Uhmm… Dolce Italia!

 

Uhmm! … que rico o tiramisú (de chocolate) que fixemos hoxe no espazo gastroliterario. @s pequen@s chefs traballaron arreo para cociñar este saboroso doce italiano de acordo coas instrucións das “cociñeiras” de ReviraVolta. Saíulles tan ben que non deixaron nin unha migalla de proba!

Vermú musical con acento italiano

 

O Salón trasladouse no día de hoxe ao centro histórico da cidade cunha proposta gastro-lúdica para todas as idades: un vermú musical.  A chuvia (máis ben poalla) non nos desanimou para gozarmos  do vermú italiano no Pavero Bar. Houbo músicas, bebidas e petiscos italianos para achegarnos en boa compañía, ao noso país convidado. Os cans tamén se animaron e pola cara que poñían algúns, ben que lles gustaron as focaccias!

As aventuras do pequeno Cósimo

Os amigos de Polo correo do vento non podían faltar ao Salón. Viñeron e homenaxearon a Italo Calvino contando o conto de O esquío rampante, cheo das aventuras do pequeno Cósimo. Houbo tamén música e debuxos… porque con eles, non pode ser unha cousa sen a outra.  Asi, ao remate da contada e a petición popular, chegou o momento de repartir ceras e follas e seguir as instrucións. Un redondo grande, outro pequeno, un anaco de pizza, un sombreiro… e pequenos e maiores, foron quen de debuxar unha gata meiga ben riquiña! Que ben o pasamos!

 

Focaccias n’O Ganapán

Que cheiriño tan gorentoso había hoxe n’O Mercado! Era porque no O ganapán estabamos facendo unhas ”Focaccias” riquísimas, dentro deste periplo gastronómico literario por Italia que promove o Salón en homenaxe ao seu país convidado. E mentres enfornabamos as focaccias, aínda tivemos tempo para facermos uns brazaletes moi divertidos. Pasámolo “molto molto bene”!

Cacas relucentes, divertidas… cacas espaciais

 

Cacas alucinantes, cacas insospeitables, cacas que relocen na escuridade,… cacas espaciais. Como facelas? Seguimos os consellos de Anxo Fariña  que goza debuxando e, por enriba de todo, coas cacas.  Sen perder tempo puxémosnos ao choio: cartolinas, lápices, cores flúor…e a pintar. E o resultado? Unhas cacas alucinantes, con caras súper divertidas e que brillan na escuridade. Que obradoiro máis molón!

Dicir humor en Galicia é dicir Castelao

Se digo humor en Galicia, que é o primeiro que vos vén á cabeza? Castelao, non si? É que o seu nome vai da man do humor e da retranca… e tamén da crítica. Hoxe con taller abierto, e partindo do álbum “Cousas de nenos”, a cativada coñeceu un pouco máis sobre a súa figura a aprendeu a transformar palabras en imaxes. Por un anaco, as nenas e nenos tamén foron #Castelao. Tanto, que ata marcharon cos seus lentes.

Ris Ras… aparta para alá

Ris, Ras… aparta para alá; ris, ras para adiante e para atrás!! Chove, chove, na casa do pobre; neva, neva na casa da vella… É pegadiza, non si? Así arrancou o novo espectáculo de Baobab Teatro  que elixiu a escena do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Ponteveda para a  súa estrea.  Ris Ras é unha homenaxe a nosa lingua, á tradición oral  das nosas avoas e os nosos avós.  Música e cancións, contos e risas das que gozaron pola mañá e pola tarde os cativos de 1-7 anos e as súas familias. Pasárono moi ben! E marcharon tarareando a súa cantiga para casa.

 

 

 

A banda deseñada galega ten historia

Convidámosvos a visitar a mostra “De Castelao ao mañá”. Unha ollada ao cómic galego que arranca no século XIX, transita polas viñetas de Castelao, emerxe con identidade propia e reivindicativa nos anos 70 e 80 do século pasado, vive unha idade dourada nos albores do s. XXI e que hoxe ten un merecido nome na escena internacional. Á vista viñetas, debuxos e ilustracións de xente como o propio Castelao, Castaño, Isaac Díaz Pardo, Xaquín Marín, Reimundo Patiño, Fausto, Miguelanxo Prado, Kike Benlloch, Fonso, Mar Abad, Kiko da Silva, Los Bravú ou Julia Huete.

Vaia Circo!

 

Vellos amigos do Salón, os Odaiko sempre atopan novas maneiras de sorprendernos. Son quen de converter calquera cousa nun instrumento e facer dunha coñecida melodía todo un espectáculo de risas onde o ritmo e a creatividade son as protagonistas. Baquetas voadoras, tambores usados como aparello, instrumentos manufacturados e música, moita música en directo. “Vaia circo!” é un proxecto didáctico no que Odaiko Percussion Group fai fincapé nos tres elementos que sempre os caracterizaron como banda: o virtuosismo, o humor e a posta en escena. Así pechamos a primeira e exitosa xornada do Salón! Vémonos mañá!

 

 

Nono e o seu inseparable amigo o mono

 

O que tal vimos na escena do Teatriño! Incribles malabares, unha pelexa sen tregua cun mosquito, un animado (e desigual) combate de boxeo, o seu inseparable amigo o mono e  que máis? Moreas de sorrisos,  gargalladas a esgalla e moitos aplausos. NONO, o clown máis divertido do Salón, alegrounos a tarde coas súas brincadeira, engaiolounos a todas e todos, e marchou de viaxe cun peto cheo de nov@s amig@s… que xa o estrañamos.