración, traballamos con contos de pano e pop-up e descubrimos como mudaron os contos infantís ata converterse nos álbums ilustrados de hoxe en día, que conta en si mesmo, como obxecto, con valor narrativo. E de hoxe a agora, chegamos tamén añás novas tecnoloxías, aos circuitos de papel e á LIX dixital que permite escoller diferentes camiños nunha mesma obra.

Viaxe á Lusofonía

A nosa convidada Margarida Botelho viaxou polo mundo e debuxou coas crianzas que atopou uns cadernos ilustrados moi especiais. En Mozambique coñeceu a Eva, en Timor a Lia e en Brasil a Yara e de todas as súas historias falamos esta tarde no Salón.

Marchando unhas chapas

Cada vez que sacamos o noso marabilloso carriño de actividades, unha morea de nenos e nenas aparecen. E se o que toca e facer chapas, xa nin vos conto. Que contentos coas súas creacións!

A ilustración chega ao Congreso

A segunda xornada do Congreso Internacional de Mediación Lectora estase a celebrar esta tarde no Pazo da Cultura e ten a ilustración e a narración con imaxes como temática principal. Os encargados de inaugurar o día foron os ilustradores Roger Mello, do Brasil e gañador dun premio Andersen de Literatura; e Xosé Cobas, galego que atesora mútiples premios como o Neira Vilas que logrou no 2014. Ámbolos dous conversaron sobre a situación que atraviesa a ilustración e lamentaron que, nun mundo onde hai unha sobreexposición do visual, a sociedade non fomente a lectura a través das imaxes.

Trala charla entre estes dous ilustradores, chegou o turno de falar da revolución do álbum ilustrado, onde o investigador venezolano Fanuel Hanán, a gañadora do premio nacional de ilustración de Portugal, Ana Biscaia; e Xosé Perez, da editorial Kalandraka, explicaron o concepto e a función destas obras, que narran historias a través da ilustración, fotografías ou fotogramas.

Unha masterclass dun xenio da Ilustración

O alumnado do mestrado de Ilustración e Animación Audiovisual da Facultade de Belas Artes gozou hoxe da visita de Afonso Cruz, gañador do premio nacional de ilustración de Portugal, quen impartiu unha clase mestra sobre a narración a través das imaxes.

De reis e raíñas ou de animais de granxa

De reis e raíñas, de animais e natureza, de arte e mitoloxía ou musicais. Os nosos contacontos non poden ser máis variados e divertidos. A cativada dos colexios Salvador Moreno, Xunqueira II, San Martiño e Cordo Boullosa o pasaron en grande esta mañá coas historias de Pavís Pavós, Andrea Bayer, Celso Fernández e Migallas Teatro.

A historia de como un coello e unha formiga logran botar fora da casa a unha malhumorada cabra foi a historia que fixo escachar coa risa á rapazada da Sala Obradoiros onde contou Andrea Bayer as súas historias. Na sala Reviravolta estivo Tareixa Alonso contando, entre outros contos, a vergoña que pasou un rei ao quedarse atascado no retrete e ser paseado por todo o pobo mentres os labregos se rían del. Unha canción trabalinguas fixo as delicias do alumnado da Sala Saudade, que non quitaron ollo dos contos narrados por Celso Fernández. E na Sala Vestidor, os protagonistas dos contos de Migallas Teatro foron os artistas do Renacemento.

E por se fora pouco, Orbil recibiu á rapazada á súa entrada no Salón repartindo saúdos e apertas a ducias.

Manualidades, lecturas en grupo e unha nova lingua noutra quenda de obradoiros

Nova quenda de obradoiros para os visitantes que nos alegran a mañá. Hoxe veu rapazada dos colexios pontevedreses do Salvador Moreno, Xunqueira II e San Martiño; ademais do Cordo Boullosa de Ponte Caldelas. Antes de percorrer os recunchos do Salón, a rapazada de maior idade participou en divertidos obradoiros nos que fixeron de todo, desde aprender palabras en portugués ata a crear unha personaxe en dúas dimensións a base de papel.

Coa narradora brasileira Benita Prieto escoitaron contos en lingua portuguesa e, de paso, enriqueceron o seu vocabulario con verbas da lingua da nosa cultura convidada. Da escritora uruguaya Susana Aliano descubriron o libro O Segredo do Paraguas Vermello, que vai da importancia de conservar a curiosidade infantil cando se convertan en adultos. Mentres que co poeta luso Zetho Cunha leron unha historia en grupo e Margarida Botelho ensinoulles a dar forma a unha personaxe a base de papel e colorinchos.

Ilse Losa, a escritora de novela xuvenil que fuxiu dos nazis

As presentacións de libros tamén son unha parte importante do Salón e do Congreso Internacional de Mediación Lectora. Na súa xornada inaugural, presentamos a obra Ilse Losa e O mundo en que viviín, de Hércules de Ediciones. Para coñecer máis sobre que era esta muller, tivemos o pracer de contar coa presenza da especialista na súa figura, Ana Cristina Vasconcelos; do tradutor da obra, Anxo Tarrío; e da editora, Laura Rodríguez. Entre os tres fixeron unha completa radiografía de Ilse Losa, unha muller nacida en Alemaña no seo dunha familia xudea, polo que tiveron que emigrar ao ser perseguidos pola Gestapo. Acabou en Porto, onde formou unha familia e se namorou da literatura. Adicouse a tradución e a escribir novelas infantís e xuvenís de tan boa calidade que recibiu numerosos premios e distincións ao longo da súa vida.

A obra presentada esta tarde no salón de actos do Pazo da Cultura de Pontevedra aborda, en primeira persoa, as vivencias de Ilsa, desde a súa infancia ata a súa idade adulta, con todos os obstáculos que tivo que afrontar.