Hoxe acompañamos ao concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, na presentación da programación do Salón. Este ano temos un lote de actividades divertidas, didácticas e máxicas!
Haberá espectáculos, de pequeno, mediano e gran formato, que foron feitos á mantenta ou ben se estrean no Salón. Un deles será a inauguración, a cargo de Manuel Albariñas, xunto ao Ballet de Galicia, o Coro do IES A Xunqueira I, Su Garrido Pombo, Magia en la Manga… e a clausura, a cargo do Rock Lab coa presenza da Orquestra Sinfónica de Pontevedra.
Ou DESCUBRINDO MAGAS, con Raquel Queizás que vai estrear o espectáculo. A peza xira arredor da figura das mulleres na maxia (un mundo eminentemente masculino onde as elas estaban, pouco máis que para faceren de “secretarias” ou axudantes dos magos “importantes”). Pero mulleres magas, como as meigas, habelas hainas!
Outra das actividades para non perder son as do 8 de marzo, xa que haberá unha programación especial sobre Maxia e Igualdade, reinvindicando precisamente a visibilización das mulleres magas. Acompañarannos ese día a Maga Fani e Magia en la Manga, ademais doutras actividades tanto en gastronomía, videoxogos, contos… cun enfoque reivindicativo!
No Salón teremos tamén a estrea do espectáculo Sinfonía Máxica, do Mago Teto coa Banda de Música de Salcedo. E a maxia da música tamén estará presente a través da canteira musical de Pontevedra cunha actuación conxunta do Coro Luis Alvarez Limeses e o Coro do Conservario Manuel Quiroga.
E, claro, no Salón haberá tamén sesión de contos. Estrearanse os espectáculos Menú máxico de contos de Cris de Caldas e Xabi do Camiño, O chintófano de Dorothe (sobre Dorothe Shubart) da acordeonista pontevedresa Sonsoles Penadique
A maxia de Salón, isto é, o mundo da prestidixitación estará tamén presente en espectáculos como a “Gran gala de maxia” que xunta ao mellor de maxia infantil e familiar galega e os magos pontevedreses Pedro Volta co espectáculo “ILusionante” e Javier Muro con “Sinsababib”.
Mais, na programación e na ambientación deste ano tivemos especial interese en destacar a maxia con fonda raíz galega: desde a Fraga de Esmelle de Cunqueiro que será o espazo central do Salón, albergando a biblioteca, a toda unha variedade de actividades arredor de magos, bruxos, xacias, sereas, mouras…con narradoras da talle de Soledad Felloza ou Paula Carballeira. E a maxia que máis nos présta, a que acontece cada vez que abrimos un libro, cunha biblioteca de préstamo de máis de 4.000 volumes (aos que este ano incorporamos libros sobre maxia e, por suposto, libros en catalán dentro da programacion do País convidado). Tamén teremos libros en braille que nos cede a ONCE, e unha sesión de contos en lingua de signos por Susana Peix. Incorporamos á biblioteca do Salón tamén libros en árabe, para a nosa veciñanza da comunidade magrebí.
Como novidade, programamos cinema familiar en horario matinal os tres domingos do Salón, serán no Teatro Principal e corren a cargo do Cineclub Pontevedra. -A programación de bebés, que son das actividades máis demandadas do Salón, celebraranse nas fins de semana, e haberá contos, teatro, música, maxia e danza.
ACTIVIDADES CONCERTADAS COS COLEXIOS
Como é habitual, teremos actividades escolares que se fan en horario de mañá concertadas cos coles. En conxunto, serán arredor de 60 centros desde ensino infantil ata universitario que congregarán, nas actividades de mañá, uns 5.000 cativos/as e mozos/as nun conxunto de preto de 150 actividades. Algunhas delas son:
Sesións de contos para rapazada de infantil e 1º ciclo de primaria, con Raquel Queizás, Sonsoles Penadique, Bea Campos, Polo Correo do Vento e Migallas. E as contadoras catalás convidadas: Sherezade Bardají e Susana Peix
Espectáculos para os máis pequenos, infantil de 4 e 5 anos que retomamos este ano con espectáculos de contos e música con Bea Campos.
Obradoiros para a rapazada de segundo e terceiro ciclo de Primaria, con Susana Suniaga, Anxo Fariña, Ceo Aberto e tamén autores convidados/as cataláns-galegos como Rena Ortega ou Pere Tobaruela.
Espectáculos de maxia para alumnado de primaria como Contamaxia, Maxia contra a ciencia do Mago Paco e Maxia en Igualdade por Magia en la manga.
Teatro: Titiricircus de Tanxarina para primaria
O alumnado de secundaria participará principalmente a través dos clubs de lectura, nunha festa-encontro de clubs de lectura onde estarán dez centros da ESO e Bacharelato o día 11 de marzo, e tamén distintos encontros lectores con autores coma Kiko Dasila, Lois Pérez, María Reimóndez ou Paula Cheshire.
E para completar teremos varios encontros de alumnado universitario de ciencias da educación de Pontevedra, Ourense en Santiago.
Vémonos no Salón!