Inauguramos o Salón cun espectáculo ben xeitoso conducido polas fantásticas María Lado e Lucía Aldao onde non faltaron a danza, a música, os cantos e os contos. O que faltou era Orbil que andaba xogando ás agachadas metres a Chouque Big Band, o coro da Xunqueira e a escola do Ballet de Galicia fixeron gozar ao numeroso público que nos acompañou. E é que, como dixo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores citando a Tonucci “xogar é unha cousa moi seria!” E… os “libros para xogar” – que é o lema desta XXIV edición do Salón – aínda máis.
Os recitais dos convidados de Colombia, Diego Alejandro Ruiz e Carolina Rueda pecharon o acto que deu paso a ansiada apertura de portas do Salón. Que gana tiña a cativada de se reencontrar con Orbil! Logo de cubrilo de bicos e apertas, puidemos percorrer a Sala que está preciosa cos traballos dos coles, as expos dos homenaxeados, de xogos tradicionais, cunha ambientación ben bonita e… o máis importante: moreas de libros que agardan por vós xunto as máis de 300 actividades do Salón do Libro este ano. Vémonos no Pazo da Cultura de Pontevedra ata o 7 de maio!