María Lado, Familias que escriben

A literatura, contar historias, é un xogo moi divertido e un exercicio fantástico para mantermos viva a nosa imaxinación. Igual pensades que escribir é un acto solitario e aburrido…nada que ver! A nosa amiga María Lado ofrécenos unha batería de propostas, ideas, trucos para que, en familia, creemos e escribamos as historias máis tolas, divertidas, emocionantes… Non se nos ocorreu maneira mellor de pecharmos esta singular edición da Escola de Lectura para Familias Curiosas en versión virtual. Que pasedes moi bo fin de primavera e un magnífico verán… Vémonos no inicio do vindeiro curso!

 

Palabra de libreira

Non hai como ter unha libreira de confianza, que nos recomenda ese libro que precisamos para cada momento ou ese libro que estaba escrito para nós e non sabiamos que existía. Sen dúbida, para Literatura Infantil e Xuvenil, esa libreira é Luz Gallego, Nenuca, de librería Seijas en Pontevedra. Grazas, Nenuca por preto de 40 anos de recomendares boas lecturas!

 

Con contos tamén se xoga, por Reviravolta

Se algo comprobamos nesta corentena é que os contos poden ser un magnífico punto de encontro para o lecer, o xogo e a reflexión en familia. As nosas amigas Lorena e Sandra de Reviravolta sábeno moi ben e ofrecen para esta Escola de Lectura para Familias Curiosas unha chea de recursos para ler e xogar no fogar.

 

Uxía, Coplas e cantos na casiña

Bo día, familias! Agora o confinamento é menos estricto pero aínda temos que andar con moito coidado. A nosa amiga Uxía quixo compartir hoxe con nós todo o seu coñecemento sobre a música tradicional e a súa fermosísima voz para amosarnos coplas, alalás, mariñas, muiñeiras, recitados, cantigas de berce… para cantarmos en familia. Un luxo do que, sen dúbida, imos sacar moito proveito. Grazas, Uxía! Agardamos que nos poidas acompañar de novo canto a nosa Escola de Lectura para familias Curiosas pase de Virtual a Presencial.

Sorteo final!

Clausura da XXI Edición do Salón, polo Rock Lab

Chega o peche do Salón do Libro e temos o pracer de presentar ao alumnado do Rocklab, esta vez realizando unha gravación adiovisual dende as súas casas para dar vida aos “Cabaleiros do Rock” e a “Rock n Roll Monsters”. Dúas actividades que nos trasladarán ao mundo do Medievo e do Terror a través dunha historia contada e cantada con moito humor! A través dunha aloucada comedia crítica, satírica e musical veremos como rapaces e rapazas de entre 7 a 11 anos , interpretan, cantan, tocan instrumentos e gravan todo o material dende as súas casas durante a etapa de confinamento. E con esta proposta despedímonos ata a vindeira edición, na que agardamos poder vernos sen unha pantalla no medio e darnos bicos e apertas! Viva o Salón! Grazas a todos e todas por seguirnos no Salón máis longo do mundo!

Despedida desde o Concello, Miguel Anxo Fernández Lores e Carme Fouces Díaz

Xa chegando á fin da XXI edición do Salón, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra e Carme Fouces Diaz, Concelleira de Cultura, despiden unha das iniciativas máis consolidadas da nosa cidade das máis queridas polas familias desta boa vila que dá de ler a quen pasa. Pontevédrate

#nonCancelamos

Maquinistas do Salón

Pensabamos que ían ser tres semanas e foron máis de dous meses! Así pasamos, detrás das cámaras, todas estas semanas traballando por e para vós. Foi unha experiencia incrible, loitar contra o medo e o desánimo todas xuntas (aínda que sen vernos nin tocarnos). Vémonos nas lecturas! Ata a vindeira edición, familias!! Xa vos estamos botando de menos…

APRENDE BANDA DESEÑADA CON FIZ (2) por KIKO DA SILVA 2020

Cun chisquiño de atraso (cousas técnicas da creación confinada), velaquí tedes a segunda parte deste obradoiro virtual de creación de Banda Deseñada da man do noso amigo Kiko Dasilva, ilustrador homenaxeado nesta tan particular XXI Edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Todo un luxo para @s amantes da BD e para quen quere iniciarse nesta arte. A gozar e a crear con Fiz, o neno máis porco do mundo que, desta vez, ten moitas cousas que nos aprender sobre as historietas. Veña, animádevos que precisamos moita máis BD en galego! Feliz Día das Letras Galegas!
PD Lembrade que existe, tamén, o libro “Aprende Banda deseñada con Fiz”, escrito e ilustrado por Kiko da Silva e editado por XERAIS (agora que xa podemos ir ás librarías…)

#nonCancelamos

Proba de enxeño: os misterios do Salón.

Xa vistes esta mañá que no Salón (o presencial) había unha sala de libros perigosos (que facían morrer coa risa). Pois ben, nesa sala produciuse un acontecemento estraño e misterioso que, polo peche do Salón, quedou sen resolver. Para iso, precisamos a vosa axuda. Velaquí o xogo de probas que tiñamos pensado para vós. Veña, a facer traballar eses miolos… Podedes descargar as pistas, se preferides, deste enlace:

https://bit.ly/2Z2EYah

Xa nos avisaredes se dades coas respostas! Seguro que si!!

Velaquí o vídeo co misterio:

https://youtu.be/K36TDxK51Bw