No dicionario da RAG defínese maxia, primeiramente, como o “conxunto de crenzas e prácticas baseadas na existencia de forzas sobrenaturais que se poden utilizar para facer o ben ou o mal”, nunha segunda acepción como a “arte de levar a cabo feitos que, aparentemente, non teñen explicación lóxica pero que se basean na rapidez e axilidade de quen os realiza, nalgún tipo de engano ou noutros medios, químicos ou físicos” e finalmente como o “efecto que causa algo ou alguén que atrae fortemente e ao que é difícil resistirse.”
Á hora de elaborarmos esta bibliografía, a primeira das acepcións lévanos ao mundo dos contos marabillosos, abarrotado de maleficios e feitizos, de fadas e meigas, bruxas, bruxos e druídas que manexan a maxia; neste grupo estarán todos eses relatos nos que algo sobrenatural actúa cambiando a orde das cousas: A Cincenta coa fada, A Bela Durminte co bico do príncipe, A Bela e a Besta, Tres contos marabillosos… e tamén Pinocho, as series O Señor dos Aneis, Dragal, Harry Potter, O clan da loba e mesmo Poderosa (a rapaza que converte en realidade todo canto escribe coa man esquerda).
A segunda sitúanos nun campo pouco traballado no noso sistema literario; temos pouca experiencia neste eido, máis alá do Mago Antón e a historia que sobre el escribiu Darío Xohán Cabana (O milagre das estrelas. Aventuras do Mago Antón no Camiño de Santiago), O pazo máxico. A túa primeira escola de maxia, a serie Chrystyan Magic…
O terceiro dos significados ábrenos a grandes panoramas que convidamos a que cadaquén peche seguindo as súas preferencias (por exemplo: a maxia da lectura, esa sedución que nos atrae nos bos libros e nos conduce a un mundo de ocio cultural, rico e san).
A maiores, como non recoller as obras que conteñen ese campo semántico no título? Así atoparemos uns que han de formar parte desta selección de forma clara e outros nos que puido ser o azar o que guiou o autor ou autora á hora de escoller como chamarlle á obra: As meigas de Lupa, Druídas, A maxia dos trasnos, As bruxas, O corazón da maxia, Os poderes máxicos de Aitema… e algún que colocaríamos na terceira das acepcións (A maxia de mamá que calma o bebé só coa súa compañía, Maxia cando se fai o milagre ao darlle o peito ou A maxia da horta para reivindicar o cultivo da terra), aínda que non debe sorprendernos cando ese título responde unicamente a unha frase que se di para espantar malas ideas (Meigas fóra!) como exemplo de casualidade …
Toda a literatura está chea de maxia e máis a fantástica. Con todo, decidimos deixar fóra o multiverso, a creación doutros mundos aos que se pode acceder a través dunha porta, fiestra ou roupeiro (máis alá de Alicia que os pode representar a todos), os rapaces que saen dos libros para situarse na vida real (A fuga de Guillermo…), os monicreques aos que lles cortan os fíos e continúan ao seu aire (Zimbo), os contos nos que se abren portas ao dicir determinada frase ou aqueles nos que un xenio cumpre desexos (certamente é maxia pero serían demasiados e todas as persoas mediadoras os teñen presentes), aquelas historias nas que un obxecto máxico é fundamental (por exemplo en Maruxaina, Xinfu na maldición guachuky, Arnoia, Arnoia…), os que mostran a transformación dos seus personaxes (Noutra dimensión), aqueles nos que os deuses marchan dos cadros que sempre os representaron (O deus desaparecido) ou os que falan do poder da Fonte da Fala (O Chispas), aqueles nos que se cita a alquimia pero non da man de bruxos senón de monxes (Rugando ou o misterio do cuarto secreto), os que investigan sobre mundos ocultos (como a a saga de Basilius Hoffman ou A materia escura), os que recollen transformacións (A brétema, O cataventos, Dos estranos ollos de Damaluar e das aventuras que lle sucederon o día que desapareceron as súas zapatillas…)
Quedan fóra todos os libros que tratan de seres que non son xente, todos aqueles que forman parte da mitoloxía galega (trasnos, nubeiros, sereas, biosbardos, mouros e mouras, sacaúntos, xacias, lobishomes, lamias, tardos, olláparos… en libros como Instrucións para ler estes libro, Xildas, A viaxe dos troles, Na procura do medo esquecido. Catálogo de criaturas mitolóxicas e fantásticas de Galicia, As aventuras de Enrico Müller … toda a mitoloxía descrita por Reigosa e Miranda) pero que se recollen cando levan no título a palabra máxica O trasno de Bóveda e a chave máxica). Tampouco están os de mitos e lendas (A moura que creou o mundo. O mito galego da creación, O desencantamento, Pel de lobo, Aldara, Monte Pindo. Historias de lendas do olimpo celta… ou todos os que teñen que ver cos Reis Magos e demais visitantes no Nadal), nin tampouco os de superpoderes (O poder de Amabel, Os Megatoxos…) ou os das viaxes no tempo.
Deixamos, polo tanto, abertas posibilidades de ampliar este recurso cos materiais cos que contan as bibliotecas e semellan axeitados, pero tamén con aqueles “que atraen moito e aos que resulta difícil resistirse”. Un xogo interesante no que participará encantado o alumnado achegando aqueles materiais e obxectos máxicos así coma os nomes das persoas (e demais seres) que tamén poden levar ese adxectivo.
Sen dúbida, este será, de novo, un bo Salón, cunha temática acorde ao que desexamos e construímos entre todas. Que a maxia nos acompañe!
Pilar Sampedro (GALIX)