Bota a andar o Salón Virtual!

Bota a andar o Salón Virtual! Logo que pensabades, que vos iamos deixar coas ganas de gozardes do Salón? Nonnnnnnnnn! Despois do disgusto que levamos estivemos dándolle voltas ao maxín e temos argalladas unha chea de cousiñas para vós todo este mes. Estade atent@s, teremos actividades de mañá e de tarde todos os días! Poderedes ver algunhas das propostas que estaban programadas e moitas outras novas, creadas á mantenta para levarmos, da mellor maneira, estes días de peche. Como non podía ser doutro xeito, empezamos por un percorrido virtual polos traballos dos nosos queridos coles colaboradores, que tanto traballo pasaron e tan ben o fixeron. Mirade que cousas tan chulérrimas! Vaia artistas! Recoñecedes o voso? Queredes explicarnos que fixestes? Estamos desexando que nos contedes!
Fotos de Andrea Area
#EuQuedoNaCasa #OrbilQuedaNaCasa #OSalónVirtual #CulturaNaCasa

“Teño tanto medo… cagho patatillas”

 

“Trémenme as pernas trémenme as canillas, teño tanto medo… cagho patatillas”. E con esta cancionciña (e idea de fondo) Brais das Hortas encadeou historias de medo, cancións, contos para asustar, contos para gozar. Historias que saíron dunha vella maleta agachada no faiado nunha noite de inverno e que fixeron a ledicia de pequenos/as e maiores. @s nen@s decontado metéronse nas historias e participaron de xeito activo nun espectáculo no que a música e o humor foron protagonistas. Quen dixo medo?

As Escolas Unesco levan unha Plastiquiñ@ versión Salón

 

As Escolas Asociadas da UNESCO  convidaron ás nenas e nenos a deseñar no Salón unha versión pontevedresa da Plastiquiña/o, a mascota que viaxará polo mundo adiante – de escola en escola, de país a país- para concienciar á mocidade e aos maiores sobre a necesidade de reducir o uso do plástico. O modelo foi o noso lobo lector Orbil . Estamos moi orgullosos e agradecidos pola escolla. Que cousas máis chulas debuxaron! Levan deseños fantásticos! O primeiro chanzo feito…

 

“O inferno do debuxante” por Kiko da Silva

 

 

Hoxe achegámonos á BD e á vida dos debuxantes con Kiko da Silva e a súa obra O inferno do debuxante, unha orixinal aposta creativa que xoga coa realidade e a ficción, co humor e a retranca, que serve de homenaxe á creación de historietas do último terzo do século pasado. A rapazada do IES Luís Seoane e da Biblioteca do IES de Poio quedou abraiada da poliédrica creación do autor homenaxeado, que se vai convertendo, por momentos, en Ibáñez, en Quino, en Uderzo e Goscinny… Para non perder @s amantes do mundo dos cómics.

A realidade aumentada dá moito xogo… e moito riso

    A realidade aumentada da moito xogo e… moita risa. Que llo pregunten á cativada dos “coles” Marcos da Portela e Cabanas-Salcedo que hoxe participaron no obradoiro “Aumentando o humor” de Ceo Aberto.  Primeiro coñeceron varias aplicacións, entre elas a “Quiver”, e despois, de xeito práctico, comprobaron o que pasaba cando escaneaban as imaxes e […]

Historietistas!

 

Todas e todos escachamos de risa con algunhas historietas, non si? Hoxe axchegámonos ao mundo da BD e aprendemos a planificar viñetas, debuxalas ou mesmo incorporar textos e crear historias con imaxes de banda deseñada xa existentes. Mans á obra! Grazas a VAN Divulgación Cultural e ao seu obradoiro de “Risadas Deseñadas”, a rapazada dos CEIP Cabanas-Salcedo e Os Sauces coñeceu hoxe un pouquiño máis do humor gráfico galego. Tamén tiraron de maxín para crearen as súas propias viñetas e deron os primeiros pasos como guionistas de BD. Quen sabe? Igual temos unha canteira de historietistas…  Abofé que folgos e imaxinación non lles falta!

 

Criaturas fantásticas co Multicreator-2020

 

Unha nena con corpo de plátano e patas de vaca? Un can con corpo de home? Un vaca con corpo de mazá? Por que non? Todo é posible no Salón co “Multicreator 2020”, o divertido e diabólico aparello construído hoxe por alumnado dos “coles”  Os Sauces e Cabanas-Salcedo no obradoiro guiado por Anxo Fariña. Un círculo de tres pistas móbiles con debuxos de cabezas, corpos e pernas para mesturar ao gusto do autor/a e crear fantásticas criaturas. Para escachar de risa!

Moito conto!

 

 

Hoxe foron os alumnos e alumnas dos “coles”  Cabanas-Salcedo, Crespo Rivas, Marcos da Portela e Os Sauces os que quedaron engaiolados cos contos, cancións e brincadeiras d@s nos@s contador@s de historias: Migallas TeatroPavís PavósAndrea Bayer e Celso Fdez Sanmartin. Foi unha mañá magnífica, de moito conto! ;-p

Orbil, listo para dar a benvida!

 

 

Cada día é unha festa na entrada do Pazo da Cultura. Orbil é o mellor anfitrión e cada mañá  recibe emocionado na portas aos escolares que chegan ao Salón  para participaren nos seus contacontos e obradoiros e percorreren, guiados polo monitorado o mundo máxico dos libros. Hoxe visitáronos as nenas e nenos dos CEIP Os Sauces, Cabanas-Salcedo, Crespo Rivas e Marcos da Portela.  No comité de benvida, o monitorado sempre cun sorriso nos beizos. Son o máis!

 

 

 

O mundo de Adela Turin

 

Se hai unha autora italiana pola que teñamos devoción no Salón do Libro é Adela Turin. O mesmo lle pasa a Raquel Queizás, e por iso  agasallounos con catro das obras que a escritora do noso país convidado fixo en colaboración coa ilustradora Nella Bosnia nunha colección pioneira no feminismo na LIX “Dalla parte delle bambini”. A sala Rodari estaba que non cabía unha mosca gozando de Artur e Clementina, Rosa Caramelo, Unha feliz catástrofe ou A historia de Bonobos con lentes, obras editadas en galego por KALANDRAKA. Témolas todas na nosa biblioteca!