O primeiro sábado do Salón comezou con moitísima actividade. Pola mañá, os nosos amigos Pavís Pavós trouxeron A hora do conto ao Salón!
Contáronnos historias Contos que-que-dequé, unha divertida e inspiradora serie de contos cos que comezamos a xornada. Logo fixeron un obradoiro creativo con figuras en 3D moi coloridas. Por certo, todos os sábados, das tres fins de semana do Salón, teremos a Hora do Conto.
Tamén acollemos actividades para a cativada máis miúda, os bebés.
Cando pensamos nos libros como iniciadores de xogo adoitamos fixarnos no seu contido, na súa estética, nas súas ilustracións… pero os materiais, as texturas, o papel ou a cor son tamén elementos importantes neste primeiro achegamento.
E iso foi, precisamente, o que poideron experimentar nesta chuviosa mañá as familias que nos acompañaron. Disfrutaron do fermosísimo obradoiro “A vida secreta dos libros”.
Arkhé Espazo Educativo creou un estimulante espazo na Cova dos libros fantásticos para que cada bebé poidese experimentar libremente coas texturas, materiais e elementos sensoriais que forman parte dos libros.
Unha preciosidade!
Que sorte temos de ter estes días con nós a Diego Alejandro Ruiz, un dos nosos convidados de Colombia (el ven de Medellín) para contarnos contos colombianos e cancións latinoamericanas. Vaia maneira tan fermosa de cruzar o océano a través da palabra e da música. Grazas, Diego, por agasallarnos coa túa fermosísima voz!
Quen non coñece algún xogo de cartas? Son divertidos e para todas as idades! E se as cartas fosen mostruosas? Mellor, máis divertido aínda! O noso amigo, Anxo Fariña, aprendeunos hoxe a debuxar unhas terroríficas e divertidas Cartas de monstro de peto. Démoslle características especiais a cada personaxe e empregamos pegamentos con texturas e cores que facían -aínda máis sorprendente- o resultado final.
Quen quere botar unha partida?
Hoxe comezou no Salón o recanto tecnolóxico do MUVI cunha achega aos xogos míticos do fin dos anos 70 e dos 80. Puidemos coñecer a historia de xogos coma o Súper Off Road, Pong, Gran Turismo, Puzzle Bubble e Micro Machines e claro, tamén os probamos. Estabamos coma no salón de casa!
“Había outra vez…” Así comezan as historias bonitas e iso xusto é a mostra colectiva que inauguramos esta mañá no Museo de Pontevedra. Achegádevos a gozar coa obra de Itziar Ezquieta, Belén Padrón, Manolo Figueiras e José Carlos Seoane: 4 artistas con personalidades e modos de pensar e traballar a pintura moi diversos pero unidos pola historia que hai detrás, escrita por Manuel Lourenzo, escritor homenaxeado do Salón.
Un relato literario construído con palabras e ilustracións que agarda por vós no edificio Castelao grazas ao traballo conxunto dos artistas e as redes colaborativas tecidas polo Concello de Pontevedra e o Museo de Pontevedra.
E a Rodalibros comezou a rodar por diferentes espazos da cidade e as parroquias. Nesta mañá estivo en Monte Porreiro.