Bibliografía revolucionaria: GÁLIX
Á hora de elaborar a listaxe de libros dirixidos aos lectores e lectoras infantís e xuvenís arredor do tema da REVOLUCIÓN, encontrámonos cun problema: estamos nun lugar onde nin houbo unha revolución á que se lle puidese chamar así, nin tampouco se agarda, polo tanto é normal que non haxa unha produción nin clara nin importante.
Vémonos así obrigadas desde GÁLIX a darlle voltas á palabra, buscándolle derivacións e sinónimos, obrigándoa a que nos abra portas. Vexamos… Do latín vén o término revolutio que se podería traducir por “dar volta”, cambiar as cousas dunha maneira rápida e en profundidade. De forma xeral entendemos a revolución como un cambio ou transformación radical respecto do pasado inmediato, unha ruptura da orde establecida. Prodúcense as revolucións como consecuencia de procesos históricos e de construcións colectivas, pódese falar de revolucións políticas, sociais, económicas, científicas, tecnolóxicas, industriais, anticoloniais, culturais… e máis que se nos poden ocorrer.
O dicionario da Real Academia Galega defínea como o cambio profundo e brusco das estruturas políticas, sociais e económicas dunha sociedade; levantamento ou sublevación popular que busca un cambio, pero tamén, un cambio rápido e profundo en calquera cousa. Por iso podemos falar das revolucións concretas e recoñecidas polo nome do país no que se produciron aínda que moitas veces a súa onda de expansión chegara a moitos outros, como a revolución francesa ou a rusa, a mexicana ou a de abril en Portugal. Outras, supoñen un cambio a nivel científico ou tecnolóxico como a industrial, tecnolóxica ou informática. Outras fundamentais, máis lentas e que están en pleno proceso, pero tamén transformadoras como a feminista, a pacifista ou ecoloxista.
Toda revolución comporta unha toma de conciencia das minorías para enfrontarse ao poder, por iso tamén consideramos que están acollidas dentro deste concepto a biografía daqueles e aquelas que poñen en marcha cambios non realizados anteriormente no seu medio, aqueles que se traballan interiormente rebelándose ante o status quo e adoptando compromisos que posibilitarán a toma de conciencia doutros e da sociedade.
A palabra revolución ten carisma, especialmente cando non leva apelido. É un termo que nos remite á utopía, á busca dun futuro mellor, á crenza de que outro mundo é posible, e ponnos no camiño da transformación da realidade. Así podemos buscar libros que, dunha maneira ou outra, teñen a revolución como horizonte.
Pensar en revolución é estar disposto a crear pequenas utopías que nos libros podemos encontrar na convivencia, na amizade, no acollemento ao outro, no entendemento e a tolerancia, na busca da paz ou na denuncia de situacións inxustas, na crítica do establecido, na resistencia ante a opresión, no compromiso de loita contra a desigualdade e a favor do respecto á diversidade e ao multiculturalismo… pero tamén á identidade propia que nos fai defender o patrimonio cultural e lingüístico galego por ser aquel que nos corresponde en primeiro termo. Os valores que se chamaron transversais ou democráticos están implicados en toda utopía: pacifismo, feminismo, ecoloxismo, anticonsumismo, igualdade, solidariedade, liberdade… están aí, no camiño de Ítaca ou utopía.
Xa o dicía Konstantino Kavafis:
Ten sempre a Ítaca na túa mente.
Chegar alí é o teu destino.
Itaca brindouche tan fermosa viaxe.
Sen ela non emprenderías o camiño.
Pero se non ten xa nada que darche.
Aínda que a aches pobre, Ítaca non che enganou.
Así, construímos esta bibliografía. Acollemos as rebelións por proximidade, especialmente cando aparecen no título (A rebelión das rúas… cos animais ou dos xoguetes), igual que acollemos algún título no que a palabra revolución ten presenza (A revolución dos globos) por non darlle a contraria. Recollemos algún libro informativo sobre as revolucións (A revolución francesa, A revolución industrial) e outros de ficción que se sitúan nese momento como Centauros do norte na revolución mexicana. Botamos, tamén, man dalgún libro de adultos para coñecer máis de preto, e de maneira novelística a revolución dos caraveis en Portugal (Resistencia) ou a revolución cubana (Tempo novo).
Cando nos poñemos a falar de futuro, a verdade é que en lugar de utopías nos nacen distopías, realidades que consisten nunha antiutopía, no contrario do que iamos buscando, mais é preciso recollelas porque son os erros dos que debemos coidarnos (Despois do cataclismo, 1984, Mecanoscrito da segunda orixe…).
Ás veces a revolución é persoal e do que se trata é de superarse a un mesmo (Augusta e os seus medos). Outras veces é ir un pouco máis alá (E que podo facer eu?), implicarse ou formar parte da resistencia contra a opresión, sen esquecer nunca o poder das palabras (As palabras poden matar, As palabras feridas, Poderosa) que son as que contan e que, como mínimo, denuncian.
O que máis nos encontraremos nesta bibliografía será a recollida de historias nas que aparecen os valores que pisan o camiño cara a Ítaca e falan de paz (A primeira aventura de Said e Sheila), medio ambiente (As flores radiactivas), de igualdade de xénero (Rapazas),… Aqueles que presentan a amizade como a mellor posibilidade de convivencia entre diferentes (Os tres amigos) ou os que falan da inxustiza de maneira inocente (Derradeira carta aos Reis Magos), os que recollen a diversidade familiar (Unha chea de familias) ou sexual (Titiritesa) e tamén aqueles que reflicten a violencia de xénero (Xela volveuse vampira), o maltrato doméstico (O monstro do soño), a marxinalidade social ( Illa Soidade); aqueles que falan doutras realidades (A narradora do deserto, O agasallo de Anya)…
Non estaría completa a bibliografía, porén, se non recollésemos os libros que denuncian realidades que non nos levan para un mundo mellor (As zapatillas de Lía), por iso tamén recompilamos os que se enfrontan ás convencións sociais que deberían cambiarse (Menú de enganos, Exogamia 0.3), os que apoian a intervención social (A Inmortal), os que falan do compromiso dalgunhas persoas do común (O son das buguinas) ou da solidariedade (A batalla da pequena Chañan Curi Coca). Tratamos de recoller a problemática que se presenta na sociedade e que moitas veces non sabemos responder de maneira correcta, aínda que algunha vez o logramos e son esas as que non aparecen nos medios de comunicación: as accións positivas que non son noticia. Con diferentes etiquetas iremos dando un nome á razón pola que foron escollidos os títulos e aínda que non coincidan as denominacións entenderedes a razón pola que foron seleccionados.
Nesta orde de cousas, non queremos deixar de ter en conta algunha colección a ter en conta como “Os dereitos do neno e da nena” ou “Carteira de valores” da editorial Baía, as de igualdade “Contos da igualdade” ou “A igualdade conta”, Mulleres bravas da nosa historia” ou “Mulleres galegas”. Non esquecemos tampouco algunha colección relacionada co ámbito da natureza que permita levar a cabo o dito de que só podemos querer o que coñecemos, como as de Ciencias de Kalandraka (“Inventario ilustrado” ou “Animais extraordinarios”), os cómics do consello da cultura galega ou as 50 cousas que os nenos poden facer para salva-la Terra, as da desaparecida A Nosa Terra ou as de Baía; unha longa listaxe á que podemos acceder a través do pinterest “Ciencia en galego” da Asesoría de bibliotecas escolares.
Deixamos para o final un grupo que nos é moi querido, aquel que consiste en “darlle a volta ao conto”, contalo desde outra óptica (A gata con botas) porque iso tamén é revolucionario. Coller os contos tradicionais e miralos con ollos de hoxe para non consentir que se repitan os roles tradicionais.
Por veces, recollemos só un dos libros da serie á que pertence (por exemplo: a banda deseñada de Fran Jaraba sobre a independencia de Cuba: Campos de Cuba e Terra libre; os da serie de Nunavut, a nena inuit; os de Daniele Kulot: Unha parella diferente, Cocodrilo namorado, Unha casa a medida, Unha failia normal; os da serie Osiño con A amiga de Osiño, Papá oso volve a casa, A visita de Osiño e Un bico para Osiño; os da serie Os tres amigos con O coche de carreiras; os da serie “Pequeno oso, pequeño tigre” con Que bonito é Panamá!, Correo para tigre, Imos buscar un tesouro ou Eu curareite, dixo oso pequeno; todos os títulos de Asterix publicados por Xerais (O combate dos xefes, Asterix e Cleopatra, Asterix en Italia, O papiro do César, Por Tutatis! O novo Asterix, Asterix gladiador, Asterix e os godos, Asterix e os pictos,…) dando a entender que se poden seguir lendo os que o acompañan.
De todo iso (e algo máis hai nesta bibliografía) que pretende servir para crear outra escola como a dos piratas ou a de Mar adiante e unha literatura infantil na que poidan verse, identificarse e soñar os nenos e as nenas.
Agora, toca que a completedes vos!
Pilar Sampedro
GÁLIX