Eo eeee eo o mundo dos contos ten que cambiar!

 

Eli Rios e Jara Ortiz revolucionaron esta tarde o Salón coa versión musical de Marta e a Píntega diante do alumnado do Sagrado Corazón de Pontevedra. A rapazada cantou, bailou e berrou ao ritmo da pandeireta aquela copla que dicía: “As princesas de hoxe en día non queren perder o tempo, queren facer as cousas ao seu xeito”. Pasárono de marabilla dándolle a volta ao conto. Quedamos co retrouso ecoando no maxín: “Eo eeee eo aaa o mundo dos contos ten que cambiar!

Contos para escoitar, contos para ler

 

Alumn@s dos “coles” Toural de Vilaboa; Carballeira- Lourizán, Xunqueira I e Xunqueira II de Pontevedra escoitaron hoxe na súa visita contacontos abraiantes e divertidos. A cativada, de 3 a 9 anos,  coñeceu, entre outras cousas, o conto da vaca que puxo un ovo con Pavís Pavós, a historia dos bonobos e outros animais con Raquel Queizás ; cancións e contos como o de nena que deixou a chupeta con Migallas Teatro e a viaxe dun mozo de 18 anos e todo o que lle ocorre cando por vez primeira sae da casa con Celso Fernández Sanmartín. Contos e máis contos que poden ler na casa, no cole ou en familia e tamén escoitar e vivir de xeito colectivo.

 

Xestos con denominación de orixe: Italia

 

Simone Negrin é  un monologuista incrible, un mestre da xesticulación é un abraiante contador de historias.  A proba? Foi quen de engaiolar hoxe a case 200 escolares, que entre gargalladas aparentaban ser italianos. Como? Seguindo as instrucións de Simone que lles aprendeu os  típicos acenos que o resto do mundo identifican como propios dos habitantes da “bota”. Xestos vibrantes e divertidos e aderezados con humor, repetidos por unha audiencia entregada. Todas e todos querían ser italianos e abofé que semellaban nad@s no país.

O fantástico mundo dos libros

 

O noso monitorado percorre coa rapazada O Salón para amosarlles o fantástico mundo dos libros que habita no Pazo da Cultura. Un mundo que se estende máis aló: ás casas, aos coles, ás bibliotecas…  Humor e brincadeiras non faltan neste paseo.

@s escolares ocupan O Salón

 

Coa semana comeza o desembarco dos escolares no Salón. Hai para eles/elas obradoiros, contacontos e vistas guiadas polo noso monitorado. Orbil é un perfecto anfitrión e está na porta para darlles a benvida. As nenas e os nenos non deixan de chamalo a berros até lograr os seus aloumiños. Que emoción! Que ledicia!

 

!

Cinema e literatura

 

Rematamos unha intensísima fin de semana inaugural da XXI edición do Salón no Teatro Principal cunha magnífica escolla fílmica do Cineclube Pontevedra: a adaptación do grandísimo Lorenzo Mattoti dunha obra clave da LIX Italiana: A famosa invasión dos Osos en Sicilia de Dino Buzzatti. Unha parábola sobre a colonización, a apropiación cultural e o abuso de poder arrodeada de fantasía, colorido e imaxinación. Coa súa mensaxe revolucionaria sobre a amizade e a dignidade damos por finalizado o día.

Máis contos de Italia… Mamma mia!

 

 

Simone Negrin viviu en Galicia moitos anos, traballou no Centro Dramático Galego e tamén coa Real Filharmonía de Galicia. Hoxe subiu de novo ao escenario do Salón e gozamos das súas historias reais e inventadas sobre a súa Italia natal, cheas de música e brincadeiras. Son contos que arrancan gargalladas a pequen@s e grandes. Mamma mía! Mañá á tarde participará nas sesións matinais con escolares e á tarde, será a última oportunidade de escoitalo!

 

 

Sinatura (debuxada) de libros de Luis Davila

 

No Salón estivo hoxe o noso benquerido Luis Davila O Bichero  para asinar os exemplares da súa última obra: Run is life. Nela recompila as viñetas coas que cada día fainos agromar un sorriso, co seu humor retranqueiro, intelixente e reivindicativo, ancorado na realidade galega na que vive e milita. Tamén nos acompañou Dora Desbrozadora que neste día 8M ten moito que dicir e que berrar.

Unha viaxe por Italia sen saír do Salón

Esta tarde aprendemos unha morea de cousas sobre Italia! As amigas de Mater Lingua Pontevedra fixeron un percorrido polo país amosando os monumentos propios de cada rexión: Regia Emilia, Toscana, Florencia, Venecia, Roma, etc. Debuxamos, pintamos, recortamos e fixemos mosaicos da Torre de Pisa o Coliseum, o David de Miguel e outros lugares emblemáticos da “bota”. Grazas a Ramona Ghezza, Francesca Verde e Chiara Lazzaretto por  guiarnos nesta viaxe para coñecer o país convidado sen sairmos do Pazo da Cultura de Pontevedra!

 

A tecnoloxía máis divertida

Claro que SI!! A tecnoloxía é fascinante, é divertida. E ás nenas e nenos sábeno ben. Que aten@s estiveron ás explicacións dos especialistas de #CeoAberto! que lles aprenderon o uso da Realidade Aumentada (AR) para crear imaxes divertidas e contidos cheos de humor. Primeiro coñeceron o abecé de aplicacións de Realidade Aumentada (Hp Reveal, Wallame e Metaverse) para, de seguido, crearen os seus propios contidos. Que risadas ao mesturar o mundo real e o virtual!