O moucho aburrido, por Paula Carballeira

Aínda que pareza un día coma outro, hoxe é venres! Achégase a finde e, aínda que non poidamos saír, teremos no Salón unha programación especial, chea de actividades xeniais. E para irmos abrindo boca… un conto da nosa queridísima Paula Carballeira Cabana, que vén de percorrer medio mundo pero xa está na casiña, desde onde nos achega a historia dun moucho que andaba moi aburrido. Nós, con tantos contos, non nos aburrimos nadiña! (e aínda que nos aburramos un cacho, tampouco pasa nada! )

#EuQuedoNaCasa #OrbilQuedaNaCasa #OSalónVirtual #CulturaNaCasa #narraciónoral #narraciónoralgalega

 

Fatal, falta Tafall! por Fantoches Baj

Hoxe celebramos o Día do Teatro, cun chisco de pena por termos todos os teatros pechados. Nestes días, o humor e o teatro son máis necesarios ca nunca, e desde o Salón Virtual escollemos “Fatal, falata Tafall” para a programación de hoxe para recoñecer o labor de todas as persoas que dedicaron a súa vida a facernos rir desde os escenarios. Con esta obra, creada á mantenta para o Salón, os nosos queridos Fantoches Baj recrean a vida de José Fernandez Tafall, tunante, ferrioviario, xornalista, ciclista, humorista… un pontevedrés xenial e inxustamente esquecido. Non a perdades!

#EuQuedoNaCasa #OrbilQuedaNaCasa #OSalónVirtual #CulturaNaCasa #DíadoTeatro Urdime

 

Conto motor, Monitorado do Salón

Xa que vos gustou tanto o Coronaconto, o noso equipo de monitorado seguiu dándolle ao maxín, creando historias para vós, para gozardes en familia destes días de corentena. Cun conto e a nosa imaxinación, a casa vólvese un espazo infinito, un mundo enteiro cheo de posibilidades…
#EuQuedoNaCasa #OrbilQuedaNaCasa #OSalónVirtual #CulturaNaCasa #narraciónoral #narraciónoralgalega

 

Contos paveros: para esmendrellarse de risa, por Leucoiña Pasea

Este conto pavero de hoxe vai dun concurso moi especial. Pode haber concursos de preguntas e respostas, de cociña, de chimpos… das cousas máis variadas que vos podedes imaxinar. Pero… sabedes que tamén hai concursos de cacas? E quen gaña ne? Pois o que faga a caca mellor, por suposto! Que non me credes? Pois atendede a esta historia de Leucoíña pasea, e ollo ao final, que ten unha receita de caca… para gañardes todos os premios! 

#EuQuedoNaCasa #OrbilQuedaNaCasa #OSalónVirtual #CulturaNaCasa #narraciónoral #narraciónoralgalega

 

Os animais do mar, por Charo Pita

Non podía pasar unha edición do Salón na que non nos acompañara, aínda que sexa virtualmente, a nosa amiga Charo Pita. Pedímoslle que nos mandara uns contiños, e valaquí un deles: Os animais do mar. Dentro de moi pouquiño, xa veredes, podemos gozar de novo do mar! Grazas, Charo, por esta historia!
#EuQuedoNaCasa #OrbilQuedaNaCasa #OSalónVirtual #CulturaNaCasa #narraciónoral #narraciónoralgalega

 

O PETORBIL

Como estes días non podemos saír… tampouco temos onde gastar os cartos. Que vos parece se facemos un peto e aforramos unha chea de moedas para cando acabe a corentena poidamos mercar… uns libros! Ou un xogo! Ou un agasallo para alguén! Ou para… o que vos pete! Mentras facedes este súper peto, podedes ir matinando en que gastaredes a vosa fortuna… A cabeza das nosas monitoras… non para!
#EuQuedoNaCasa #OrbilQuedaNaCasa #OSalónVirtual #CulturaNaCasa

Súper Seria, de Lucía Aldao e María Lado

Lembrades que todos os anos María Lado e Lucía Aldao preparan para o Salón un espectáculo co Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra? O deste ano chamábase “Súper Seria” e non lles deu tempo a estrealo pero… velaquí temos un cachiño da proposta… E como din as nosas amigas neste espectáculo a dúas voces e a dúas casas…”Hai poucas cousas na vida máis serias que o humor”. Pois iso!

 

Voces divertidas

As nosas monitoras non se aburren nadiña na casa…Non deixan de argallar trasnadas e xogos para facernos agromar un sorriso. Para divertirse non fai falla ter nada máis que… bo humor! E para mostra, este xogo que nos amosa Antía de voces divertidas para facer con alguén ou nós sós/soas mirándonos ao espello. Probastes? A que é súper simpático?

ORBIL FAI XIMNASIA NA CASA

Ola familias, boa tarde! Como o estades levando? Estades lendo moito? E xogando? Axudades na casa? Agardamos que si! Vedes moito a tele? Esperamos que non tanto… Hai unha chea de cousas para facer dentro de casa, por exemplo, facer algo de exercicio, para saírdes da corentena igual de áxiles… Hai tempo que non vos amosamos que fai Orbil… Como sabedes, está lendo moito, tiña unha chea de contos por encetar, pero tamén fai exercicio, claro que si! Non quere que lle medre máis o bandullo… Pois xa sabedes, facede coma el e poñédevos unha rutina de exercicios cada día (vale bailar, varrer, fregar, facer a cama, facer zumba…)
#EuQuedoNaCasa #OrbilQuedaNaCasa #OSalónVirtual #CulturaNaCasa

 

 

O ratiño e o León, por Soledad Felloza

Que vos parece se empezamos a semana cun conto? Hai, acaso, unha maneira mellor? Pois imos aló. Desta volta, Soledad Felloza achéganos a historia dun ratiño e dun león… Atendede, empeza o conto…

#EuQuedoNaCasa #OrbilQuedaNaCasa #OSalónVirtual #CulturaNaCasa