Sabedes o que é unha arepa? Pois é unha unha delicia feita con fariña de millo que se come en moitos lugares do mundo. É propia da gastronomía de países como Venezuela ou Colombia, o noso país convidado este ano. Este prato leva ricos recheos, e entre os seus ingredientes habituais están o queixo ou o aguacate, por exemplo. E esta tarde, no Salón, escollémolas para merendar!
Coa axuda das amigas de Reviravolta preparamos unhas deliciosas arepas nun tris e enchémolas de rico queixo. Logo escoitamos uns contiños para rematar a sesión. Ñam!
Tamén estivo con nós Cé orquestra pantasma que con fermosas cantigas do seu libro-disco ‘Fíos do querer’ fixo disfrutar a bebés e acompañantes.
Cantamos xuntos á teta de mamá, a papá ou aos bicos! Como era? Veña todos!: “Que ricos os bicos, que ricos están. Os bicos que saben son bicos de pan. Que ricos que saben que ricos que son, os bicos que saben son do corazón”
A arte pode ser un xogo e o xogo converterse en arte! Con esta premisa, a Asociación Paspallás propuxo un divertido taller de creación artística no que, a través do xogo, crearon un collage colectivo con tipografías, texturas, cores e diferentes materiais. Como se de artistas dadaístas se tratase. Divertidísimo!
Avanzada a tarde, tivemos o pracer de pasar un anaco coa contadora Carolina Rueda chegada de Colombia gozando do seus “Cuentos cantados. Cantos contados”. Unha elección universal de tradición oral na que puidemos gozar de cancións colombianas, o conto tradicional español ‘La siesta de la abuela’ e diversas historias da súa propia autoría.
E como remate desta primeira xornada asistimos a un fermoso espectáculo. A voz de Ledicia Costas guiou a función de “Son de Contos”, un proxecto que mistura a música con textos de Manuel Lourenzo González “A galiña o lagarto e o burro [2009]”(autor homenaxeado este ano no Salón) e Fina Casalderrey “Un cesto cheo de misterios [2004]”.
Acompañaron á narración de Ledicia a Asociación Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, o Orfeón Terra Nosa e a soprano Clara Panas. Na parte instrumental estivo da Banda Municipal de Santiago.
“Son de contos”, ateigou o Auditorio do Pazo da Cultura, é un proxecto de Vicente Couceiro con música de Fernando Ruibal e Julius Andrejevas.
Alén de ler e xogar, no Salón tamén deixamos espazos para reflexionar e debater. Desta vez, exploramos con Branca Novoneyra e Carlos Uzal da Asociacion Itinera a faceta máis terapéutica da lectura, cunha xornada de formación sobre Biblioterapia á que asistiron as bibliotecarias de BAMAD. E chegamos á conclusión de que a lectura tamén cura.
Xa sabedes que sodes benvidas no Salón e que paga moito a pena vir ata aquí pero… para días como o de hoxe, que non está moi claro se chove ou sae o sol…achegamos o Salón coa nosa #Rodalibros ás parroquias. Hoxe tocou #PonteSampaio e pasamos a tarde lendo ao acubillo.