O SALON logo V BCO
O SALON logo V BCO

Premio María Victoria Moreno 2024

Lois Pérez gaña o V Premio de Literatura Xuvenil María Victoria Moreno

O mestre e escritor lucense, foi galardoado en 2021 co Premio Agustín Fernández Paz e este ano 2023 co Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.

Na selección como gañadora da obra ‘Cartas na escuridade’ o xurado destacou a súa reivindicación dos dereitos humanos infatís a nivel global e o feito de “visibilizar realidades presentes no día a día pero das que non se fala, facendo remover conciencias na sociedade”

Ademais dunha dotación económica de 3.000 € a obra será editada e publicada en lingua galega da man da citada editorial cara o mes de abril


O mestre, poeta, escritor e guionista lucense, Lois Pérez resultou gañador do VI Premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil convocado polo Concello de Pontevedra e a editorial Cuarto de Inverno. Esta mañá participou nunha recepción por parte do alcalde, Miguel Anxo Fernández e o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez e nunha posterior presentación aos medios á que tamén asisitiu Andrea Jamardo.

Entre as preto de 30 obras presentadas, o xurado reunido hai unhas semanas e composto pola libreira Luz Gallego en representación do Concello de Pontevedra, Andrea Barreira Freije en representación da familia de María Victoria Moreno e Andrea Jamardo Seijo, en representación de Cuarto de Inverno, considerou como gañadora por unanimidade dos votos a obra presentada baixo o lema  «Entrementres e non» que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Lois Pérez Díaz e con título definitivo Cartas na escuridade

Na rolda, o concelleiro destacou a “dificultade de construír unha novela de literatura xuvenil. Os autores e autoras, constrúen o seu lector para dirixirse a esa persoa.  Este caso non permite dirixirse a calquera lector que nós desexemos, senón ao público xuvenil. Un público moi determinado, que xera un marco no que a obra debe ser creada. Por iso creo que a literatura xuvenil, que as veces non ten ese carácter de obra artísitca, de obra literaria de gran nivel, conta con esta dificultade de marco previo ao que se teñen que adaptar as autoras e autores – que non o teñen o resto dos autores que teñen unha maior liberdade creativa que en certo modo facilita a redacción das súas obras. Paréceme moi complexa a labor do xurado, do que facía parte Andrea Jamardo de Cuarto de Inverno e sobre todo, moi complicado o traballo que fixo Lois Pérez coa redacción desta obra que realmente temos moita gana de ter na man para poder ler. O xurado destacou o tema social e por aí vai outra parte que me gusta destacar desta obra: as veces a literatura xuvenil ten un carácter didáctico, pódese utilizar nas aulas e esta, polo que adiantou o xurado, ten capacidade para ser lida con múltiples lecturas para que o público xuvenil ao que se dirixe – e incluso o público adulto- , poida aprender de realidades distintas da nosa, moito máis duras e poñelo en relación coa vida que levamos neste primeiro mundo”

Demetrio cedeu a palabra a Andrea Jamardo que quixo “agradecer ao Concello de Pontevedra por confiar en nós e sobre todo á familia de María Victoria Moreno porque o tándem Concello de Pontevedra – Cuarto de Inverno continúa a ser o acertado para publicar esta obra. A deliberación do xurado  foi complicada porque foi dos anos que máis obras recibimos con case 30, e quero dar as grazas a todas esas persoas que un ano máis quixeron participar neste premio. Sei e estou convecida de que unha das motivacións para presentarse ao María Victoria Moreno é que ese autor/a terá eses lazo coa autora que nós estamos aquí homenaxando. Moitas grazas a Lois. Cando abrimos a plica foi unha sorpresa e as tres quedamos encantadas. Para Cuarto de Inverno tamén é unha honra que Lois Pérez fome parte do noso catálogo. Agardamos que a obra teña unha acollida estupenda como están a ter as anteriores”

Pola súa banda o autor premiado manifestou a súa felicidade por diversas razón: “sempre é especial vir a Pontevedra, temos un vínculo con esta cidade e é tamén é moi especial gañar un premio que leva o nome de María Victoria Moreno, o nome da que probablemente é a poeta alófona – xunto a Anne Marie Morris – máis destacada da nosa literatura. Moi agradecido  ao Concello, que penso que é un referente para moitos outros lugares do país polo seu apoio á nosa lingua e a nosa cultura. Moi contento tamén porque sexan Andrea e os seus compis de Cuarto de Inverno, por poder traballar con eles neste proceso de edición que agora comeza”.

“A novela básicamente é unha aventura que ten que ver co medo, coa indentidade e coa imposibilidade de ser en algunhas xeografías do mundo actual. Trata dunha nena e un neno soldado ugandeses que por circunstancias diversas e o tráfico de persoas, rematan ás portas do Mundial de Catar, el traballando nos estadios e ela facendo hoteis sen saber que están os dous no mesmo país logo de anos sen verse. Hai un par de universitarias cataries, inventando unha sorte de revoltas, do recoñecemento dos dereitos das mulleres e os democráticos da cidadanía. Hai un francés, Oliver, fillo dun deputado corrupto que ten lazos e negocios cos xeques e finamente, hai un condutor de bus que ten tamén a encarga de desfacerse de toda esa correspondencia desta xente, que vive en barracóns, no deserto. Debería queimalas pero el vai gardando cartas e entrando en contacto coas realidades de moita xente.

É unha aventura, pero a pesar de que trata cousas serias, hai humor. Responde un pouco ás miñas inquedanzas. Dalgún xeito intento explicarme o mundo no que estamos vivindo. Creo que é imposible, non tés moito que contar se non tomas conciencia do mundo no que vives e aínda que eu busco a literatura finalmente, abrir unha porta á experiencia do mundo, deixar que respire, tamén me interesa falarlle de determinadas cousas ao público potencial da novela que é a nosa mocidade. Eu teño moita esperanza na mocidade, nas novas xeracións, non só como xente que pasa por alí, senón como xente  que pode cambiar o estado das cousas e facer deste mundo un lugar mellor para moita xente. Agradecer a miña compañeira Alba e ao meu fillo, tamén por esta oportunidade de gozar da marabillosa cidade. Militamos na tristeza esperanzada.”

A obra premiada Cartas na escuridade que segundo avanzou a editorial verá a luz cara o mes de abril, foi precedida por O bestiaro científico de Anxos Nogueirosa de Antonio Manuel Fraga, Ardora de Beatriz Maceda, Velloucas e minchas de Lorena Conde e O segredo de Al´eume de Pilar Ortega e Nom estamos quebrades  de Nee Barros, gañadoras en anteriores edicións.