Cultura convidada: a lusofonía
No Salón queremos seguir sendo unha fiestra aberta ao mundo, un punto de encontro de linguas, culturas e literaturas coas que relacionarnos e enriquecernos. Nesta XX edición non foi só un país, senón unha lingua, a portuguesa, a que queremos reivindicar e visibilizar. Lingua irmá do noso idioma, cómpre cruzar pontes e atravesar océanos para falarnos, ouvirnos e celebrar o que nos une, amosar ás crianzas que co galego podemos percorrer o mundo e comunicarnos con máis de 250 millóns de persoas no planeta. Farémolo a través de palabras escritas e narradas, de imaxes, de música e gastronomía. A “Ilusofonía”, en verbas de Chico César, invadirá de novo a nosa cidade, con sotaques de Portugal, Brasil e Angola dos nosos convidados e convidadas, e coa LIX , a ilustración e a gastronomía tamén de Cabo Verde, Guinea-Bissau e Mozambique.
De Brasil contaremos coa presenza da escritora, tradutora e xornalista Marina Colasanti, unha das voces máis sólidas e recoñecidas do país. Tamén nos visitarán os ilustradores André Neves, ben coñecido polo noso público, e Roger Mello, Premio Andersen de Ilustración que por primeira vez visitará Galicia. Do ámbito da mediación lectora, Volei Canonica, divulgador e mediador con dilatada experiencia. A poesía brasileira tamén cruzará o Atlántico, na voz de Henrique Rodrigues e a narración oral virá da man de Benita Prieto, natural do Rio de Janeiro mais filla de galegos. Temos moitos brasileiros e brasileiras na nosa terra, que tamén quixemos facer partícipes: na música, o “brasilego” Sérgio Tannus e noso veciño Gustavo Almeida (en compañía da nosa amiga poeta luso-franco-pontevedresa Elisabeth Oliveira), na gastronomía lusófona a Amélia Andrade e como editor, representando a Urutau, Wladimir Vaz. A presenza desta delegación toda está apoiada pola Embaixada do Brasil en España, á que agradecemos inmensamente o seu labor.
Do sur do Miño, de Portugal, virán a editora e ilustradora Mafalda Milhões, comisaria da exposición “MOTIM”, un percorrido pola ilustración portuguesa actual, que estará no Museo da nosa cidade (Sexto Edificio). Acompañaranos nesta XX aniversario a ilustradora Ana Biscaia, Premio Nacional de Ilustración de Portugal, galardón que tamén recibiu o noso convidado Afonso Cruz, unha das voces creadoras más singulares do país, tanto na escrita como na ilustración. Tamén nos visitarán as ilustradoras Ana Seixas, Eva Vieira, finalista do cuncurso de Carteis do Salón, Margarida Botelho e Cátia Vidinhas e o editor, ilustrador e responsable de “Braga em risco”, Pedro Seromenho. Da escrita infantil e xuvenil, Pedro Messeder, un dos autores máis consolidados visítanos de novo, e incorporamos ao programa unha das novas narradoras, Ana Pessoa, que está a ter entre gran proxección entre a mocidade lusa. Do Alentejo achégase a narradora Bru Junça, cos seus contos, cantos e tapetes cheos de historias. Do ámbito da mediación, Ana Margarida Ramos aporta a súa dilatada experiencia na investigación da LIX. O teatro chega das táboas de Andante Teatro, que achegarán unha obra para bebés baseada nos poemas de Fernando Pessoa. A música virá da voz e a guitarra de João Afonso, unha das figuras máis importantes da música portuguesa e ben coñecido na nosa cidade, que actuará en solitario e tamén como convidado do espectáculo máis lusófono de María Fumaça.
Esta ampla e variada mostra portuguesa conta co apoio da Direção-Geral do Livro, dos Arquivos e das Bibliotecas (DGLAB) e do Instituto Camões-Centro Cultural Português en Vigo.
De Angola temos o pracer de recibir a visita do poeta e tradutor Zetho Cunha Gonçalves, que nos achegará tanto a súa produción poética propia como a poesía e a tradición oral do seu país.
Sen dúbida a presenza desta delegación será toda unha revolución na nosa cidade, con ese propósito foi lanzado o convite. Sejam todas e todos muito bem-vindos!