Mimá!… até as princesas tiran peidos

 

Que as princesas botan peidos sabémolo tod@s pero o que seguramente non saibades é facer o voso propio “slime” tira-peidos como fixemos nós esta tarde no Salón. Lemos primeiro o conto Até as princesas soltan peidos de Ilan Brenman para entrar en materia e logo, seguimos paso a paso a receita máxica que nos deron as rapazas de ReviraVolta. Cores, texturas, risas e prrrr! Peido que te botou!

 

 

Ma che cosa!

 

Aínda que Simone Negrin vive agora en Madrid, Galicia foi durante anos a súa casa, por iso conta contos en galego ao tempo que nos aprende expresións en italiano: Mamma mía!! Iso foi o que repetimos hoxe unha morea de veces ao escoitar as aventuras de Giannino, Alice e Martino Testadura que paparon unha estrada de chocolate, os asentos de biscoito dun carro e máis que houbera. Ma che cosa!! (Unha cousa tola!). Mañá, nova oportunidade, novos contos e novas palabras!

 

 

Obradoiros viaxeiros

Dobre sesión n’ O Mercado . Hoxe comezou a viaxe gastronómica d´ O ganapán por Italia. Pola mañá  cociñamos un Stromboli con pepperoni e mozzarella que estaba de chupar os dedos! E como non todo é comer,  pola tarde, as nenas e nenos fixeron un obradoiro de marcapáxinas con nosas amigas de Mater Lingua Pontevedra . Quedaron “bellissimi”! 

Ademais aprenderon unha chea de palabras italianas, rosso, azzurro, nero… Que sorte! que temos na nosa cidade vivindo familias italianas que comparten con nós a súa lingua, cultura e gastronomía.

 

 

Sapori di Italia e un chisco de lingua italiana

“Sapori di Italia” no espazo gastroliterario do Salón. Cociñar é un xogo e aprender palabras noutra lingua tamén. Nenas e nenos aprenderon a amar ao país convidado cun obradoiro gastronómico no que fixeron galletas e doces ao tempo que aprenderon un chisco da lingua italiana, grazas ao labor de Mater Lingua. Interese por aprender tíñano todo. E por gozar do chocolate e da marmelada… uhmm! Que dicir? Che delizioso!

O quinto Libro Xigante… en marcha

 

A imaxinación da cativada é infinita. Cantas historias bonitas escribiron para que ilustradores/as lles deran vida con ceras, acuarelas e collages para crearen un novo O Libro Xigante! Imaxinación non faltou. Unha xirafa lectora que soñou ser can, un rei dos cus que cun peido chegou á lúa ou un rapaz que usa os lacasitos como antídoto nos días tristes…

Os ilustradores/as Víctor RivasMeliMolitaAida Alonso Vázquez, Ignacio Hernández, Inés Casarejos, Michel Casado,  Sergio Covelo – Dibujante, Iria Iglesias, Andrea Fdez Silva e Alicia Baña  traballan arreo no proxecto este ano.  O 5º  Libro Xigante xa está en marcha e en breves vos diremos cando está listo para acompañar aos 4 volumes que xa están no #SalónDoLibro. Grazas! a tod@s polas vosas achegas e a seguir creando!

 

Os videoxogos desembarcan no Salón

O Salón ábrelle as portas a outra maneira de contar historias, máis tecnolóxica, aos videoxogos. A mostra A incrible historia dos videoxogos recolle o seu presente e o seu pasado: 50 anos de historia en 20 fitos. Dende os primeiros xogos en blanco e negro e as primeiras consolas até e VR (realidade virtual) ou os videoxogos galegos e en galego, pasando polo universo arcade, os mandos de control único e os videoxogos que marcaron época.  A mostra  do #MUVI ábrese á rapazada con obradoiros interactivos. Apreden, xogan e pásano de marabilla! 

 

O Salón bota a andar cun gran sorriso

 

 

O XXI Salón do Libro Infantil e Xuvenil bota a andar cun gran sorriso. Os sorrisos, as gargalladas, as brincadeiras… estarán presentes até o seu remate. Nesta ocasión está adicado ao HUMOR e ten a ITALIA de país convidado. A concelleira de Cultura, Carme Fouces actuou de anfitrioa e lembrou os máis de 20 anos de ilusión, traballo e paixón pola lectura que hai detrás do Salón para, de seguido, subliñar que “encaramos esta edición 20+1 con optimismo e enerxía, con moito amor e, sobre todo, moito humor”.

A elección de Italia achéganos a unha LIX con figuras como Gianni Rodari, o revolucionario que nos fixo gozar da gramática da fantasía; Italo Calvino e as súas cidades invisibles; Carlo Collodi e o seu Pinocho; a Adela Turín, pioneira do feminismo nos libros para crianzas; Lela Mari, Bruno Munari… E ao pedagogo, inspirador e prescritor do noso modelo urbano: FrancescoTonucci, quen compartiu connosco, a modo de limiar, as súas reflexións sobre a infancia e a cidade.

Un espectáculo dirixido por Marcelo Dobode, presentado por Soledad Felloza e Nené Barros e no que actuaron a Xingro´s Band, o Coro da Xunqueira I e Manuel Albariño levantou o pano do Salón diante dun público engaiolado e participativo, cheo de crianzas. Non faltou a música, o conto, as acrobacias, a diversión, os agasallos… Nin a palabra dos autores homenaxeados: HELENA VILLAR JANEIRO (escritora), en vivo, e KIKO DA SILVA (ilustrador) a través dunha carta entregada ao seu “fillo”: a mascota do Salón… ORBIL.

E foi Orbil quen, cos brazos abertos e moi, moi emocionado, abriu as portas do Salón á cativada… con amor e humor. Por diante máis de dúas semanas de contacontos, obradoiros, música, xogos, encontros lectores, roteiros… e libros. Arredor de 3.000 publicacións están a dispor das nenas e nenos nos numerosos recunchos de lectura do Salón. Benvid@s!

A Orbil Parade, quentando motores para O Salón

 

Que ilusión atopar a Orbil pola cidade! Espallamos 8 estatuas da nosa mascota pola Boa Vila para anunciar que O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra está ao caer. Estamos na conta atrás… e que mellor aperitivo que a rapazada poda facerse fotos co seu lobo favorito, cunhas figuras cheas de color e humor. Convidamos ás nenas e nenos, ás mozas e mozos, aos maiores a retratarse e encher as redes de imaxes de Orbil co cancelo #OrbilParade. Estamos na conta atrás…. No horizonte, centos de actividades (contacontos, obradoiros, música, espectáculos…)  cun fío condutor: o amor polos libros e a lectura.

 

Tonucci, o limiar perfecto para O Salón

 

Xogar non conxuga con acompañar (levar da man), conxuga con deixar. Os nenos e nenas deben xogar sós onde queiran, cando queiran, ao que queiran, con quen elixan… FRANCESCO TONUCCI avogou no Pazo da Cultura por unha rapazada autónoma, con dereito a xogar e a ser feliz. Deixounos unha reivindicación no ar: Non aos parques! Si as cidades “xogables”!  Fíxoo en Pontevedra  que ten recuperado e entregado os espazos públicos ás persoas (e as nenas e nenos tamén) e diante do alcalde Lores, quen recoñece no pedagogo italiano unha fonte de inspiración do exitoso modelo Pontevedra, do que Tonucci é prescritor.

Adiantámosnos unha semana ao comezo do XXI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra co mellor limiar posíbel: Francesco Tonucci, que guiou unha reflexión e debate arredor da pregunta que da título a seu último libro “Por que a infancia?”.