O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

A xogar cos libros!

 

Tratándose dun Salón do Libro Infantil a temática de xogos e xoguetes era imprescindible ata o punto de que podemos dicir que xa tardou. Porque xogar é fundamental, xogando vívese, xogando apréndese e todo todo pode ser un xogo.

Cando pensamos en xogo veñen a nós imaxes nos parques, nas ludotecas, nos fogares… alí onde hai crianzas. Se pensamos na mocidade son os deportes, xogos de rol, videoxogos… os que aparecen. Sempre, a preocupación de que estes non sexan violentos nin sexistas, de que non esquezan o pasado e recuperen a tradición tanto na oralidade (con todas as fórmulas que acompañan as primeiras etapas de crianza e continúan mantendo e enriquecendo o patrimonio) como na escrita. De todo isto saben moito os que recompilan e o poetas da infancia.

Certamente, se pensamos nos patios das escolas ou nos parques infantís e zonas de xogo, un dos obxectivos das persoas mediadoras é buscar sempre a diversidade para que estes lugares non sexan campos de fútbol a secas, seguindo unha norma non escrita que segue a facer omnipresente a súa presenza nas noticias e as conversas.

Á hora de elaborar a bibliografía deste Salón temos que ter en conta todos estes camiños do xogo. Por un lado estarán os libros de ficción que falan de xogo e xoguete dunha maneira evidente, dende os clásicos coma O soldadiño de chumboata os máis actuais escritos con perspectiva de xénero como A reconquista, pero tamén aqueles que falan de ludopatías coma o último premio Lazarillo, A lebre mecánica.  

A literatura de tradición oral con todos os libros de adiviñas, enredos, trabalinguas, mentiras, ditos, cancións, fórmulas para pandar que acompañan o xogo e forman parte do folclore, recollidas directamente ou recreadas construíndo outras novas, como as 303 adiviñas ou Non trabes a lingua.

A poesía visual, tamén ten que estar aquí e así pensamos nos libros de Fran Alonso, nos xogos tipográficos de Gloria Sánchez ou Palabras brancas (que só utiliza a vogal a). Os xogos lingüísticos, a literatura lúdica, esa poesía que ten a máxima representación nos palíndromos (Soños) que se poden ler do dereito e do revés ou aqueles que xogan coas definicións (Elucidario ouAbelcebú, por exemplo). Algúns deles dirixidos a persoas adultas ou xoves adultas e ás que se pode acceder con gusto dende a mocidade. É o xogo literario.

Outros libros, comparten co lectorado o xogo, dende a creación dunha fórmula, como sucede coas Minimaladas.

Libros que nos descobren a maneira de xogar das crianzas como Chin Bam Bum ou O día das apertas. Ou libros (coma o de Istvan Banyai) que nos permiten ver (a calquera idade) a través do zoom dunha cámara o espazo visual que se vai abrindo ou pechando, do detalle á panorámica.

Hai libros que nos animan a construír xogos naturais coma o de Xocas do Museo do Pobo Galego ou os da colección Xoguetes naturais de Ouvirmos.

Os de colorear ou recortar, tan poucos entre nós pero que van abrindo campo e debemos telos presentes. Os da colección Coloreando de Hércules ou os de Aira pintando camiños e mapas.

Algún ensaio sobre o xogo e os seus valores. Os xogos cooperativos coa sinatura de Suso Jares, o pedagogo que turrou por eles dende a universidade e o grupo Novapaz.  Documentos sobre o xogo tradicional galego que, da man de especialistas como Paco Veiga non só o traballaron a nivel teórico senón tamén na práctica, recuperándoo nos espazos, dando pé a un asociacionismo rico e a institucións reais (coma o Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego) comprometidas a mirar por el. Un feixe de libros veñen desas mans.

Co xogo tamén teñen que ver esa morea de libros cd nos que a música acompaña ao texto e a imaxe. Semella que nos entra unha alegría brincadeira cando empezan a soar. Ese produto que comezou entre nós está a dar múltiples e bos resultados da man de grupos ou solistas e que son tantos que non podemos citalos todos, pero recomendamos unha visita ao catálogo de Kalandraka, a colección Sonárbore de Galaxiaco paso por María Fumaca, Mamá Cabra, Paco Nogueiras, Magin Blanco e tantos outros. Ao par da música,á acompañar non só como espectadores, están os libros que nos poñen a bailar directamente: Na punta do pé, Para cantar e bailar

Aqueles que poderiamos chamar libros xogo porque nos obrigan a brincar con eles a nivel mental como Balea ou Verme, os libros acordeón, os troquelados e con fiestras (polas que accedes a outros contidos), os que che obrigan a interactuar(Sopra neste buraquiño), os que che van sorprendendo (Oh!), aqueles que ata levan un espello para que podas ler o reflexo, os que levan incorporado o boneco ou xoguete (e que chamamos directamente libro xoguete)… ou aqueles outros que podes comezar a ler por un lado ou por outro ata chegar ao centro e atoparse como Lagarta, lagarta!, O neno que tiña medo dos robots. O robot que tiña medo dos nenos, Irmáns...

Libros que xogan cos nosos personaxes preferidos ampliando o campo de coñecemento e permitíndonos que continuemos xogando con eles coma Os arquivos secretos de Escarlatina. Algún outro que nos abre a porta ao xogo co papel como os de papiroflexia.  Ou os que nos levan a xogar na cociña mediante receitas como os da colección Cociña Infantil e Familiar.

Os quebracabezas e demais xogos educativos que xiran ao redor do literario ou non, deben formar un apartado especial. Son poucos aos que accedemos dende o galego e resulta moi necesario facelos visibles.

Si, hai algo de todo. Documentación sobre xogos populares ou tradicionais, sobre xogos de diferentes lugares do mundo, sobre o xoguete a partir de elementos naturais ou reaproveitandooutros materiais nunha loita contra o consumo e do que tanto podemos aprender mirando experiencias como a de ArteLixo en Redondela. Documentación sobre o xogo en xeral e os seus beneficios para a infancia e sobre os xogos relacionados con diferentes materias de estudo.Do que non hai… ben gustaría ter atopado algo máis, pero agora queda máis visible ese oco.

Por veces tentamos ser exhaustivas, pretendendo recoller todo o posible, pero outras, simplemente abrimos o portal a un mundo para que dentro dese corredor podades atravesar unha ou outra, como sucede, por exemplo, nos libros cd. Aínda que utilizamos un excell como xa é habitual, o apartado de xogos decidimos presentalo dunha maneira diferente, case a modo de catálogo comercial para facilitar a súa busca que non sempre é doada dada a escaseza de tendas especializadas e a cantidade deles aos que só se accede a través de plataformas.

Máis alá do documento de bibliografía, achegamos a outra información con enlaces a páxinas na rede (para poder seguir buscando máis documentación sobre a temática) e cos xogos que demos atopado en galego. Moito agradecemos ás editoriais e outro tipo de empresas que fan o esforzo para que a nosa rapazada poda ler e xogar en galego. Agradecemos o traballo de creadoras e creadores que, non só empregan o tempo inventando senón tamén tentando que os produtos podan chegar ás mans das crianzas, para que xoguen e se divirtan sen esquecer a súa lingua e cultura, esa que se foi construíndo ao longo dos séculos para chegar a nós. E, agradecemos a todas as persoas mediadoras que entregan eses libros e eses xogos en man, directamente, para que a cadea teña continuidade e a identidade sexa un valor en alza e así enriquecermos o acervo mundial.

A xogar!  

Pilar Sampedro (GALIX)