A situación de emerxencia a partir da crise da COVID 19 fixo que a organización do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra decidise, este ano, suspender a convocatoria do Premio Internacional de Ilustración do Salón e, como medida de apoio ao sector creativo galego, escoller a un/unha profesional da ilustración galeg@ para facer o cartel da XXII edición do Salón.

Buscamos ilustradores e ilustradoras galegas, e tamén artistas doutra procedencia que residan e realicen a súa actividade profesional en Galiza.

A escolla farase en base aos portfolios de ilustración que recibamos  ata o 6 de xaneiro de 2021 (hora máxima: 23.59h -hora de Galiza) no email: ilustra@salondolibro.gal

CARACTERÍSTICA DOS PORTFOLIOS

A selección farase en base a un dossier de non menos de dez ni máis de trinta ilustracións que cada ilustrador/a escollerá dentro do traballo recente (con independencia de que esas imaxes foran ou non publicadas) e que consideren que máis poden encaixar co público infantil e xuvenil ao que vai destinado o Salón e coa temática proposta. Como sabedes, esta XXII edición celebrarase entre o 5 e o 21 de marzo de 2021 e terá como temática a ecoloxía e o cambio climático co lema:

EMERXENCIA LITERARIA: LIBROS PARA SALVAR O PLANETA.

As persoas que decidan mandar o portfolio  terán que enviar un arquivo en formato PDF cunha selección de entre 10 e 30 ilustracións recentes e un breve CV onde se indique lugar de nacemento e lugar de residencia actual.

Se o portfolio excede os 6 Mb, deberase enviar ao correo electrónico o enlace de descarga de WeTransfer ou servizo similar.

Dos dossieres recibidos a organización do Salón valorará a calidade técnica, compositiva, a adecuación ao público infantil e xuvenil das obras, o universo creativo do artista e a potencialidade do seu traballo, independentemente da súa traxectoria previa. Terase en conta a orixinalidade e a capacidade comunicativa do conxunto do seu traballo.

A persoa seleccionada terá un máximo dun mes, a partir do momento de comunicación da selección, para presentar a súa proposta, adaptada ao modelo base do cartel, cun tamaño de arquivo 40x60cm (con 3mm de sangrado por cada lado), Formato: TIFF Resolución: 600 ppp. Modelo de cor: CMYK.

Antes de entregar a ilustración final, o/a creador/a proporcionará á organización do Salón varios bosquexos do mesmo, ata consensuar coa mesma o bosquexo definitivo. A ilustración resultante deste proceso será a imaxe do cartel da edición de 2021 do Salón.

PAGAMENTO DO TRABALLO

O pagamento por este cartel serán 3.000,00 € brutos (*), que abonará o Concello de Pontevedra despois de finalizar o traballo e recibir a factura pola prestación dos servizos. Este pagamento inclúe tanto a ilustración final coma os bosquexos previos.

Da imaxe do cartel, o  Concello de Pontevedra terá a totalidade dos dereitos de explotación, distribución, exhibición, divulgación, reprodución, adaptación e comunicación pública polo período de dez anos. A propiedade intelectual da mesma pertencerá, en todo momento, ao ilustrador/a, cuxo nome aparecerá citado e visible sempre que se reproduza.

Aspectos a ter en conta para o cobro da encarga de traballo:

– Serán por conta da persoa premiada todos os impostos que graven a percepción dos honorarios,

– De conformidade coa vixente lexislación española, a encarga de traballo está suxeita a retención do IRPF, que será asumido pola persoa gañadora.

– As demais repercusións fiscais que a realización deste traballo teña na fiscalidade da persoa escollida, será por conta desta, polo que o Concello de Pontevedra queda exonerado de calquera responsabilidade ao respecto.