O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Con moita arte!


 

O lema “Con moita arte” remítenos á arte con maiúsculas e minúsculas. Cando falamos de arte, inmediatamente pensamos nas artes plásticas para, a continuación, aceptar que cando se citan as chamadas Belas Artes aparecen sete: pintura, escultura, arquitectura, música, danza, literatura e cine. E aínda así, pensamos nalgunha outra como a fotografía, o teatro como arte escénica ou o cómic nas marxes da literatura, por citar algunha. Polo tanto, elaborar unha bibliografía para este Salón pode ser moi doado (libros relacionados coa pintura, collendo o primeiro elemento) ou tremendamente complexo (ao tentar ir máis alá). 

Para non afogar na indeterminación decidimos comezar centrándonos na produción de libro informativo sobre arte (as publicacións de Kalandraka, OQart, Bululú), algunhas historias creadas arredor de pezas artísticas (como os contos da colección “Unha historia para un cadro” do Museo de Belas Artes da Coruña) ou arredor de artistas (O pintor do sombreiro de malvas, os diferentes títulos sobre Man -o alemán de Camelle-…) ao lado daquelas outras nas que obras e artistas aparecen dunha maneira moito menos enfocada (Avións de papel…). Botamos unha mirada aos clásicos porque nos avergoña esquecer o seu valor, que é o da nosa cultura (deixándonos levar por modas e novidades) e así recollemos obras de Castelao ou os cantares de cego de Díaz Pardo. Decidimos entrar nos libros non destinados á infancia e á xuventude para apañar a colección Art Book cos títulos de artistas das distintas épocas. E, tamén, recoller coleccións como Debuxo e pintura ou Traballos manuais para abrir algo máis o abano, porque o que tiñamos era moi selecto pero escaso. 

E fomos abrindo portas…

A da escultura, na historia que xira ao redor dunha obra pública, Sireno Sireno de An Alfaya, e pouco máis. Quedaba tan reducido que decidimos mencionar as obras Escultores/as de Nova Galicia Edicións pois, aínda que dirixidas a lectorado adulto, seguramente serán aproveitables nalgún caso á hora de observar esculturas e escultoras/es.

A da arquitectura, a través dos seus protagonistas (Antoni Gaudí) e moitas veces como pano de fondo tanto en obras que se sitúan na actualidade (A mansión dos Pampín, a serie fantástica Formig4s…) coma no pasado (Pedra sobre pedra, Aleida, A pedra do cervo…) e tamén nas diferentes guías sobre o Camiño, a cidade de Santiago…. dirixidas a todo tipo de lectorado.  De novo, acudimos ao catálogo anteriormente citado para remitirnos a eses libros de arquitectura que se centran nos diferentes estilos. 

A da música, por medio de personaxes relacionados con ela (Tártarus, A fuga do señor Bach, a serie de Berta Mir) ou a audición (e recreación con outras linguaxes) de pezas –especialmente- de música clásica (O bolero de Ravel, As catro estacións…). Hai editoras que se especializaron neste campo, de aí que animemos a revisar a colección de Ouvirmos, Dos Acordes ou de Edicións do Cumio para descubrir xoias que se ben non están dirixidas á infancia sempre poderán ser escoitadas ou consultadas. Varias editoriais están publicando libros-cd, con música, estes si destinados ao consumidor infantil;  unha iniciativa interesante e abundante na actualidade, dicir cales escoller porque son máis artísticas pode resultar -cando menos- atrevido, pero convidámosvos a repasar a produción. 

A da danza, en novelas como Tristes armas ou Un nome de dicionario. En libros–cd que animan a bailar a nosa música tradicional e a allea.

Saudamos o teatro,  recollendo as historias de actrices como María Casares ou Dorotea Bárcena. Do xénero teatral son varias das obras citadas como unha comedia musical, un auto situado nun mosteiro e obras de Vázquez Pintor, Neira Cruz, Cortizas, Teresa González…   

Abrimos a porta ao cine con Amor dos quince anos, Marilyn e non podemos negar que tamén a través dos relatos contemporáneos que asumen a linguaxe audiovisual. Acollemos a película de animación de Miguelanxo Prado porque ten moito que ver coa súa produción en novela gráfica e poderiamos citar O bosque animado, outra animación galega. Non nos resistimos a citar o libro Cinepoemas de Claudio Rodríguez Fer, non dirixido ás persoas máis novas pero que achega unha obra que os maiores da casa e da escola van gozar.

Démoslle a benvida á fotografía con libros coma o de Javier Teniente, Xurxo Lobato ou Andrea Costas, cada un no seu estilo, ou recollendo os murais que enriquecen as paredes das nosas vilas e cidades. E gustaríanos que se observaran aqueles libros ilustrados con fotografías de Daniel Puente ou de Manuel G. Vicente, polo seu valor artístico.

Hai portas especiais como as que nos trae a banda deseñada, un ámbito moi próximo ao libro xuvenil. Moi difícil a escolla do que é ou non arte dentro da súa produción pero non podemos dubidar da calidade recoñecida internacionalmente de autores como Miguelanxo Prado, por facer unha escolla.  

Esquecer o humor gráfico resultaríanos inxusto, xa recollemos a Castelao pero tamén debemos pensar en artistas como Xaquín Marín (que nos representa cun estilo absolutamente propio), Siro ou Xosé Tomás. 

Cos libros silenciosos tal vez teñamos menos dúbidas ao atoparse máis vinculados ao mundo da arte, por esa razón achegamos varios exemplos como as cidades de David Pintor ou Man de Camelle de Carmen Hermo. Eles, os libros sen palabras, son verdadeiros libros de ilustrador. 

Os libros infantís, son case por definición libros ilustrados, cada mediadora ten a súa colección de selectos, eu non dubidaría lembrar as ilustracións de Isaac Díaz Pardo para Memorias dun neno labrego ou as de Luís Seoane para Cartas a Lelo que abriron unha iconografía con selo propio en Ediciós do Castro, pero animo a que cada bibliotecaria mostre a súa escolla na que as obras actuais teñan moito peso. Nós, como vedes, centrámonos naqueles de texto xa clásico e ilustracións moi escollidas (antoloxías e selección poéticas como as da colección Trece lúas de Kalandraka, a colección Poesía completa de Rosalía ilustrada de El Patito ou as Escolmas poéticas de Tambre) aínda que cometemos a debilidade de recoller os de Pepe e Berta Cáccamo porque ninguén dubidará de que o que estes irmáns facían xuntos era verdadeira arte. Recollemos tamén a poesía visual, aquela que experimenta coa imaxe e máis alá, por ancorarse na arte contemporánea (con maiúsculas ou minúsculas). Outro ámbito a ter en conta é o daqueles libros nos que se reúnen varias manifestacións artísticas como Nas tardes escuras ou A miña primeira Rosalía, O meu primeiro Celso Emilio...  

En canto aos álbums, xa levamos citado algúns próximos á pintura clásica coma os de Cobas, algún outro coma os de Josse Goffin ou Iela Mari que son libros de artista. De todos xeitos, temos que dicir ben alto que os nosos álbums ilustrados están cheos de arte, que as nosas ilustradoras e ilustradores acadan unha calidade que ben merecerían estar nos museos, pero que non nos atrevemos a escoller claramente cales deben formar parte da bibliografía e cales non, deixando esa responsabilidade nas persoas mediadoras. Ben é certo que hai nomes que non podemos dubidar porque foron merecentes de premios e as súas ilustracións atravesan fronteiras, tanto as de ida como as de volta, por exemplo, as que foron premiadas nos premios Compostela ou as que acadaron premios fóra coma os Premios Nacionais (Óscar Villán, Federico Fernández) ou Ramón Trigo cos premios Lazarillo de Álbum Ilustrado ou o do Cabildo de Gran Canaria. Outros, forman parte desa nómina de autorías de texto e ilustración que se poden considerar clásicos dentro da literatura infantil, tanto a escrita en galego como a traducida a esta lingua, coma os de Maurice Sendak, Arnold Lobel, Janosh, Leo Leonni, Pat Hutchins, Anthony Browne,…   

A literatura está nos libros, é o seu lugar natural. Mais, é ben certo que non todo é literatura e que para distinguila hai que deixar repousar as obras, ver como resisten o paso do tempo, de aí que non nos atrevamos a falar de ARTE ou LITERATURA máis alá dos clásicos ou de escollas moi selectivas.

Se pensamos nun Salón do Libro Infantil, a sinécdoque lévanos a falar de literatura como a totalidade dese ámbito dirixido á rapazada, o libro divulgativo, informativo e de coñecemento queda, moitas veces, na retagarda coma ese convidado invisible. É ben certo que o avance do LIXG en cen anos de vida foi impresionante pero este éxito non é equilibrado. Gana por goleada a creación, a imaxinación, é dicir, a literatura, grazas ao esforzo das creadoras e creadores á hora de escribir literatura infantil e respondendo moitas veces a un compromiso coa lingua e a cultura. O libro informativo precisaba dese compromiso por parte das empresas editoras e institucións e aí andamos, sen acabar de despegar, na grella de saída. Pode que o tema deste salón faga pensar na necesidade de máis publicacións deste tipo dirixidas á infancia, pois é ben certo que nin sequera a celebración do Día da Arte Galega está facendo agromar eses libros tan necesarios.

Como xa se dixo anteriormente, ante a escaseza de libros de arte dirixidos á infancia e mocidade e, tamén, como recoñecemento ás empresas que fan un esforzo por dotar o sistema destes materiais, recollemos algunha obra de adultos, na confianza de que podan ser consultadas en bibliotecas, no caso de que se considere necesario.

Con moita arte vai dar xogo nos centros educativos. O profesorado sempre atopa a mellor forma de aproximación ao tema, por moi difícil que este sexa, leva toda a vida demostrándoo en cada celebración das Letras Galegas e en calquera reto que se lle poña.  Por iso, esta bibliografía quere ser un vento que mova follas, que abra o abano e deixe ver algo do moito que elas e eles van utilizar con moita arte.

Pilar Sampedro (GALIX)