O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

CON MOITA ARTE! 

Se algo temos claro nesta cidade é que a creatividade é o motor do mundo: a imaxinación, a fantasía, a sensibilidade, a vontade de transformamos o cotiá en extraordinario. A capacidade marabillosa de recrear a realidade (ou inventar unha realidade propia) a través de recursos plásticos, sonoros, visuais… Porque iso é a arte: expresar ideas e sentimentos, contar historias, interpretar a realidade para provocar sensacións e emocións.

O ano pasado atrevémonos a abrir as portas do Salón, en plena pandemia, e fomos galardoado co Premio Rosalía de Castro á Mellor Iniciativa de Fomento da Lectura por amosar que outra forma de facer cultura é posible. Foi un proxecto referente, dentro e fóra do país, como xa o fora o noso querido Salón Virtual do 2020, unha proposta cultural pioneira nacida da urxencia e da ilusión aos poucos días de decretarse o estado de alarma.

Este ano seguimos con rumbo directo a recuperarmos o Salón de sempre, a abrirmos de novo as portas ás escolas. Así, máis de 3.000 crianzas, mozos e mozas visitarán polas mañás o Pazo de Cultura para percorreren un espazo ambientado, como veredes, desde a arte exipcia ata as vangardas galegas, enchendo esta beira do río do barullo e da alegría que tanto botamos de menos.

E para vós, familias, preparamos un programa ambicioso onde a arte, a música, a narración oral, a escrita, a ilustración, o cinema, a BD, a danza, o teatro, os monicreques, as novas tecnoloxías e a maxia veñen da man dos libros para facernos gozar, reflexionar e estimular o noso lado máis creativo. Tamén iniciamos, con moita ilusión, un novo proxecto de residencia artística destinada a encher de arte os muros da nosa cidade.

Este ano teremos, de novo, un mundo de Salón, no Pazo de Cultura, na cidade e nas parroquias, coa nosa furgoneta Rodalibros e distintos roteiros que nos axudarán a re-coñecer a nosa cidade con ollos de artista. E a Orbil Parade será máis colorida que nunca, amosando os espazos artísticos máis senlleiros da nosa cidade. Dous dos lobos que veredes polas rúas foron deseñados polo alumnado dos bacharelatos artísticos.

A reflexión, o debate e os diálogos entre creadores e creadoras segue a ter un espazo importante na nosa programación, con diversos encontros, faladoiros e co IV Congreso Internacional de Mediación Lectora, en colaboración coa Universidade de Vigo.

Como cultura convidada teremos a Euskal Herria. Será unha oportunidade magnífica para aprender algo de euskera, coñecer autor@s, ilustrador@s, cultura, arte, gastronomía … Pensamos que o Salón é unha boa maneira de tender pontes coas nosas culturas veciñas, e aprendermos unhas das outras porque, como ben din as nosas amigas Tanxugueiras, non hai fronteiras … Ez dago mugarik! 

Nese tecer fíos co exterior, colaboraremos de novo coa Rede de Escolas Asociadas da UNESCO de todo o mundo, buscando crear sinerxías arredor dun tema común, a arte como identidade, a creatividade como bandeira para facer un mundo máis fermoso, máis colorido, mellor.

Este ano decidimos homenaxear á escritora Marica Campo e ao ilustrador Xosé Cobas, polo seu labor pioneiro e militante para crear e dignificar a literatura infantil e xuvenil galega. Grazas a autor@s coma el@s hoxe temos unha LIX vizosa, de grandísima calidade. Dan boa conta os máis de 3.000 libros que temos na nosa biblioteca e que este ano tamén poderedes levar ás vosas casas. Non baixamos a garda en manter un Salón seguro, por iso será preciso SEMPRE inscribirse para calquera actividade. Estade ben atent@s ao manual de uso”.

Este ano teremos máis de 300 actividades para familias e escolas, vinte días inzados de arte, nos ademais do libro e lectura celebraremos os días da Narración Oral, da Auga e da Poesía. Agardamos que gocedes desta programación, feita con cariño, ilusión e moitas ganas de dar a coñecer a creatividade das crianzas e a riqueza do sector cultural galego. Que sexa unha boa ocasión para retomarmos encontros e ilusións, de facermos unha festa arredor dos libros a a lectura, de reflexionarmos sobre como coa arte podemos pintar o mundo, loitar contra as inxustizas e parar todas as guerras.