Foi bonito (e divertido!) mentres durou

Esta XXI edición do Salón pasará á (nosa) historia coma a máis breve de todas, non chegou a seis días. Non podemos esconder que estamos tristes, moi tristes, porque levabamos un ano traballando arreo para ofrecervos un programa da máxima calidade e a penas puidemos arrancar.

Tristes porque superamos moitos atrancos para finalmente conseguirmos construír ese espazo de creación, arte e humor, vida e reflexión co que soñabamos e tivemos que pechar a porta sen tempo a gozarmos e gozardes del.

Tristes porque hai artistas, actrices, actores, narrador@s, clows, magos, cineastas, músic@s, escritor@s e ilustrador@s… que tiñan un magnífico traballo feito desexando partillalo con vós e non houbo a oportunidade.

Tristes porque tiñamos libros para ler, para trocar, para vender, para reparar para gozar… e agora os libros están tristes coma nós, de páxinas pechadas.

Tiñamos unha equipa de monitorado con ganas máximas de sacarvos un sorriso cada día ao vervos chegar, unha chea de exposicións de ilustración e BD por amosar, un lobo que este ano estaba de aniversario dos seus quince anos, roteiros para descubrir a cidade desde outra perspectiva, unha homenaxe por facer, cine por ver, contos por contar, un musical para vos sorprender, tantos coles e institutos, clubs de lectura por participar, noites por abrir, receitas por cociñar …

Tomarmos a decisión de pechar non foi doada, mais era necesaria, por responsablidade, por seguridade, por prudencia. Imos botar de menos o barullo da invasión de nenos e nenas cada día enchendo de cores e alegría o Pazo da Cultura.

Foron só seis días, pero foron ben fermosos e intensos, deu para petiscar un anaco do doce que tiñamos preparado para vós, para facernos as ganas de seguir traballando nunha videira edición con máis forza e enerxía ca nunca. Que non nos falte a saúde, pero tampouco a risa, o humor e amor polo que facemos. Que lle imos facer, temos o traballo máis bonito do mundo… En breve saberedes de nós, a cabeciña non para!