Visita virtual ao Salón…(pre-despedida)

Isto está chegando ao seu fin, amiguis e xa nos está dando peniña despedirnos…Nesta véspera da clausura do Salón máis longo da nosa historia (máis de dous meses!), estamos algo nostálxicas e imos botar un chisco vista atrás, a cando aínda tiñamos o Salón en formato presencial. Parece que foi hai moitiiisisisisimo tempo! para que non se puido achegar ao Pazo de Cultura no seu tempo, velaquí un petisquiño do que alí había.

Mindfulnes creativo, por Anxo Fariña

Velaquí a nosa segunda sesión da Escola Virtual de Lectura para Familias curiosas. Hoxe quixemos contar cun vello amigo do Salón, Anxo Fariña. Normalmente participa facendo obradoiros de ilustración para a cativada, mais hoxe ven cunha proposta para papás, mamás, tías, avoas e demais familia. Trátase dun obradoiro de Mindfulness creativo en familia!! Mediante técnicas de Mindfulness e respiración, os/as participantes deste obradoiro aprenderán a relaxarse ao tempo que descobren en si mesmos unha enorme potencialidade para entender as súas emocións e pensamentos. Esta capacidade axudaranos a estar mellor con nós e cos demais, a concentrarnos, a comprendernos, a sermos quen de superar a dor física e emocional, a potenciar a nosa creatividade. Aprenderemos tamén coma os libros e as historias poden axudarnos a atopar o equilibrio e o benestar. Grazas por compartir con nós o teu traballo!

 

A vida dos obxectos, polo Monitorado do salón Virtual

Os informativos do Salón Virtual fixeron unha reportaxe moi especial nesta Fase 1 do confinamento. Que foi dos obxectos nestes case dous meses? Quen se preocupou por eles? Quen lles preguntou como estaban? Pois a nosas intrépidas moni-reporteiras falangueiras van onde a noticia para ter a opinión dos obxectos de primeira man. Conectamos en directo!

 

Un retrato de conto, polo Monitorado do Salón Virtual

Sabedes o que é un fisionotrazo? Pois un invento fantástico que xurdiu alá polo século XVIII para facer retratos. Claro, daquea non había cámaras nin móbiles para facerse “selfies”. Pois nós imos recuperar ese invento para facermos o noso retrato ou o de quen queiramos, xa veredes que propostas tan chulas quedan!

 

Bocados de conto, polo Monitorado do Salón Virtual

Tedes curiosidade por saber a historia de Orbil, o noso lobo lector? Pois velaquí vai, en formato libro pop-up!

#NonCancelamos #EuQuedoNaCasa #OrbilquedaNaCasa #OSalónVirtual

 

No Día Mundial das Enfermeiras, vai de máscaras!

Hoxe queremos celebrar o Día Internacional das Enfermeiras dunha maneira moi especial, mandádolles bicos a través dunhas máscaras ben artísticas e divertidas. Temos todos os aplausos, bicos (polo ar) e azos do mundo e o noso máis fondo agradecemento para as enfermeiras que coidan de nós cada día, arriscando a súa propia saúde. A nosa maneira de darvos as grazas vai ser tendo moito ollo, moita cabeza e moito sentidiño agora que podemos saír á rúa. Coidarnos para coidarvos a vós tamén. Estas mascaras son para facervos agromar un sorriso non son reglamentarias.! Feliz día! (se algunha empresa quere inspirarse nelas para facer unhas coas que poidamos saír á rúa… aquí estamos!)

Como se fai un libro ilustrado, por Susana Suniaga

Sabedes de quen era a ilustración do cartel do Salón deste ano? Pois da artista venezolana afincada en Pontevedra Susana Suniaga Marín, que foi quen gañou o III Premio de Ilustración do Salón. Non podíamos ter unha edición virtual na que ela non participase, e pedímoslle que nos contara os segredos de como se fai un libro ilustrado. Velaquí o resultado!

#NonCancelamos #EuQuedoNaCasa #OrbilquedaNaCasa #OSalónVirtual

Montamoreos, polo Monitorado do Salón Virtual

Boas, familias! Como vai este domingo? Para cando veñades do paseo, propoñémosvos un xogo sinxelo, divertido e moi construtivo, nunca mellor dito xa que se trata dun xogo de construción. E que construímos? Pois o que nos pete! A Torre Eiffel, a de Hércules, a Catedral de Santiago a Ponte dos Tirantes…Veña, animádevos!

#NonCancelamos #EuQuedoNaCasa #OrbilquedaNaCasa #OSalónVirtual

 

ANIMAIS DE PAPEL

Xa hai un tempiño que non vos propoñemos actividades artísticas. Agora xa podemos saír dar un paseo, pero como estes días vai chover e aínda temos que quedar na casiña, vai unha proposta chulísima para decorardes o cuarto, a sala, a cociña, o baño… Animádesvos?

Podedes descargar a actividade neste link:

https://www.salondolibro.gal/animais-de-papel/