O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Cartel gañador do Salón do Libro

A ILUSTRADORA VENEZOLANA SUSANA SUNIAGA GAÑA O III PREMIO INTERNACIONAL DE ILUSTRACIÓN DO SALÓN

  • O traballo –escollido entre 126 propostas– será a imaxe do cartel da XXI edición do Salón que se celebrará do 6 ao 27 de marzo do vindeiro 2020 co lema “O Humor”.
  • O xurado destacou “o acerto no enfoque do tratamento da temática proposta e a conexión que a autora fixo entre o libro e o humor, a súa forte personalidade, a calidade na proposta estética e o atractivo imaxinario simbólico da imaxe”.
  • O certame, convocado polo Concello de Pontevedra en colaboración con GÁLIX, seleccionou tamén doce finalistas.
  • Coa ilustración gañadora e as doce finalistas, o Concello de Pontevedra editará un catálogo en forma de calendario do ano 2020.

A ilustradora venezolana afincada en Pontevedra Susana Suniaga resultou gañadora do 3º Concurso Internacional de Ilustración, convocado polo Concello de Pontevedra en colaboración con GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), co fin de escoller a imaxe do cartel da XXI edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebrará no Pazo da Cultura da cidade entre o 6 e o 27 de marzo de 2020 e que terá como temática central “O Humor”.

O xurado escolleu o traballo de Susana Suniaga de entre 126 presentados, cunha ampla participación internacional dun total de 15 países.

Á hora de escoller o traballo da ilustradora venezolana o xurado destacou “o acerto no enfoque do tratamento da temática proposta e a conexión que a autora fixo entre o libro e o humor”. Destararon, así mesmo “a súa forte personalidade, a calidade na proposta estética e o atractivo imaxinario simbólico da imaxe”. A artista premiada destacou que para crear a súa imaxe trasladouse aos lugares da súa infancia en Venezuela para lembrar “os momentos de risa auténtica e feliz ao ver on contos da miña nenez onde saían sempre animais humanizados interpretando distintos roles para provocarnos o sorriso. Os animais deste cartel  personifican un momento de lectura e de xogo, de complicidade, de risas, de alegría…”.

Integraron o xurado, reunido hoxe na Sala de Comisións do Concello, as seguintes persoas:

  • Antonio Seijas, ilustrador, en representación de Gálix (Asociación Galega de Literatura Infantil e Xuvenil).
  • Alberto Ariza, ilustrador, en representación da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración).
  • Itziar Ezquieta, artista plástica e ilustradora e docente da Universidade de Vigo.
  • Belén G. Freijeiro, deseñadora gráfica e docente no Máster de Libro Ilustrado da Universidade de Vigo.
  • Eva Mejuto, coordinadora do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
  • Actuando como secretaria Pilar Portela, directora xerente do Pazo de Cultura de Pontevedra .

Ademais da imaxe gañadora, o xurado votou doce finalistas. Con todas elas farase unha exposición durante O Salón e ademais o Concello de Pontevedra editará un catálogo en forma de calendario para o 2020.

As autoras e autores dos proxectos finalistas son os seguintes: Fernando Tomé Castro (Galiza), Quico Pérez Villanueva (Galiza), Bea Gregores (Galiza), Kim Amate (Cataluña), Sofía Venzel (Rusia), Andrés Cañal (Cataluña), Florencia Rodríguez (Arxentina), Paula Ventimiglia (Arxentina) e Bea Lozano (Castela León).