Máscaras de pasta (La pasta in faccia)

 

Aínda que xa pasamos o Entroido, no Salón hoxe fixemos unha achega moi especial ao mundo das máscaras. Foi da man das nosas amigas Begoña e María do Departamento de Italiano da EOI de Pontevedra. Coñecemos un dos máis recoñecidos sinais de identidade do Carnaval de Venezia e, con macarróns e fideos e outro tipo de pasta, fixemos auténticas obras de arte. E todo isto mentres aprendiamos italiano. Sabedes que significa “La pasta in faccia?”?

Contos feridos? Teñen arranxo

 

Tantos libros había naquel andel, que unha noite rompeu. Menuda desfeita!! Tres contos con feridas. Que desgusto tan grande! Haberá quen o arranxe? E había, si! As monitoras do Salón no seu Hospital Literario recuperaron unha morea de libros con axuda da cativada e as súas familias. Mañá seguiremos na nosa liña de coidar o planeta e darémoslle tamén novos usos a libros estragados.

Encontro lector con Manuel Lourenzo González

 

Celebramos un interesantísimo encontro lector na Residencia da Terceira Idade  de Campolongo con Manuel Lourenzo González e a súa obra Cegoñas no fondo da Ría. Así, rememoramos a historia recente de Pontevedra, cando Elvis Presley actuou nas Festas da Peregrina ou cando case se roda o mítico filme Casablanca no Café Moderno, a historia de Ravachol no circo de Bufallo Bill… unha chea de historias que aconteceron.. ou non?

 

Risos en cada recuncho do Salón

 

Risos! Que non falten, nin faltan, en cada recuncho do Salón. Eses mesmos que a cativada dos centros escolares percorre logo de asistir ao seu contacontos/obradoiro. Onde descobren a Fina a Pirata no espazo de Helena Villar (e ata as profes cantan e bailan) ou o traballo de @Kiko Dasilva (ao que tiveron a sorte de atopar xa que andaba por alí para falar coa tele e a radio). Aprenden curiosidades sobre Italia, e da historia dos videoxogos, ou gozan xogando a atopar ás parellas máis escatolóxicas. Que divertido!

 

 

Grazie Simone! Ciao caro amigo!

 

O benquerido amigo #SimoneNegrin despediuse hoxe do Salón cunha dobre sesión sobre a arte da xestualidade, un exercicio de puro teatro, na que amosou a destreza que ten para rirse da súa Italia natal e dos seus compatriotas. Primeiro estivo con escolares do CEIP Froebel , “cole” que mantén un intercambio educativo e cultural co centro Cavour de Catania (Sicilia) dende hai dúas décadas. Era unha rapazada coñecedora da lingua e a cultura italianas, e afeita a convivir con compañeir@s do sur da “bota”, que gozou con moita complicidade das historias e ocorrencias dun Simone que estaba como na casa. Logo foi a quenda de alumnos/as dos “coles” de Ponte Sampaio, Campolongo e Tenorio (Cotobade) que entre risadas aprenderon xestos e expresións dos italianos de berce. Que ben o pasaron! E que ben o pasamos tod@s estes días con Simone! no Salón. Deixounos momentos para gardarmos sempre na memoria. Grazie Simone! Ciao caro amigo!

 

Contos para sorrir e gozar

 

Hoxe tamén se animou Andrea Bayer a vir a contar contos nas visitas escolares dos CEIP Froebel, Campolongo, Tenorio (Cotobade) e Ponte Sampaio ao Salón. Xunto con María Campos, Pavís Pavós ao completo e Celso Fernández Sanmartín, fixeron agromar sorrisos e gargalladas de toda a cativada que se achegou esta mañá ao Pazo da Cultura: contos de humor negro, de ras de boca grande, de chupetas, de cacas e de peidos, contos retranqueiros…

Contra a destrución, AMOR

 

 

Contra a tristura, HUMOR e contra a destrución, AMOR! Esa é a conclusión que sacamos do que agardamos quede nun feito illado: os danos nunha das estatuas de Orbil. Preferimos quedar co bonito, con que toda a cidade amosou o seu amor polo Salón, que un/unha trasno/fada bo/a puxo todo o seu empeño (e tamén a súa forza) en arraxalo. E que a cativada é quen de curalo todo con aloumiños! Moitas grazas a tod@s, de verdade!

As historias de Simone Negrin

 

E rematamos a xornada con Simone Negrin quen subiu a escena do Teatriño con Nápoles no centro dos seus contos. A música do seu acordeón e a colaboración das crianzas e papás e mamás foron esenciais para ambientar as historias reais e inventadas do narrador italiano arredor desta cidade do sur do país. A escolla da cidade de Nápoles foi a escusa perfecta para que este home, nado en Italia mais galego de corazón, conxugara o humor do sur do seu país de orixe e a retranca da Galiza na que medrou como contador de historias. Que ben o pasaron! E ao remate xa eramos tod@s amig@s.

 

Lingua para curar

 

Meu pobre! O oso de peluche está maliño. Non entende moi ben o que lle din porque fala italiano. Menos mal que as amigas de Mater Lingua apréndenos  os nomes das partes do corpo e das posibeis doenzas nesa lingua no obradoiro L’ospedale dei Pupazzi. Xa podemos entendelo, atendelo e curalo. Listo para xogar. Amais tivemos unha visita sorpresa: Orbil!

 

 

Orbil, de branco a…

 

 

O que mudou a nosa estatuta de Orbil do Salón!, unha das oito da Orbil Parade. Ao principio era branca e agora… Nenas e nenos decórana con amor, cores e humor. Son e serán benvidas máis achegas.  A obra final… está por ver. Agardámosvos!